DOMINGO 23 de setembro. XXV do Tempo Ordinario


A PALABRA Mc 9, 30-37

Naquel tempo, Xesús e os seus discípulos marcharon da montaña, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; pois ía informando os discípulos, dicíndolles: «O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; mais, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.» Eles non entendían o que lles dicía, mais non se atrevían a preguntarllo.

Chegaron a Cafarnaún, e, cando estaban na casa, preguntoulles: «De que viñades discutindo polo camiño?» Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles: «O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.» E, collendo un neno, púxoo no medio deles e abrazándoo, dixo: «Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.»

foto_boanova 23092018.jpg

A CLAVE

Carme Soto

Quen é o máis importante?

Hoxe atopámonos cun fragmento do relato de Marcos do camiño que levará a Xesús a Xerusalén. O mestre, neste momento da súa vida, ten claro que as forzas que se opoñen á proposta salvadora de Deus son moi fortes e non van arredar. El sabe que a súa vida comeza a estar en perigo pero non vai a claudicar no seu empeño de ofrecer o amor e a xustiza bondadosa de Deus os/as pequenos/as desta terra.

Os sinópticos expresan esta conciencia de Xesús a través dos anuncios da paixón. Non era que o mestre predixese o futuro, senón que era realista nas consecuencias das súas opcións.

Ante esta situación vaise implicar con intensidade na formación da súa comunidade, xa para fortalecer as súas certezas e opcións, xa para que no caso de el faltar puidesen seguir adiante comprometidos/as coa causa do Reino.

Neste relato Xesús ten que afrontar as humanas pretensións de poder e honra. Unha vez máis o mestre dálle a volta ás expectativas dos seus, e proponlles como criterio de grandeza o servizo e de honra o coidado dos pequenos/as.

Nos tempos de Xesús as nenas e nenos non tiñan tanta visibilidade e protagonismo coma nos nosos. As/os cativos/os eran os membros máis febles da sociedade. Non era doado medrar nun mundo continuamente ameazado de fame, guerra, abusos… Por iso, acoller un meniño/a era un xesto totalmente gratuíto, pois non tiñan nada ofrecer de volta.

Deste xeito, o mestre pon o servizo e a gratuidade nun lugar central nas relacións dentro da comunidade. O importante non é a cantidade, senón a calidade.

O ECO

Olga Álvarez

Ultimamente se sumamos as palabras nenos e Igrexa sae como resultado pederastia.

E non so é cuestión de sexualidade insatisfeita (celibato obrigatorio), senón de poder. A palabra dun neno/a ou dunha muller non valen o mesmo ca a dun home, adulto e crego. E se ademais non actúa en solitario, senón que conta coa conivencia dos seus superiores, que agochan os feitos polo ben da institución, que non das persoas, xa temos un auténtico crime colectivo.

Sempre poderemos buscar explicacións pero non hai nada que o xustifique. E a solución pasa por cadea para os delincuentes, sexan unha manda ou leven sotana, fin do celibato obrigatorio e abaixar a pirámide eclesial ata convertela nun círculo comunitario, no que se reparten as tarefas, as cargas -que non cargos. O importante é o servizo e as persoas, sen diferenciar por xénero, idade, orientación, levar gafas ou ter pencas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s