Tamén os que sosteñen o sistema social inxusto teñen cabida no Reino. Zaqueo representa a toda esa xente de boa vontade que ten o acerto de descolocarse, de cambiar o lugar dende o que mira a realidade, para poder ver o que antes non vía. Na parábola de Lázaro, o rico vive no seu lugar de poder e non hai quen o baixe del. Zaqueo, ao subir á figueira, fai un camiño de baixada. Abandona o lugar do status, cambia a mirada. Quere ver cos seus ollos a Xesús, e Xesús entra en tromba na súa casa e na súa vida.
Con Zaqueo, a intransixencia que Xesús mostraba cara os ricos queda en suspenso. Atrás quedan as maromas e os ollos de agullas. Xesús se autoconvida á casa de Zaqueo, de xeito que quen pense que a comunidade cristiá ten que ter normas claras sobre inclusión ou exclusión está ben equivocado. Xesús entra en todas as casas, así que a casa común ten que estar aberta a todas as persoas que queiran entrar. Sentar á mesa con Xesús é gracia. Nin se outorga nin se pide: experiméntase no fondo da alma e fainos brincar. Igualiño que a Zaqueo!!