Economía: Hospital Álvaro Cunqueiro


En 2015 púxose en funcionamento o hospital Álvaro Cunqueiro, o primeiro, e único, hospital en Galicia que se construíu coa fórmula da concesión. Esta fórmula consiste en contratar unha empresa para que constrúa un hospital e explote a práctica totalidade dos servizos non sanitarios que se presten nel, desde o aparcamento e a cafetería ata a limpeza, ou mesmo o subministro enerxético. A Administración usa un hospital que non construíu, pero que pode usar. Nel desembarca con todo o seu persoal sanitario público, a cambio do pagamento do canon mensual ofertado pola empresa adxudicataria.

IMaxe economía

Se unha Administración quere construír un hospital, que vén custando uns catrocentos millóns de euros, pode financialo de tres formas diferentes. A primeira consiste en facelo con cargo ao orzamento anual, sen recorrer ao endebedamento, é dicir, cos ingresos ordinarios cos que conta en cada exercicio orzamentario. Ao tratarse dun edificio ao que se lle supón que prestará servizo durante uns corenta anos, incórrese na chamada inxustiza xeracional, que consiste en restar servizos públicos á xeración actual a cambio de darllos á xeración futura. O enorme esforzo que asume unha Administración que ten que pagar tal importe de golpe impide a execución doutras moitas alternativas públicas que poden ter un nivel análogo de preferencia.

 A segunda consiste en endebedarse. A Administración acode ao crédito para trasladar a cada xeración unha parte do custo total, xerando un reparto do custo máis equitativo. A cambio, deberá asumirse o custo financeiro dese préstamo, a chamada carga da débeda que tantas crises financeiras lles ocasionou aos países incapaces de facer fronte a ese pagamento. Vímonos obrigados a repensar a viabilidade de establecer límites ao endebedamento, xa que os gobernantes que se benefician dos préstamos non adoitan ser os mesmos que teñen que pagalos. Estableceuse un límite intocable para que ninguén quixese vivir á conta dos que veñen detrás. Maastricht supuxo a materialización deste pensamento.

A fórmula da concesión foi creada pola Unión Europea como o Grial do financiamento público. Poderemos construír infraestrutura pública sen endebedarnos. Como a Administración non é o propietario dela, non consolidan gasto, é dicir, non computan no déficit público, porque o que pagamos non é un edificio. Pagamos os servizos non sanitarios que unha empresa nos presta nun edificio que usamos para prestar servizos sanitarios. A empresa privada benefíciase, porque facilita a externalización de moitos traballos que lentamente imos asumindo, que poden funcionar sen ter que ser prestados obrigatoriamente por empregados públicos. O xestor público respira porque a curto prazo dispón de máis recursos sen mentar, nin tocar, a bicha, a fatal débeda pública que custodia e vixía Montoro. É todo tan perfecto? Tratándose de economía, non pode selo. Haberá que seguir outro día.

Pedro Pedrouzo Devesa

 

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s