Entrevista


Conversa con Mariano Fernández

A finais do mes de outubro o TSXG anulou a resolución da Xunta de Galicia que lle impedía á emisora coruñesa CUAC FM emitir en Frecuencia Modulada. A sentenza recoñeceulle, ademais, a esta radio o dereito a contar cunha licenza de emisión para medios sen ánimo de lucro. Desta sentenza histórica e do sentido dos medios comunitarios falamos con Mariano Fernández Cabarcos, fundador de CUAC e Presidente da Rede Estatal de Medios Comunitarios.Foto 1

Para os que non son da Coruña ou non vos coñecen, que é CUAC FM?
Cuac FM é a radio comunitaria da Coruña. O que pasa é que probablemente non estea claro o concepto do que é unha radio comunitaria. Falamos dunha emisora propiedade dunha entidade sen ánimo de lucro, que lle abre á súa comunidade de referencia a posibilidade de participar na propiedade do medio, nas decisións de xestión e na elaboración e emisión de contidos, co obxectivo de propiciar un cambio social acorde cos dereitos humanos e satisfacer as necesidades de comunicación non cubertas polos outros medios: en resumo, dar voz a quen non a ten. Baste dicir que nos 22 anos de existencia de Cuac, nunca rexeitamos un proxecto de programa, e levamos emitido máis de 450.

Cal era o conflito que se viña dirimindo coa Xunta?
Desde o ano 2010 a lexislación estatal vixente recoñece os medios comunitarios como un dereito da cidadanía, pero as administracións non foron quen, nestes 8 anos, de habilitar os mecanismos concretos para darnos licenzas; así, aínda que protexidos pola lei, carecemos dun título habilitante expedido pola Administración. Houbo unha inspección do Ministerio de Industria, detectouse a nosa emisión, comprobouse que non tiñamos tal licenza e a Xunta abriu un expediente sancionador que nos expoñía a unha sanción de 100.001 a 200.000€.

Que vén a dicir ou que resolve a sentenza do TXSG?
A sentencia recoñece o dereito recollido na lexislación vixente, sinala que a Xunta violou os dereitos fundamentais de Cuac FM ao advertirla de que de reiniciar as súas emisións, podería ser novamente expedientada e sancionada, e recoñece que a nosa emisora goza dunha garantía temporal de emisión, xa que a inacción da propia Administración é a que impide que poidamos ter unha licenza para emitir.

Pero a sentencia non é importante só para Cuac FM, tamén o é para todo o movemento de radios libres e comunitarias porque establece un precedente.Cando Cuac decide correr o risco de entablar este litixio, non o fai somente no seu propio beneficio, senón coa mente posta no resto de medios comunitarios no Estado, que se atopaban na nosa mesma situación de indefensión. Agora estamos un chisquiño máis preto de ter unha situación máis similar á dos países do noso contorno. Para facernos unha idea, Francia regulou as súas radios comunitarias en 1981; imos cun chisco de retraso, seica.

Que interese tiña a Xunta en pechar a emisora?
Esa é unha boa pregunta porque dubido moito que tivesen interese ningún en expulsar a Cuac FM do dial. Unha vez feita a inspección, abrir o expediente era obrigatorio. É certo que puideron arquivalo, como así aconteceu noutras comunidades autónomas en casos análogos (por exemplo, no Principado de Asturias), pero a Xunta seguiu adiante. Realmente é dificil atopar un interese racional en pechar un proxecto que leva 22 anos en funcionamento, facendo unha labor social relevantee  que ten un apoio social tan importante. O 16 de outubro publicouse tamén a Lei Andaluza do Audiovisual, que concorda punto por punto coa argumentación da sentenza do TSXG, o que nos leva a unha situación bastante desconcertante, como é que a tal hora a cidadanía andaluza e a coruñesa teñen expresamente recoñecido o exercicio do seu dereito constitucional a comunicar, pero a do resto do Estado non. Estamos a falar de algo tan grave como unha asimetría nos dereitos fundamentais por razón do territorio.

Desde os medios comunitarios entendemos que cómpre poñer fin a esta situación canto antes, e o propio Congreso dos Deputados aprobou o ano pasado unha proposición non de lei neste sentido, apoiada por todos os grupos, agás o do Partido Popular. Agardamos que co goberno actual se poida desbloquear a situación. O que agardamos agora é que, á vista de todo isto, a Xunta de Galicia acate a sentencia e non a recorra.

Que sentido ten hoxe a radio comunitaria?
Todo. O propio Parlamento Europeo recoñeceu en 2008, a través dunha resolución, o seu valor social, a súa trascendencia na comunicación local, o debate social e o seu papel clave nos procesos de alfabetización mediática e empoderamento cidadán. É especialmente importante o asunto da alfabetización mediática nos tempos que corren, nos que vivimos permanentemente baixo un bombardeo de información, porque precisamos ferramentas para discernir o gran da palla. Os medios comunitarios son moi eficientes formando as persoas neste ámbito, capacitando a sociedade civil para acceder á comunicación mediada, pero tamén para dotala de ferramentas para consumir medios de xeito consciente e informado.Foto 3

No Estado español, o desenvolvemento do dereito á liberdade de expresión e os seus dereitos conexos non existe máis alá do contido nos códigos civil e penal e lexislación técnica moi específica. Non houbo, ata o de agora, un debate público sereno e sosegado sobre este asunto, 40 anos despois de aprobarse a Constitución.

A UNESCO recomenda que o espazo radioeléctrico se distribúa en tres partes iguais, unha para medios públicos, outra para comerciais e outra para comunitarios, pero implementar esa recomendación nun estado que apenas fixo unha reflexión seria sobre o seu esquema de medios é extremadamente difícil. Porén, os medios comunitarios estamos organizados e traballando para que os dereitos da cidadanía no ámbito da comunicación non fiquen esquecidos e, despois de décadas proscritos, semella que comezamos a colleitar os primeiros froitos dun esforzo sostido por moitas persoas durante todos estes anos, con grandes esforzos.

De que maneira se pode colaborar ou participar do proxecto?Foto 2

Pois é moi doado, simplemente  enviando un correo electrónico ao enderezo comunicacion@cuacfm.org ou chamando ao 981 14 00 45 (de luns a venres, de 9.30 a 13.30 h e de 17.00 a 20.00 h), recibiredes a información precisa para entrar no seguinte ciclo de formación mensual e, despois de catro sesións de formación, comezas a emitir. Se non se quere emitir, senón simplemente asociarse ou apoiar o proxecto, tamén é posible contactando a través do mesmo enderezo electrónico ou a través das nosas redes sociais.

Redacción

Deixar un comentario