Entrevista


Entrevista con Xosé Antón Neira Cruz, escritor

“María Victoria foi unha pioneira da literatura infantil e xuvenil”

Xosé Antón  Neira Cruz, profesor na Facultade de Ciencias da información da USC, é un dos autores máis interesantes da literatura galega actual, especialmente no campo literatura infantil e xuvenil, un eido no que foi recoñecido con varios premios. O último, con todo, recibiuno polo orixinal O sono das sereas, premio Repsol de narrativa breve. Como bo coñecedor da literatura infanto-xuvenil, aproxímanos nesta entrevista a unha das pioneiras: María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras 2018.

Cal foi o papel de María Victoria Moreno na literatura infantil e xuvenil galega?

Foi unha pioneira. Empezou a escribir nun momento en que os libros para  esta etapa eran moi minoritarios, practicamente inexistentes, e fíxoo ademais coa intención de crear un produto literario de grande calidade. Iso levou a que os seus libros destacasen desde moi cedo e non só no contexto galego senón tamén no español. Moitas das obras de María Victoria traducíronse axiña a outras linguas do Estado.

Que liña seguiu na súa obra narrativa?

As súas resultaron propostas innovadoras, por veces arriscadas, estruturalmente diferentes, que interesaban a públicos máis amplos dos que daquela se consideraban para a literatura infantil e xuvenil, nomeadamente nesta última. Había unha grande eiva: ata os anos 90 non se consolidou a literatura xuvenil. Ela apostou por ese ámbito quizais porque coñecía moi ben o público xuvenil debido ao seu traballo como docente. En definitiva, foi unha muller que tocou moitos paus e que  soubo resolvelos moi ben.MVM

Por que Anagnórise se converteu nunha novela xeracional?

Porque xurdiu nun momento moi especial, no que había moi pouca literatura xuvenil e resultou ser unha obra pioneira e de gran calidade, cunha historia moi potente que interesou a un público moi amplo de maneira case inmediata e que se mantivo ata se converter nun clásico. Foi a novela de apertura dese xénero na nosa literatura, aborda unha temática difícil dunha maneira valente e fíxoo cunha calidade literaria excepcional. Creo que todos eses aspectos fixeron que ocupase un lugar referencial dentro da literatura xuvenil.

Por que a túa novela O armiño dorme está dedicada a ela?

No momento en que eu escribín esa novela, María Victoria e mais eu mantiñamos unha relación de amizade non moi frecuente pero si moi auténtica e tamén porque ela respondía a unha serie de criterios, de forma de ser, de personalidade que a achegan ao que representa para min o armiño, que simboliza a pureza de espírito, a claridade, algo que eu valoro especialmente. E ela representábao por iso esa dedicatoria que nun primeiro momento a sorprendeu e despois entendeu moi ben lendo o libro.anagnorise

Como era María Victoria?

Era unha muller moi clara, moi directa, moi xenuína na súa forma de ser. Valoraba moitísimo a arte, a literatura. Eran fundamentais na súa forma de concibir o mundo e unha muller que se rexe por eses criterios tende a aplicalos na súa vida cotiá, de maneira que dabas un paseo con ela e de súpeto chamáballe a atención a luz cruzando a copa dunha árbore e ela ficaba emocionada. Vivía iso dunha maneira moi literaria, moi artística. Tamén era unha muller moi tenra, creo que tamén moi necesitada de tenrura e que valoraba as pequenas cousas da vida. E moi valente. Se tiña que dicir algo, mesmo que non resultase agradable, se entendía que o debía facer, facíao. E, por suposto, unha persoa comprometida coa lingua e a cultura galega que foi un aspecto moi destacado na súa  traxectoria.

Aldegunde Quiñones

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s