Foron liscando un a un…
A narración evanxélica deste domingo tráenos un episodio ben coñecido: o da muller adúltera. Sen dúbida é un texto que mostra a Xesús sempre incondicional na súa acollida e misericordioso no seu xuízo. Pero tamén é verdade que nos atopamos cunha situación onde a muller vive unha situación estrema tanto dende a experiencia social coa relixiosa.
A muller obxecto de desexo…
O evanxelista Xoán sitúa este encontro no templo de Xerusalén, o gran espazo simbólico da fe de Israel. Xesús chega e ponse a ensinar. Non se especifica sobre que está a falar o Mestre, pero axiña os escribas e fariseos tráenlle unha muller sorprendida en adulterio e pídenlle a súa opinión sobre como hai que xulgala. Eles teñen claro que hai que aplicar o mandado por Moisés, pero curiosamente Xesús cala.
Se nos os achegamos os textos do Antigo Testamento que falan sobre o adulterio a lei manda executar o home e a muller, non so a muller:
“O home que cometa adulterio coa muller doutro, morrerá sen remedio, tanto el coma ela.” (Lev 20,10).
“Se se atopa un home deitado cunha muller casada con outro, morrerán eles os dous: o home que se deita coa muller casada e mais tal muller. Deste xeito apartarás de Israel a maldade.” (Dt 22,22).
Porén os fariseos e escribas so traen a xuízo a muller. Poderiámonos preguntar: onde está o home? Tanto o texto de Levítico coma o de Deuteronomio é ao home a quen sitúan coma actor principal da transgresión. El é quen toma a iniciativa, o que arrebata a posesión de outro home. A muller aparece como o obxecto de desexo que recibe o mesmo castigo que o varón que a posúe. Sen dúbida é froito da mirada patriarcal e machista que aparece con certa frecuencia e de diferentes xeitos nos textos da Biblia (Gn 38; Eclo 25,25; Ex 20,17 etc…).
E o Mestre cala..
A muller que traen os fariseos e escribas ante Xesús está soa e ven cargada, non so co seu propio pecado de infidelidade o esposo, senón coa culpabilidade de ser causa de pecado e exemplo de debilidade.
O silencio é o mellor aliado ante as falsas purezas, pietismos e rigorismos
Sorprende o silencio que rodea a escena despois de ser acusada ante o Mestre. Ningún dos presentes di nada, Xesús tampouco. A expectación medra e os acusadores insisten en recibir unha resposta. O Mestre non parece disposto a responder o desafío que lle lanzan. Non mira a ninguén, tampouco a muller.
Quizais, gustaríanos que Xesús fixera unha defensa publica da muller, que pedise garantías da acusación…, pero el fixo algo máis sutil: devolver os acusadores e o resto dos presentes a mesma acusación. Deste xeito quedaba en evidencia moito máis que unha falta publica: aparecía con claridade a hipocrisía e a dureza de corazón dos que se escandalizaban da actuación da muller e pretendían actuar con dureza, esquecendo que a súa vida non era moito mellor.
O Mestre cala, quizais, porque o silencio é o mellor aliado ante as falsas purezas, pietismos ou rigorismos. O mestre cala, quizais, porque a muller é merecente de respecto e non desexa que ela poida ser o centro dunha absurda discusión de varóns…
A muller recoñecida…
Cando todos liscaron coa vergoña no rostro, o Mestre mira a muller e fala con ela. O encontro é breve pero significativo. El non lle pregunta o que fixo, senón o que fixeron os que a levaron alí, pregúntalle polo dedo social que a acusaba. Ela responde que ninguén a condenou, e o chama señor, un termo co que expresa o seu recoñecemento da identidade de Xesús e a súa especial vinculación coa divindade.
Xesús, en resposta, invítaa a acoller tamén o perdón de Deus. O breve diálogo sintetiza unha experiencia de encontro entre Xesús e a muller. Aquí non hai signos de curación, nin siquera testetmuñas, mais hai respecto, e recoñecemento.