O noso taboleiro


Asociación Encrucillada

Crónica do XXXIII Foro Encrucillada. Mulleres no altar?

En 2016, o Papa Francisco acolleu unha petición no marco da reunión trienal da Unión das Superioras Xerais (UISG) sobre o diaconado feminino e creou unha comisión paritaria, presidida por Monseñor Ladaria, coa tarefa de estudar a posibilidade do acceso das mulleres ao Ministerio do diaconado. En xuño de 2017 a Asoc. de Teólogas Españolas, en colaboración coas súas homónimas italianas, dedicou tamén a este tema unhas xornadas académicas. En Encrucillada, facéndonos eco destas propostas, dedicamos o Foro 2018 a estudar a viabilidade real do diaconado feminino, con responsabilidade, rigor histórico e fundamento teolóxico, para desterrar medos e deixar atrás ignorancias e prexuízos. A nosa pretensión é presentar unha palabra que resulte crible e axude a avanzar neste debate desde a teoloxía actual e a historia e tradición da Igrexa.Xaime Cortizo

Así nolo transmitiu na presentación Marisa Vidal Collazo, secretaria da revista. A nosa compañeira no Consello de Encrucillada, Pilar Wirtz Molezún, iniciou as palestras mostrándonos todo o que a sociedade e a Igrexa gañarían se se permiten descubrir, recoñecer e adoptar como propios os retos do feminismo: a igualdade real e efectiva de todos os fillos e fillas de Deus.

Jesús Martínez Gordo, teólogo e sacerdote na diocese de Bilbao, debullou as razóns teolóxicas do acceso das mulleres ao presbiterado, mostrando a inconsistencia dos argumentos que se esgrimen en contra da ordenación das mulleres. Na quenda de palabra falou da situación actual da Igrexa, das frontes de reforma abertas polo Papa Francisco e deixou no ar unha esperanza: o Sínodo que vai ter lugar na Amazonia para o ano próximo.

Pola tarde, Fernando Rivas Rebaque, profesor de Historia Antiga da Igrexa na Universidade Pontificia Comillas, aportounos os datos da investigación histórica sobre o papel das mulleres na primeira Igrexa. Palpamos así a igualdade real no século I, e como esa igualdade foi esmorecendo a partir do século II, ao mesmo tempo que se creaba e reforzaba a estrutura xerárquica da igrexa. Non foi moi optimista á hora de predicir cambios a curto prazo, pero si nos deixou claro que é preciso reverter a histórica xerarquización da Igrexa. Tamén advertiu que non cambiará nada se as mulleres nos conformamos con estar nos altares, pero seguimos sen participar nos órganos de toma de decisión da Igrexa.

Pechou o Foro un recital de palabra, música e danza: A danza da sabedoría, un texto da nosa compañeira Carme Soto Varela, coa execución plástica do Ballet Druída no corpo das bailarinas Julia Méndez e Rosalía Vázquez, baixo dirección de Mercedes Suárez. A sabedoría da danza para nós desde o principio dos tempos e as mulleres da tradición bíblica recolleron os seus movementos na Historia de Israel.

Grazas ás persoas fieis que apoian e sosteñen o proxecto Encrucillada, a Rocío Solla, polo cartaz; á Secretaría Xeral de Política Lingüística, polo local; e á Cooperativa de Comercio Xusto Panxea, polo café e os zumes. Vémonos o ano que vén!

Deixar un comentario