Entrevista


Semente, sete anos dando froitos

 Non hai tanto tempo que a Gentalha do Pichel comezou a esbozar o proxecto do que logo serían as Escolas de Ensino Galego Semente. Unha iniciativa social, sen ánimo de lucro, que contou co apoio de moitas persoas interesadas, con e sen fillos, que colaboran economicamente para que o proxecto saíse adiante. Esta idea materializouse finalmente no ano 2011 coa apertura da primeira Escola Semente, en Santiago de Compostela, que serviría de inspiración e modelo para outras posteriores en Vigo, Narón e Lugo.

 Como foron os inicios da Semente?

Pois foi complicado. Nós comezamos no ano 2011, aquí en Compostela, con tan só tres nenos. Tiñamos que facer fronte a moitos gastos: aluguer, nóminas…Por sorte, somos un proxecto comunitario, onde todo o mundo fai a súa achega. Mesmo hai xente que, sen ter o seu neno ou a súa nena aquí, colabora economicamente con nós porque lle interesa o proxecto.

A Semente funcionou ben e abríronse outros centros en Vigo, Trasancos e Lugo. Haberá pronto unha Semente na Coruña ou en Ourense?

Pois hai un par de iniciativas, si, pero non callaron polo momento. Hai unha coordinadora nacional, que é quen xestiona e organiza o traballo de todas as Sementes que hai polo País, pero o único que pedimos á hora de montar unha Semente en calquera sitio é que haxa un grupo de xente disposta e interesada nese mesmo lugar. Non tería sentido funcionar dun xeito centralizado, decidindo en Compostela o que se fai en Lugo, por exemplo.Foto1.png

 Aumentou moito a demanda desde 2011?

Si. O primeiro ano había só tres crianzas, o segundo xa foron nove, o terceiro case vinte… Ao final tivemos que desdobrar, porque non atopamos ningún local que se axustase ás nosas necesidades, así que agora temos dous locais en Compostela, con dúas aulas en cada un. Ademais, temos uns mínimos de calidade aos que non queremos renunciar. Hai unha profesora por cada trece nenos, o que garante unha atención moito máis personalizada e, polo tanto, unha maior calidade.

 Non sodes unha iniciativa privada pero tampouco pública, de maneira que enviar os nenos e nenas a Semente ten un custo para as familias. Supón un inconveniente?

Non, en absoluto. Ao non sermos un proxecto público non recibimos subvencións de ningún tipo, mais necesitamos cartos, se non, isto non se podería facer. Non queremos que isto sexa un proxecto elitista, nin que as familias deixen de meter os seus nenos e nenas aquí por cuestións económicas. Ademais, parécenos interesante que haxa non só unha mestura de idades, senón tamén socioeconómica dentro do grupo. A alternativa para que todo o mundo poida entrar na Semente é que aquelas familias que non poden contribuír con diñeiro, o fagan con traballo.

Supón un desaxuste na aprendizaxe que os nenos e nenas de distintas idades traballen xuntos nunha mesma aula?

Iso é algo buscado, en realidade. Parécenos moi interesante que as idades estean mesturadas por varios motivos. É beneficioso para todas as partes. As nenas pequenas gañan porque ven o que fan as maiores, e queren facer o mesmo. Hai unha motivación intrínseca. Pola súa banda, as maiores, ao explicarlle ás pequenas algo, reforzan os seus coñecementos, pois teñen que pensar e estruturar as ideas nas súas cabeciñas antes de o facer.Foto4

Semente aposta polo ensino unicamente en galego. Hai similitudes entre este proxecto de inmersión lingüística e o que se leva a cabo no País Vasco ou en Cataluña?

 Sabemos o que fan aí, máis nós fixemos algo propio, pois a situación lingüística non é a mesma aquí que alí. No País Vasco, por exemplo, a lingua é moi diferente con respecto da lingua maioritaria, que é o castelán. Pola contra, o galego e o castelán aseméllanse moito, polo que hai bastante permeabilidade entre as dúas linguas, e ao final a que mais sofre é a lingua minoritaria. O noso obxectivo é que os nenos e nenas saian da Semente con autoestima lingüística, mais é imprescindible que haxa un acompañamento na casa.

Hai familias castelán falantes que traian aos seus nenos e nenas á Semente?

 Si, hainas. Sobre todo, o que lles interesa é a nosa proposta pedagóxica e a idea que nós temos sobre a educación. Pero claro, na cuestión lingüística hai tres vertentes: a social, a escola e a familia. A social é unha loita, por así dicilo, perdida; pero se escola queda soa… entón o máis probable e que ese neno ou esa nena saia da Semente falando castelán. Sempre lles pedimos ás familias que haxa unha continuidade, que lles falen galego aos nenos e nenas na casa.

 Supoño que tamén traballades para fomentar esa vertente social.

Si, entre outras cousas, ofrecemos actividades extraescolares, para que así non teñan que ir a outros sitios nos que lles falen castelán. Danse situacións tan absurdas por aí fóra como que en clases de danza tradicional o profe ou a profe falen en castelán. Entón nós ofrecemos alternativas, nun intento de normalizar a cuestión do idioma fóra da Semente.foto2

 E cando os cativos saen da Semente, deixan o galego de lado?

É complicado. Ata agora, os nenos e nenas saen de aquí con seis anos e atópanse cun ambiente lingüisticamente hostil. A maioría dos seus novos compañeiros e compañeiras van ser castelanfalantes, de maneira que moitos acaban mudando tamén ao castelán. A nosa estratexia foi aconsellar as familias o colexio Apóstolo Santiago, basicamente porque tiña unha matrícula moi baixa e a dirección era lingüisticamente amigable. Así foise creando un caldo máis propicio, digamos, porque moitos nenos e nenas da Semente foron para aí.

 Con todo, o ano que ven Semente estrearase no ensino primario, non?

Se todo vai ben, si. Comezaría o ano que ven, aquí e tamén en Trasancos. O que pasa é que isto é xa algo máis complexo, pois coa lexislación vixente sería imposible afrontar isto nós sós, de maneira que tería que facerse a través dunha escola internacional.

 Que é o que se intenta fomentar dende Semente, fundamentalmente?

Pois sobre todo dúas cousas. Primeiro, a autonomía das crianzas. Non nos gustaba o que tradicionalmente se facía e se fai nas escolas de infantil: téndese a mirar só pola seguridade dos nenos e nenas, e non tanto polo descuberta deles mesmos. E segundo, apostamos por unha visión internacional da lingua.Foto5

 En que consiste esa visión?

É unha maneira de ver o noso idioma non só centrándonos no noso País. Un intento de loitar co típico argumento de que o galego só se fala en Galicia. O galego e o portugués parécense moito, e xa non che digo se falamos do galego-portugués. Se falas galego-portugués, non vas ter problemas para entenderte coa xente de Brasil, Mozambique, Cabo Verde… Ademais, é unha arma que empregamos para loitar contra a permeabilidade das linguas. Estamos rodeados de todo tipo de castelanismos, e introducir unha variante internacional é unha maneira de atallar isto. Pero os nenos e nenas teñen unha oportunidade de aprenderen o noso idioma sen este tipo de contaminación.

Irea López Rodríguez

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s