Editorial: Irimia: Unha illa nun mar bastante líquido, perdoando a redundancia.


image

No mes de xullo, a directiva e a mesa de redacción ampliada da Irimia xuntámonos, como nos últimos anos, niso que chamamos un cruceiriño, como chiscadela e homenaxe a aqueles “cruceiros” dos anos mozos impulsados por Pepe Chao, aqueles precisamente nos que se foi xestando e parindo a Asociación, a Romaxe e esta revista. Xuntámonos, logo, para recoñecérmonos, para cuestionármonos; para celebrar o camiño e para camiñar celebrando.

Cada certo tempo convén preguntarse que servizo facemos e que sentido ten ese quefacer. E máis aínda cando se trata de trasladar á xente máis nova da directiva o acervo, as vivencias e experiencias de máis de trinta e cinco anos de andaina.

Dixémonos, entre outras moitas cousas, que Irimia ten o seu espazo, o seu ámbito, …o seu nicho, dispensando. Que a cantidade, a dimensión e o crecemento ilimitado non nos entusiasman, e máis vale que sexa así, pola conta que nos ten. Que o que cómpre é manter a liña e a identidade, a nosa razón de ser… en tanto o noso ser teña unha razón. E o humor, a fe e a esperanza, contra calquera desesperanza.

Inevitablemente constatamos que a realidade, o contexto, a Galicia de agora e as súas comunidades de base e parroquiais non son as que había noutrora. Falamos daquela Irimia como mosaico, na que as teselas eran pequenas comunidades, grupos deste e aquel movemento eclesial de base, as parroquias máis dinámicas e enraizadas na realidade cultural e social dunha Galicia que se construía de abaixo arriba tras a longa noite de pedra do nacional catolicismo. Eran tempos de militancias e proxectos sólidos, de longo alento, de realidades asociativas e solidarias dinámicas e esixentes. Eran tempos nos que “comprometerse” soaba ben.

Que implica para Irimia que, en gran medida, a sociedade –e con ela as comunidades, asociacións, movementos- se volvese líquida, que aquela utopía e o rigor militante da modernidade –por veces certamente excesivo e patético- deixase paso ás alegrías dun escepticismo posmoderno, ou mesmo que o vínculo e o compromiso solidario se resolva agora nun “click” no “like” (ou, como moito, no “gústame”), da correspondente rede social?

Pois Irimia, dixémonos, pode ser unha pequena illa nun “mar de liquidez”, algo ao que agarrarse para dar sentido ao noso quefacer e quevivir. E mesmo nese mundo das redes sociais, das realidades virtuais, sen perder o bo daquela solidez nin escapar da realidade real, e da xente, e do país, Irimia pode ser, ao seu nivel, un “influencer”, unha voz que pode inspirar, suscitar, ilusionar.

E iso na medida en que Irimia sen deixar de ser o que é (un horizonte común, unha referencia comunitaria de segundo nivel das que disque xa non quedan moitas no mundo real) poida seguir educando no pensamento crítico e solidario e achegando as súas propias cores, os seus acentos e matices. Cales son?

Fomos debullando eses acentos. Na formulación inicial fálase de fe e galeguidade. Falamos de como a nosa fe foi cambiando, a medida que nos foi cambiando a nós en diálogo coa xente e co presente que nos toca vivir. Comentamos o provocador artigo de Vigil en Redes Cristiás (“Benaventurados os ateos porque atoparán a Deus”) e de como a nosa achega específiva á diversidade ecuménica, o noso remol común, é a experiencia humana e crente de Xesús de Nazaré, libre de fórmulas e rituais que o fagan irrecoñecible.

A galeguidade é un referente esencial de Irimia. Como crentes galegos e galegas, en e desde Galicia, capaces de recoller e dar futuro ao que nos preserva como pobo, ao sentir compartido, á fala e ao territorio, ao ecosistema e ao patrimonio herdados e a nosa capacidade de autoorganizarnos e decidir.

E apuntouse unha terceira clave que nos pon no mapa e nos identifica: estar a carón da fraxilidade, apoiar e significar algo para a xente do común, para o pobo e para os sectores que o sistema deixa nas cunetas ( E isto debe ser tamén chamada para a nosa maneira de facer as celebracións e romaxes). Entre a desesperante liquidez e a rixidez das esencias hai unha terceira vía: a solidariedade efectiva e concreta, ese ecumenismo na práctica, na boa causa compartida, esas que chaman as causas perdidas e que son esas que, aos de Irimia, nos engaiolan.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s