Falando da lingua: A escachar coa risa!


Contounos hai uns días unha amiga que está encantada na súa oficina de traballo: moitos dos seus compañeiros son bilingües, pero como ela é galegofalante, eles falan galego con ela e, pouco a pouco, agora falan galego todos entre todos. Cando entra alguén da rúa que ten como lingua de seu o galego, aínda que a que utiliza normalmente para relacionarse co mundo é o castelán, ao oílos a eles falar en galego, tamén se bota a falar en galego. Alí seica traballan a reo e teñen un ambiente estupendo, seica son a envexa de todo o edificio! E teñen unha trécola curiosa: gústalles moito recuperar palabras de antano.

E tamén recuperan ditos. Hai unha compañeira de Ourense que lle gaña a todos! Hai que parrandeira é! “Bos días! –dicíalle o gato ás morcillas, e despois comíaas!!!” Así entrou pola porta estoutro día a Xoana! E botan unha risas e, veña!, a traballar!

Falando da lingua

Agora están con “restreba” e “restrebeiro”. Buscan contextos e máis contextos onde a poden aplicar, tanto que os que non a coñecían xa a a utilizan como se a tivesen de seu, e xa a compartiron na casa, e xa llela presentaron aos fillos, nenos de cidade que nunca centeo viron diante… Sabedes o que é a restreba? A restreba son eses talos do trigo, do centeo, de calquera cereal, que quedan presos á terra despois da sega, e tamén se lle chama así á terra onde quedan estes cotos secos. Pos seica na casa dunha delas utilizan o termo, por extensión, para referirse a algo que xa é vello, que xa é restrebeiro! E contou un compañeiro que cando el era pequeño e na súa casa tiñan gando, tiñan unha vaca, a Morita!, que restrebaba, é dicir, que paría todos os anos! Era como lles dicía a súa avoa aos tratantes que lles viñan pola porta cando ordenaron de a vender… Así e todo, el ben se acordaba de que nalgunha ocasión aquela vaquiña se dera de perda, que na casa houbera desgusto, porque cando a vaca paría, era unha fartura… Darse de perda! Onde el quedara!

  • E logo túa avoa era unha barriga á eira…!!! –díxolle a Xoana.
  • Que dis, ho, que desta volta si que non te entendo… –dixo Miguel.
  • Ai, ho, unha bota por ela!!!

Canto rin e canto traballan! Habemos volver con eles…

Lidia e Valentina

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s