Actualidade: Cando as mulleres paramos… Si, o mundo para!


As mobilizacións feministas do pasado marzo sorprenderon a toda a sociedade e marcaron un antes e un despois na historia da loita pola igualdade. En termos relativos, Galicia foi un dos territorios onde a mobilización foi máis intensa.

  • Manifestación nacional o 4M en Vigo

Convocadas pola Asemblea Galegas 8M (que inclúe arredor de 30 asociacións, colectivos, plataformas e entidades feministas, así como mulleres a título individual), máis de 15000 persoas fomos tras a pancarta Para transformar a vida das mulleres, que abría a manifestación en Vigo, acompañadas polas ben organizadas Tamborililás da Batukada Feminista. Desde o cruce de Vía Norte ata a praza do Berbés, ao longo de tres horas, a cidade acolleu o latexo do feminismo galego

Imaxe 2

  • A manifestación e a folga do 8M

O xoves 8 de marzo viviuse un día histórico no noso país. A Asemblea Galegas 8M chamaba á folga en catro espazos: o dos coidados, o estudantil, o do traballo e o do consumo.

O dos coidados porque as tarefas de coidado das mulleres permiten que a roda do sistema produtivo continúe a funcionar. As mulleres galegas asumen tarefas de funcións sociais de coidados que o poder e o goberno aforran.

O do consumo porque o mercado en alianza co patriarcado intenta que as mulleres sexamos as principais consumidoras de produtos elaborados, ademais, en condicións de espolio e explotación nos países empobrecidos. E produtos de primeira necesidade para nós (compresas, tampóns…) teñen a “taxa rosa”, o IVE dos produtos de luxo.Imaxe 1

O do traballo porque os traballos “feminizados” son sempre os peor pagados e os máis precarios, as mulleres soportamos un maior índice de paro, a fenda salarial en Galiza é do 23%.

O estudantil porque o sistema educativo imperante reproduce as lóxicas patriarcais do poder e as súas violencias, no canto de favorecer unha educación pública de calidade, igualitaria e non sexista.

O paro convocado foi seguido por ducias de miles de mulleres e houbo concentracións pola mañá e pola tarde en máis de corenta vilas e cidades: Ourense (máis de 15.000), Lugo, Vigo (máis de 45.000 asistentes), Coruña (máis de 33.000), Ferrol, Marín, Compostela (máis de 14.000), Monforte, Vilalba, Cangas, Pontevedra, Ponteareas, Ribeira, Chantada, Allariz, Viveiro, Ribadeo, Burela, Verín, O Barco, Redondela, Cee, A Illa de Arousa, Carral, Miño, Baiona-Nigrán, Carballo, Muros, O Porriño, Ames, Lalín, Noia, Moaña, Vilagarcía…

Este 8 de marzo é xa un fito histórico que quedará na memoria colectiva deste país. As mulleres galegas tecendo lazos de sororidade e solidariedade coas mulleres de todo o mundo.

Esta folga, convocada a nivel mundial polas organizacións e plataformas feministas dos respectivos países, foi secundada con paros e manifestacións multitudinarias en máis de 170 países. O 8 de marzo foi un rotundo éxito!

  • Activistas feministas galegas no Parlamento europeo

Entre o catro e o oito de marzo a voz de feministas galegas tamén se fixo escoitar no Parlamento Europeo. Por iniciativa da eurodeputada Lidia Senra, vinte e cinco representantes galegas participamos, en Bruxelas, no Foro “Feminismo sen fronteiras” organizado polo Grupo Parlamentario Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). Alí partillamos e debatemos con feministas chegadas de Polonia, Alemaña, Ucraína, Grecia, España, Italia, Gran Bretaña, Ecuador e Perú sobre o empoderamento das mulleres no rural, a loita contra as causas e consecuencias da prostitución, ser muller nova na época da violación e do porno e o movemento internacional feminista MeToo.

  • Se as mulleres paramos, o mundo para

Todo isto, non cabe dúbida, é froito do traballo perseverante, continuado e animoso das organizacións feministas ao longo de moitos anos. Porque desde o feminismo non queremos parchear a realidade, queremos cambiala. Para que nacer muller non signifique máis traballo e menos salario, para que ser muller non leve aparellado a vivencia de violencia en todos os eidos da vida (incluído o relixioso), para que medrar muller non obrigue a pensarse como menos.

Si, demostramos que, se as mulleres paramos, o mundo para.

O movemento polo paro internacional de mulleres ten os seus antecedentes no ano 1975, cando en Islandia se realizou unha folga que foi secundada polo 90% das mulleres e que parou o país. E foi levedando ao longo de 2016 coa loita das mulleres polacas contra a criminalización do aborto (o proxecto de lei penaliza o aborto incluso espontáneo) e as marchas e mobilizacións masivas das organizacións feministas arxentinas como resposta aos feminicidios (7 en 1 semana).

Os medios de comunicación europeos e americanos fixéronse eco da folga feminista no estado español, unha folga histórica e sen precedentes secundada por 5.300.000 mulleres.

Realmente é un momento histórico no que estamos decatándonos da nosa forza que significa forza para construír xustiza e dignidade para mulleres e homes, para todos os pobos da terra. Estamos sendo quen de sermos as protagonistas da historia de noso.

  • E na Igrexa, as mulleres que?

As mulleres na Igrexa temos pendente esa nova conciencia e práctica colectiva. Temos pendente experimentar que se nós paramos, a Igrexa para. Necesitamos descubrilo nosoutras, para que eles o poidan aprender tamén. E así medrarmos xunt@s nunha Igrexa verdadeiramente igualitaria que nos poida recoñecer de verdade ás mulleres no papel que nos corresponde.

  • Urxencia feminista

As mulleres, as feministas, estamos organizadas e estamos convencidas de que hai que facer cambios concretos, cambios estruturais, e tanto o pensamento como o activismo feminista son a panca desde onde iniciar o movemento.

Fronte ás discriminacións e inxustizas da dereita máis reaccionaria neste contexto atroz neoliberal que estamos a vivir, o feminismo é o freo necesario e urxente.

Maite Cabanas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s