O fachineiro da pobación. Catro gatos


Neste mesmo número podemos ler unha entrevista sobre cooperativismo agrario que pode  insuflar alento no campo galego. Boa falta fai, porque o noso é un devalo a cámara lenta, pero devalo inexorable. Acábanse de publicar datos que din como hai concellos que perderon o 80% da súa poboación durante o último século. As provincias de Lugo e Ourense van camiño de se converter nunha devesa con pequenas illas nas capitais e dous ou tres núcleos máis. Os galegos e as galegas ímonos arrecunchando cara á costa, que é onde vivimos a maioría. Hai moitos anos, Novoneyra referíase nun dos seus poemas a algunha aldea courelá coma “pobos pobres que foron quedando nos ósos”. Se os vise agora faltábanlle os adxectivos. Hai moitos lugares do interior do país onde non hai a quen preguntar para chegar aos sitios. Onde había carballos ou piñeiros agora hai eucaliptos. Os camiños fóronse estreitando, as fontes secando, os microtopónimos desaparecendo coa xente. En moitas parroquias xa non hai quen faga a festa. E con esa xente tamén se vai indo a lingua que falaban. Ninguén marcha por gusto, senón por falta de oportunidades e servizos. Así que boa falta fai que a xente volva ás leiras, antes de que todo sexa territorio ence.

A.Q.

1 comments

  1. A xente non vai voltar ás leiras porque se corresponden a un sistema de explotación agrícola obsoleto. Se se consegue recuperar a actividad do agro, e en consecuencia a poboación rural, será con formas económicas distintas a da Galicia rural tradicional, o que xeraría unha sociedade rural distinta á tradicional, convertida en referente ou mito folclórico.

Deixar un comentario