Entrevista: Conversa con Miguel Vieito Villar, especialista en dereito sanitario


As persoas trans e a lei

Hai uns meses que se presentou unha proposta de modificación da actual regulación que permite o cambio de sexo e nome no Rexistro a persoas trans. A modificación da lei non foi finalmente votada no Congreso, sendo obxecto de varias prórrogas e dunha emenda do Partido Popular. Neste contexto, falamos con Miguel Vieito Villar, xurista e colaborador con diferentes asociacións de persoas trans, como por exemplo “ARELAS – Asociación de familias de menores Trans”, para que nos conte un pouco mais de que vai o tema.

Miguel, ponnos en contexto, en que consiste esta modificación de lei?

Esta nova regulación consistirá na posibilidade de mudar o nome e o sexo rexistral para menores de idade de xeito moitísimo mais sinxelo que o actual. Supón a fin, para expedientes rexistrais, da peregrinaxe de médico en médico buscando os informes que a Lei esixe hoxe, a eliminación do requisito da diagnose de “disforia de xénero”, así coma un sufrimento moitísimo menor para o rapaz e a súa familia.

Por colocar un exemplo, actualmente na asociación Arelas traballamos con solicitudes que roldan as 20 follas para este tipo de expedientes, e a mesma cuestión podería solventarse no futuro con 2-3 follas.

Ollo, esta Lei funciona só no eido rexistral. Por exemplo, no ámbito médico non cambia nada, seguen facendo falla os informes, etc.

Resultado de imaxes para Miguel Vieito VillarQue cousas positivas e negativas destacas desta nova lei?

Pois, é un pasiño mais nesta andaina que temos que percorrer todas como sociedade. Un éxito por suposto, e alégrome un montón, pero sen esquecer que segue sen se despatoloxizar a transexualidade pois séguese considerando unha enfermidade en determinados ámbitos (entre eles o máis importante: o médico).

O proxecto que se presenta é moi mellorable, sobre todo tecnicamente, pois contén erros e imprecisións.

Por exemplo?

Pois ten incoherencias, na medida en que non se aborda a modificación coordinada doutros corpos normativos que era necesario retocar. Tamén utiliza técnicas lexislativas que non son correctas e están en desuso, en concreto co emprego do termo “incapacitados” (artigo 1.3), no canto da fórmula “persoa coa capacidade modificada xudicialmente”. Con respecto á cuestión dos estranxeiros resulta moi confusa. Por un lado (artigo 1) están excluídos da reforma. Por outro (artigo 8) pasan a estar incluídos, pero só se teñen solicitado o cambio de nome no seu país de orixe e/ou non puideron facelo por estaren alí perseguidos ou en risco. Non queda en absoluto claro se haberá que acreditar esta persecución dalgún modo. En todo caso están excluídas as persoas migrantes sen permiso de residencia.

Resultado de imaxes para persoas trans

A regulación tamén é confusa con respecto aos menores e persoas coa súa capacidade modificada. Neste senso, se ben o artigo 1.2 permite a solicitude autónoma por parte dos maiores de 16 anos, os apartados subseguintes limitan a solicitude autónoma a maiores de idade. En calquera caso, parece non permitirse a solicitude, a través do Ministerio Fiscal, a persoas con capacidade modificada (o cal non parece ter xustificación algunha).

Sen embargo, alégrome. E se tivera que escoller entre levar adiante esta modificación ou non, diría que adiante. Pero o nivel de esixencia aos Partidos Políticos e ás Cortes Xerais penso que ten que ser moito máis alto.

Por que se fai isto agora?

Na miña opinión persoal trátase dunha cuestión política. Tense debatido moito, e séguese a facer, sobre a necesidade de aprobación dunha Lei integral que aborde a cuestión dos dereitos do colectivo trans. O caso é que esta norma parece non chegar nunca, e opino que esta modificación persegue ofrecer algo ao colectivo mentres tanto.

No meu parecer, precísase unha norma integral que aborde todas as arestas e puntos conflitivos e non só o dos menores (que, dende logo, é da maior importancia). Neste senso, son certas Comunidades Autónomas, como recentemente Andalucía, as que están a tomar a dianteira ao Estado Central en materia de Dereitos LGTBI en xeral, e do colectivo trans en específico.

Que non se debe dicir para non “meter a pata” cando falas deste tema pero non tes moita idea?

Pois en definitiva penso que é unha cuestión de respecto e formación. Non pasa nada por non saber, pero tampouco custa nada informarse e/ou preguntar. Cómpre evitar as palabras “disforia” ou “enfermidade” pois máis alá de que en certos círculos médicos segue a figurar esa nomenclatura, non debe falarse dunha persoa e da súa realidade diversa coma se fose algo negativo. Tampouco se debe falar de “nenos que queren ser nenas”, ou viceversa, pois non é un asunto de “metamorfose” ou “mutación”, senón que unha rapaza trans, máis alá da súa xenitalidade, é unha rapaza dende o seu nacemento (a identidade está bastante máis arriba na nosa anatomía). Ante todo debe considerarse e transmitirse que existe a diversidade de identidades, e como calquera diversidade, é unha riqueza para a sociedade no seu conxunto.

Cal é a mensaxe que che gustaría transmitir aquí?

Normalidade por unha banda. As persoas trans e as persoas CIS (simplemente aquelas que non son trans) temos dereito a recibir o mesmo trato e ter os mesmos dereitos. Non deben asociarse ideas ou sentimentos negativos ou despectivos ao colectivo trans só por ser diverso e non encaixar en canons inxustos e máis que anticuados.

Por outra, gustaríame transmitir certo grao de crítica social: que dereito cremos que temos para nos inmiscuir na vida privada e íntima das persoas e xulgalas por iso? Por que nos erguemos en supremacistas CIS e colocamos etiquetas ao diferente para excluílo?

Por último, quero transmitir a idea de que todos nós, persoas individuais, somos estupendos motores de cambio. Todos podemos comezar a autoexaminarnos, detectar os nosos prexuízos e traballar por eliminalos. Trátase, en definitiva, de practicar habitualmente a empatía como ferramenta social.

Lucía Santiago Díaz

One comment

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s