Editorial. Romero para unha humanidade nova


O monseñor dos pobres, san Romero de América, xa fora hai tempo canonizado polo pobo. Agora Francisco impulsa e culmina o proceso formal e normaliza así o que para a xente latinoamericana xa era normal.

Pero sobre todo emenda, rectifica o maltrato sufrido polo bispo de San Salvador a mans do propio Vaticano. A memoria é fraca, polo que convén lembrar que Óscar Arnulfo Romero sufriu en vida no só a ameaza e persecución da ultradereita salvadoreña,  ultracatólica ou ultraevanxélica, en todo caso ultramilitarizada,  senón a incomprensión e o abandono á súa sorte por parte do Vaticano.

Pouco antes de ser asasinado por un disparo certeiro no corazón polos Escuadróns da Morte, Romero tratou desesperadamente de ser recibido por Xoán Paulo II. Todo eran atrancos. Un día situouse na primeira ringleira nunha audiencia xeral na Basílica de San Pedro e cando o Papa estaba ben próximo díxolle quen era e que necesitaba falar. O resultado do encontro final entristeceu a Romero. O consello do Papa foi o de “esforzarse en manter as mellores relacións co goberno do seu país”. Diversos  analistas conectan ese abandono da institución, esa falta de apoio no momento crítico, co fatal desenlace.

Despois viñeron as disquisicións wojtilianas e ratzinguianas sobre que é martirio e que é santidade. A versión oficial dicía que o  monseñor dos pobres era un mártir da xustiza social pero non da fe. Será que morrera repartindo panfletos (cousa que por outra parte, de ser así, non lle quitaría mérito santificatorio ningún).

Os inimigos de Francisco deberían explicar se a fe cristiá se pode expresar enxebremente sen unha entrega arriscada pola paz, a igualdade e a reparación da inxustiza. Se é así, se a fe é unha abstracción escapista que che permite pasar polas lameiras e as batallas da historia sen mancharte, daquela deberían arrincar unhas poucas páxinas do evanxeo e convertelo nun reconfortante manual de autoaxuda.

Romero entendeu que si tiña que mancharse. El describiuno coma unha conversión. Por iso a súa fe é significativa e inspiradora para toda a humanidade. E segue chamando, xunto con moitas outras voces diversas e multicolores,  por unha humanidade nova.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s