Domingo 20 de maio. Pentecoste


A PALABRA Xn 15, 26-27; 16,12-15

Naquel tempo, dixo Xesús aos seus discípulos: «Cando veña o Paráclito que eu vos hei de mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade que vén do Pai, dará testemuño acerca de min;  e tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo desde o comezo.

Aínda teño moitas cousas que vos dicir, mais non podedes con elas agora.  Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de pasar.  El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo.  Todo o que ten o Pai é meu, por iso vos dixen que recibirá do meu e volo interpretará a vós.”

foto_boanova_pentecostes.jpg

 

A CLAVE

Marisa de Corme

Pentecoste. Sete semanas despois da Pascua, o pobo xudeu celebra a festa do Shavuot, ou festa das semanas. Nela recordaban cando Moisés baixara do Monte Sinaí coa nova Lei. Pentecoste é día de creación. O Materno Espírito alenta unha nova humanidade.

Paréceme clave subliñar como fala Xoán da verdade, non como algo pechado, inamovible, senón aberta á eternidade, que imos entendendo na vida, que non se pode explicar, porque contándoa non se entende. A verdade de Deus fala na vida e só a podemos entender se chegamos a ter a sorte de ser quen de abrir o noso corazón e deixarnos guiar.

Velaí o cambio: non temos unha verdade gravada en pedra, como a Lei de Moisés. A verdade de Deus abrolla nas nosas vidas, nos nosos corazóns (“Arrincarei do voso peito o corazón de pedra e dareivos un corazón de carne” dicía Ezequiel). Deus revélase no interior das persoas. Podemos ver a verdade se deixamos que transforme a nosa vida e se manifeste a través dela. Estamos chamados a dar eternidade a cada momento da nosa vida, e a única forma de que a eternidade teña sentido para nós, é que sexamos capaces de poñer valor eterno nas nosas accións, aínda sabendo que son fugaces.

O ECO

Christina

Michel, Teresa, Camilo, Henri, Karen, Marcela, Luis, James, Joseph, Ludmila, Antoine… Myriam, e tantos nomes que van saíndo dos lombos dos libros, das fotos e iconas, devalando dos andeis e enchendo todo o cuarto de presenzas cálidas e falangueiras. Testemuñas que estiveron contigo “desde o comezo” e que veñen confirmar que a túa teimosa Boa Nova vive. Seica veñen provocarme e acompañarme, petan no corazón e abro.

Sei que cando ti dis “comezo” non toca consultar calendarios nin crónicas, sei que sempre estás a comezar, botando o Alento Bendito que respiramos sen sabelo. Sei de súpeto que esa frase acaba de ser pronunciada aquí, neste cuarto ignoto, a esta hora, mentres estou na butaca de rezar onde sosteño, despregada sobre das miñas pernas, a miña vella e querida Biblia, testemuña primeira da miña conversión, hai anos. Lembro que emprendín esta meditación co gallo de escribir o Eco. Vou erguéndome amodiño entre a multitude que poboa agora este espazo santo que se fai total e in-menso (non mensurable), tan inmensurable como o tempo. E vai nacendo este texto, xunto coa renovada promesa de ser a túa testemuña entre testemuñas de hoxe e sempre, só por sentirme algunha vez máis, respirada en ti Bendita Ruah.

Veñen a min as verbas da cantiga escoitada hai semanas na sinagoga: “Leja Dodi” (ven Noiva) que cantan os xudeus no solpor do venres chamándolle Noiva ao Sábado.

Esta borracheira de Presenza e Osíxeno confírmame que a túa prometida Enviada chegou a bo porto, confírmame que nada hai máis urxente, belo nin desexable que someterme a ela e testemuñar, dar o callo, partir as costas ou o que queira que traia a marea, mentres quede Aire que vén de ti e lembro –lémbrasme?-: “velaí que estou convosco todos os días, ata o final” (Mateo 28, 16-20). “ Desde o comezo” e “ata o final”. Confirmo que a escritura non espallou a comunidade que me habita. Grazas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: