Domingo 21 de abril de 2019. II de Pascua


A vida en xeral é bastante dura. Moitas veces vivímola marcada máis polas experiencias de sufrimento que polas de felicidade. Pero non nos podemos negar o soño da felicidade, non nos podemos negar a ter esperanza a pesar de todo. A resurrección é ese desexo humano, vivo e verdadeiro, ao que de entrada parece que se quere negar Tomé. Resucitar é apostar pola vida máis aló de toda evidencia. Falar de resurrección é falar dos desexos fondos dos seres humanos, máis aló da Historia, na espera contra toda esperanza.

Falar de resurrección é falar dos desexos fondos dos seres humanos

Falar de resurrección é falar dos desexos fondos dos seres humanos, máis aló da Historia, na espera contra toda esperanza.

Despois da morte de Xesús, as comunidades cristiás recoñecen o valor da súa vida, e recoñéceno como “O meu Señor é o meu Deus”: un Cristo feito carne humana e divina, feito da mesma divindade que tamén está presente en nós a través da nosa capacidade de amar o próximo como a nós mesmos. Deus vívese nas relacións humanas, partindo do cotián, tocando nas feridas. Deus é capaz de provocar en nós o encanto de estar vivos, o gusto de estar no aquí e no agora, aínda que as nosas vidas non estean no seu mellor momento. Aínda que fóra ameacen a persecución e a morte, aínda que nos teñamos que esconder con medo: encerrados e con medo, Tomé e a primeira comunidade cristiá senten que tocan o ceo, que están nun paso de resurrección.

Falar de resurrección é abrirse a unha transformación nas relacións humanas

Resucitar fainos devolver dignidade e valor ás persoas. As vidas excluídas son valoradas porque somos quen de compartir o pan, de acoller os caídos nos camiños, de curar enfermos que ninguén quere coidar, de visitar ás persoas presas, de acoller nos nosos brazos a quen chora. Construír vida e vida digna, vida en abundancia, tan distinta desa abundancia baleira que nos quere vender o consumismo. Devolver vida digna nun instante, para que a persoa se erga con dignidade. É a partir desta visión podemos falar dunha tradición de resurrección, dunha tradición crística, porque somos Cristo uns para os outros. Somos unxidas e enviadas unhas ás outras, uns aos outros, de tal xeito que xa non nos chamaremos máis inimigos, senón amigos, abrazados á nosa misión crística no mundo.

Marisa de corme

Deixar un comentario