Quen somos

Para os que non coñezan ben esta revista, tres pinceladas que pensamos que nos fan orixinais:

Primeiro: o noso Ecumenismo Ventureiro. Híbrido, aberto, antidogmático. Un ecumenismo de corredoira, agora que a metáfora do Camiño está algo secuestrada. Non pretendemos equidistancias, pero distamos millas dos fundamentalismos de babor e estribor, porque, como dicía Pepe Chao, fundamentalismo debe vir de “funda mental”. E temos algo de inetiquetables. Que si, que abofé que temos fe, pero sobre todo queremos ser xente de boa fe. Fe nunha decidida maneira de estar no mundo: a das mesas compartidas, a do que baixa do cabalo para atender ao que cae, a de dar vista ao cego, voz ao mudo, liberdade á oprimida… un ecumenismo da ortopraxe, da esperanza compartida, cos pés na nosa terra, nesta terra… Ese ecumenismo da xustiza que une a crentes críticas e moi diversas, a escépticos honestos, a pesimistas esperanzados, a agnósticos humanistas e a ateos grazas a Deus.

Segundo: que estamos ancorados nun Panchovillismo descabezado. Que nos sabiamos a Tropa de Pancho sen Pancho pola corredoira arriba (quizais pola corredoira abaixo). Que desde hai 17 anos non temos director e que na mesa de redacción practicamos un coralismo extremo, e que estamos a gusto, descabezados impenitentes que en rede montamos a Irimia a golpe de espontaneísmo e gratuidade, de vontade, de mil colaboracións horizontais, xenerosas… Sobrevivindo sen Pancho e sen Zapata…, e así nos vai… de ben.

E terceiro e último, que temos vocación de lévedo na masa. Non de masa. Si de fermento. Na clave dun levedismo radical. Que apostamos pola conquista da soberanía no cotián. De que a xente que non conta recupere estima e dignidade, polo seu falar, polo seu saber, polo seu sabor. Dar esas pequenas alegrías, esas boas noticias, sen chupar o dedo nin comungar con rodas de muíño. Boas noticias incribles, das que fan mover a historia, como esa de que os últimos serán, han ir sendo, teñen que chegar a ser,  igualiño ca os primeiros.

Información sobre a Asociación Irimia

Tamén podes consultar de balde ós pdf dos números do 2009 para aquí: http://asociacion-irimia.org/revistas.html

6 comments

  1. Estimados amigos:
    Escribo desde Cantabria porque me gustaría contactar con Anxo Lamas. Les rogaría que me proporcionasen una forma de contactar con él (teléfono o correo electrónico) o que le hicieran llegar mi teléfono y correo electrónico si así lo desea él. Muchas gracias.
    Reciban un cordial saludo

    Juan Carlos Rojas

  2. Saúdos, compañeiros/as.
    En primeiro, presentarme: son Manuel B. Dans e dedico o meu tempo de lecer a escribir artigos para a revista A Xanela, de Betanzos, e para o xornal Mariñán, de Sada (A Coruña), que é a miña vila.
    Hai un ano decidín facer un estudo sobre neofalantes, colectivo ao que eu tamén pertenzo (educáronme en castelán, tanto na casa como na escola, e ese foi o meu idioma até que con 13 anos dei coa Obra Completa de Rosalía de Castro en verso; sei que soa a tópico, mais é absolutamente certo: aí comezou todo).
    Mais, a medida que ía entrevistando (levo 21 persoas) decateime de que o traballo daba máis do que para unha xeira de artigos: daba para un ensaio.
    E nesas estou.
    Tiven coñecemento da vosa asociación hai máis dunha década, a través do marabilloso Diccionario de Nomes Galegos. Por iso sorprendeume moi gratamente atoparvos por Internet e poder así porme en contacto convosco.
    Estaría moi interesado en coñecer os/as galegos/as neofalantes que coñezades ou haxa entre vós, e poder parolar con eles durante unha entrevista (unha hora chégame), que me conten a súa historia, desde o momento no que nace o amor verdadeiro por Galiza (é dicir: alén da súa gastronomía) até o proceso que remata na adopción do galego como lingua de preferencia, con todas as dificultades, se as houber, que iso representou a todos os niveis (administración, familia, amigos, traballo, dominio do idioma, etc…).
    Se sabedes ou participades de casos semellantes estaría moi interesado en coñecelos.
    No traballo só figuraría o nome da persoa entrevistada e a inicial do seu primeiro apelido, para garantir o seu anonimato e, ao mesmo tempo, recoñecerse a si mesmo/a no traballo.
    Se me poderiades facilitar un nº de teléfono voso estaría moi agradecido.
    Ocórrese que poderiamos vernos durante un dos vosos actos: o ideal sería
    quedarmos na próxima romaría que facedes no Carballiño.
    Unha sincera aperta, e moitísima grazas.
    Manuel.

  3. Boas , gostaria de contactar con xente de crentes galegos na zoa de Vigo ou alrededores e da asociacion Irimia, son da asociacion cultural-benefica Mistura Teis, e da Casa das benaventuranzas ( proxima inauguracion) , tamen temos un grupo de musica cristian chamado “bonna nova” e un telefono Amigo chamado “telefono da benaventuranza”, en definitiva intento ser un bon obreiro de Deus, e levava tempo a buscar organizacions cristians da terra , para poder integrarnos , compartir e servir. por favor poñanse en contacto conmigo en canto poidan,
    apertas
    Deus bendiga
    Alfonso Curro tlf 605093054

Deixar un comentario