A PALABRA Xn 20, 19–31
Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles: «Paz convosco.» Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez: «Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.» E dito isto alentou sobre eles, e díxolles: «Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.»
Mais Tomé, un dos doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos: «Vimos o Señor.» Mais el contestoulles: «Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.» Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo: «Paz convosco.» Despois díxolle a Tomé: «Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.» Tomé respondeulle: «Meu Señor e meu Deus!» Xesús díxolle: «Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!»
Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.
A CLAVE. Benia os/as que creron sen veren!
Carme Soto
O encontro e o recoñecemento de Xesús resucitado foi un camiño que os discípulos e discípulas do Mestre foron facendo, sen dúbida con atrancos, pero tamén con fondas vivencias. Neses primeiros momentos o desexo de crer e de manter vivo o recordo do mestre, mesturábase coa implacable realidade que só falaba de fracaso e desesperanza. Esta experiencia é a que evidencia o relato de hoxe.
O Evanxeo de Xoán, ademais, fala a unha comunidade que xa non coñeceu a Xesús e que ha de crer polos testemuños de quen o coñeceu. Estas mulleres e homes da segunda xeración estanse a enfrontar a novos desafíos que poñen a proba a súa fe. No texto de hoxe, entre outros, aparecen dous desafíos: o medo a seren perseguidos pola súa fe en Cristo e a espiritualización excesiva da persoa de Xesús.
A narración informa de que os/as discípulos/as están pechados/as por medo aos xudeus (Xn 20, 19). Isto que fora unha realidade na primeira comunidade segue a pasarlles os destinatarios/as do evanxeo, pois son expulsados da sinagoga e perseguidos. Ademais, tamén son ridiculizados polos pagáns que ven irracional a súa fe na resurrección.
Esta situación fai que a comunidade se peche cara adentro e viva unha fe centrada nun Xesús idealizado e glorioso, esquecendo a realidade da cruz. Por iso a insistencia no relato de presentar ante a comunidade o Mestre resucitado mantendo no seu corpo as marcas da crucifixión. Deste xeito son bendicidos os e as que cren sen ver, pois eles e elas ven máis aló das evidencias e mais acá dos fracasos.
O ECO
Olga Álvarez
O importante das crenzas non son as crenzas en si, senón o que eu fago con esas crenzas. Se eu creo que Xesús é o meu exemplo a seguir, actuarei en consecuencia. El achegábase á xente, aos enfermos, aos excluídos, ás mulleres, aos nenos. Hoxe teriamos que facer o mesmo adaptándoo aos nosos tempos. Por todo isto participamos estes días en varias manifestacións: uns iriades á das mulleres, outros á dos pensionistas, moitos ás dúas, algúns non poderían ir a ningunha, e a min tocoume ir a outra, máis pequecha: a de apoio aos rapaces da Insurgencia. Non vos soa? A Insurgencia é un colectivo musical que pretende fomentar o internacionalismo, difundir e expandir a cultura revolucionaria e elevar o nivel de conciencia das masas traballadoras, ou falando entre nós, son un grupo de rapaces novos que rapean e din as cousas que agora mesmo non se poden dicir porque acabas na Audiencia Nacional coma eles. E por cantar caéronlles dous anos e un día de cadea, nove anos de inhabilitación e 4.800 € de multa, á espera da resolución do recurso.
Que faría Xesús?