Xente d´eiquí. Isolina Vizoso, unha historia de superación


Damos continuidade á nosa serie de vidas que sen moito ruído fan país, historias de persoas que constrúen ese corpo colectivo e ben característico que chamamos Galicia. A de Isolina Vizoso é unha desas historias de superación e reencontros da Galicia emigrante. Unha de tantas. Pero ben ilustrativa, como queda acreditado nesta pequena conversa na que fala da súa peripecia desde un orfanato franquista a un doutoramento sobre Ánxel Fole nos Estados Unidos

Sitúanos na túa infancia…

O meu pai morreu fusilado en tempo da guerra civil por prestar axuda aos republicanos. A miña nai morreu soíña, aos 26 anos, eu tería algo máis de catro. Coa morte da miña nai, os meus avós anciáns, o meu irmán con tres anos e eu con cinco e medio, acabamos nun orfanato, na casa berce de Ferrol. O orfanato foi un episodio da miña vida, un episodio que durou doce anos. Soidade e abandono. Alí sentín sobre todo a necesidade de acceder á educación, pero non se me ofreceu a oportunidade.
Cando deixei o orfanato aos 18 anos entrei a traballar nunha fábrica de xoguetes e o dono sentiu mágoa, porque non tiña estudos e suxeriume traballar polas mañás e ir a Ferrol a facer un ano de secretariado nas tardes, coa promesa de gardarme o traballo.IMG-20180522-WA0001

Que recordos tes da túa primeira estancia en EEUU, a túa vida matrimonial, os teus fillos?
Un día escribiume o meu tío, invitándome a visitalo en New York. Logo de pensalo, decidín ir coñecer a familia da miña nai. Alí quedei un tempo, casei e marchei vivir co meu marido a Porto Rico. O meu matrimonio foi unha experiencia brutal, sete anos de violencia e cinco fillos.
O meu marido morreu moi novo, aos 35 anos. Os meus fillos ían a un colexio privado: da súa educación ía depender a súa vida e tamén a súa estima. A Social Security daba para comer e pouco máis e durante catro anos en Porto Rico, traballaba interminables horas, ata ás tres da mañá, para erguerme ás seis, arranxalos, facerlles o almorzo e levalos ao colexio.

E vén o retorno: Os gozos e as sombras
Os meus fillos precisaban atención crecente. Cada día con máis e máis tarefas escolares. Viviamos nunha urbanización e todo era andar no coche a buscar materiais. Ir levalos, ir buscalos, demasiado esforzo e tempo.
A familia aconselloume que volvese a Galicia. Cando se soubo que quería retornar, un grupo -esposas de altos cargos- viñeron pedirme que non me fose para España. Os meus fillos eran non só brancos, senón louros con ollos claros, algo moi valioso nunha sociedade onde o racismo é lamentablemente cruel. Prometéronme conseguirme bolsas para toda a educación dos meus fillos pero eu xa tomara unha decisión. Vendín a casa e con ese diñeiro comprei aquí un apartamento. Volvín para que os meus fillos tivesen unha mellor vida e acceso á educación. Dous deles quedaron internos nos Salesianos. Tiven que loitar non pouco para sacalos adiante. Era un momento de crise económica e de inquietude política. Logo de vivir dez anos no estranxeiro o país para min era totalmente alleo, non tiña conciencia política desta realidade.
Coa Social Security de Estados Unidos en dólares -que en porto Rico apenas daba para comer- na Coruña podía vivir sen traballar e iso permitíame ter máis tempo para atender os nenos e ter diñeiro para os colexios.

E soa con cinco fillos, comezaches a estudar…

Tiña 34 anos.  As dúas nenas, non sen dificultades, foron ao colexio dos xesuítas. A educación dos meus fillos fora o motivo do retorno e iso non se negociaba. O máis pequeno tiña catro anos e púxeno nunha gardería de párvulos que había no bloque da miña casa porque eu xa quería empezar a estudar. Metinme nunha academia para preparar o exame de EXB. Déronme un libro que tiña información sobre cultura xeral -ciencias e humanidades. Impresionoume todo aquilo, a parte de filosofía sobre todo, os comentarios sobre Sócrates e Platón… Era un gran descubrimento e pareceume xenial; eu estaba súper entusiasmada porque esperara moitos anos para superar a miña terrible ignorancia: e pasei o exame de EXB! Foi todo un triunfo! O primeiro capítulo superado para realizar un soño que nacera cando era pícara, cando subida a unha escaleira dos obreiros vía pasar outras nenas para o colexio; e ese soño seguiu sempre vivo, alimentado pola esperanza. Despois do exame, asistín á Escola de Mestría para facer FP1 e FP2, para poder traballar como Auxiliar de Clínica.

E de novo aos EEUU. Desta volta con outras metas…
Volvín a Estados Unidos en 1984 e foi unha decisión acertada, pois foi neste país onde finalmente descubrín o que sempre quixen atopar. A miña vida estivo sempre baseada na procura. Estados Unidos, non che regala nada, porque neste país hai un gran respecto polo esforzo, pero se tes un soño e estás disposto a traballar por el, abrir as portas e cruzalas é a túa responsabilidade.

En 1983, tres dos meus fillos terminaran o bacharelato e viñéronse a estudar ás universidades de Estados Unidos. Eles eran cidadáns americanos, tiñan dereitos para educarse. Cando o meu fillo maior terminou o bacharelato en España foi a Nova York. Logo de estudar química orgánica no Brooklyn College, á vez que traballaba a xornada completa nun hospital, foi admitido na Escola de Medicina da Universidade de Harvard, na que se graduou. IMG-20180522-WA0007

Atoparías moitas dificultades…
Nos EUA, tiven que enfrontarme ao primeiro obstáculo, abrirme camiño sen saber o idioma. Fixera un trato coas fillas; eu víñame coa condición de poder ir á escola e aprender ben inglés. Elas traballarían e eu ía ir á escola, aínda que eu pronto empecei a ensinar español nas escolas Berlitz en Wall Street,  por pouco tempo.  Había que resolver tamén outro problema, o meu fillo máis pequeno empezaba HS (bacharelato), necesitabamos atopar unha escola para el. Buscando e preguntando decatámonos de que en Manhattan había un colexio de xesuítas, Xavier HS, e alí fomos, coa sorte de que o administrador era un portorriqueño que vivira varios anos en Galicia, formándose na cidade dos Muchachos do Padre Silva. Tivemos que negociar o prezo da matrícula, pois a súa totalidade non a podiamos pagar. O administrador acordou que o meu fillo traballase na súa oficina dúas horas polas tardes e con iso reducíase a matrícula á metade.

En 1992, logo de graduarme con honores no departamento de historia de Brooklyn College, déronme unha bolsa para facer un Master en ESL na Universidade de NYU.

Como foi que te metiches a facer un doutoramento?
O caso é que logo de facer un mestrado en literatura, sentinme que non era suficiente o coñecemento que adquirira, algo non estaba completo. Enviei a solicitude ao Graduate Center en Nova York, e tiven a fortuna de ser admitida; finalmente sinto que completei algo e saín emocionalmente fortalecida. Lin a miña tese de doutoramento o 14 de abril de 2016, e a conseguinte graduación no Lincoln Centre o tres de xuño do mesmo ano. A dor de non ter escola de nena coa que vivín tantos anos xa non importaba. Ao ler a miña tese, esquecín aquela superiora do orfanato que descoidara a miña educación e me condenara a tantas humillacións. IMG_0163

Por que elixiches a figura de Fole para a tese?
O proxecto chegou a través da procura sen eu ser consciente diso. Eu mesma estou sorprendida do final porque sen propoñermo descubrín a miña propia historia. Elixín un escritor a cegas, entre outros moitos que tampouco coñecía e, sorprendentemente, foi o autor que necesitaba, el foi o fío que me levou a pechar o meu ciclo.

Fole fora un neno privilexiado, fillo dun maxistrado e poderíase dicir que os seus primeiros xoguetes foran os libros cos que se decoraban as paredes da casa paterna. De feito, cando xogaba con outros nenos xa se entretiña montando pequenas obras de teatro. Por se o privilexio de ter un pai profesional e intelectual fose pouco, vivía con eles un tío que logo de viaxar o mundo e retirarse, -non tendo moitas responsabilidades- entretívose ensinándolle a ler ao neno, que aprendeu case ao mesmo tempo que a falar. Engadido a todo isto, era o pequeno da familia, querido por eles e consentido polo persoal de servizo da casa, dos que escoitou a lingua e a cultura galegas, as súas crenzas e lendas, xente humilde da montaña de Lugo, receptores de tradicións, que pasarán máis tarde a formar parte da familia de crenzas e personaxes que aparecen nos seus contos fantásticos.

Non coñecía este escritor do mesmo xeito que tampouco coñecía a outros intelectuais. Eu tiña un baleiro, un descoñecemento total da miña historia. Por anos estívenme preguntando, por que morrera o meu pai e a miña nai. Descoñecía as verdadeiras causas polas que acabaramos nun orfanato. Necesitaba atopar unha coherencia para todo isto. En principio pensei que debería elixir a un escritor español que vivise nesta época (1936-1975), da guerra civil e a ditadura de Franco. Máis tarde pensei: por que non un escritor desa época, pero máis próximo a min, un escritor galego. Galicia ten personalidade de seu. Así elixín a Ánxel Fole.  35.27

Sentinme atraída pola súa narrativa. Oscila entre un gran sentido do humor e unha elegante sensibilidade cara aos seus personaxes, capaz de facer arte captando a dureza e o atraso do campo galego e penetrar na grandeza das súas almas. É esta alma a que Fole deixou reflectida nos seus relatos, esoutro mundo espiritual que personifica a alma das súas xentes, das súas crenzas e das súas lendas. Personaxes que desfilan polas escritos de Fole, un autor que coñece as fontes do medo deses personaxes.

E todo se foi conectando. A través de Ánxel Fole espertei a unha Galicia que eu descoñecía.

De novo o regreso entre nós. Como vives a túa realidade actual?

Sempre quixen escribir un libro sobre a miña experiencia crecendo baixo a ditadura franquista no orfanato e é o que fago neste momento.

Ignacio Fernández

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s