“No noso corazón revive a historia”
Homenaxe á comunidade de monxas doroteas de Galegos (Frades)
Era un mediodía cálido deste verán tamén abafante cando nos achegabamos o domingo 20 de agosto á parroquia de Galegos. Convocábanos a AA.VV “Río Samo” de Galegos e a Asociación de Mulleres Rurais “Airiños Galegos”, que coa colaboración do Concello de Frades, querían ofrecer homenaxe á comunidade de monxas Doroteas que desde hai 53 anos veñen desenvolvendo na parroquia de Galegos e a súa contorna un servizo de acompañamento e formación en senso amplo, merecente desde logo da tal homenaxe.
As Orixes
Todo comezara hai 53 anos, cando Rosario Linares Rivas, dona da casa e propiedades do Pazo de Galegos, ao se ver sen herdeiros, acorda deixalo todo pensando na formación humana e relixiosa dos rapaces e rapazas da parroquia e arredores. Para iso cédelle o pazo e posesións ás monxas Doroteas que se instalan no mesmo, mentres a dona ocupa sen máis un cuarto da casa.
Aquí empeza o labor educativo desta comunidade que se aplicou ao primeiro basicamente aos nenos e nenas con dedicación e pedagoxía ben meritoria e innovadora, e que co tempo foi abrindo o campo de traballo a xente adulta, intentando sempre armar de coñecementos e vontades a unha poboación rural que neses anos se tería que afrontar a grandes retos nos que estaba en xogo o seu presente e futuro como pobo rural.
Compromiso social coa xente de aldea
A labor ensinante das relixiosas foi acompañado por unha marabillosa decisión de ir entregando gratuitamente terras do pazo, que eran moitas e boas, como espazos de uso comunitario ou como terras de produción para servizo da comunidade parroquial. Entendían que no fondo aquilo era do pobo e ao pobo había de volver.
Somos moitos e moitas as que temos experimentado a fina e humilde acollida daquela casa e comunidade a calquera iniciativa, que intentase coordinar esforzos para mellorar a vida da xente do campo. Ver o que ía sucedendo, pensalo, debatelo, proxectar liñas de traballo, contando sempre, no máis posible, coa xente do pobo, foi a metodoloxía de traballo desta comunidade, que era moi sensible ás cuestións de Igrexa, pero que, como boas cristiás, o era tamén ás cuestións sociais, rurais, que petaban á porta cada día. Ante a fe e ante a vida, formarse para andar en liberdade e dignidade, ese foi sempre o seu obxectivo. Sempre co estilo que transluce o seu lema de presenza: In simplicitate laboro (Traballo con sinxeleza).
Homenaxe popular ben merecido
E todo isto foi o que o pobo de Galegos e parroquias do arredor, e cantos alí nos xuntamos o pasado 20 de agosto, lle quixemos agradecer a esta comunidade que se foi gastando en esforzos e persoas durante estes 53 anos, e que hoxe está representada humilde e dignamente por Fina, Carmiña e Remedios. Empezamos cunha Misa ben cantada coa animación dun coro de mulleres do lugar. Logo co alcalde do Concello descubrimos un monolito coa inscrición “Praza das Doroteas. In simplicitate laboro”, pois acordara o Concello dedicarlles o campo precioso que rodea a igrexa. Pasamos despois a xantar comida abundante e gustosa, para rematar o encontro cunha proxección fotográfica, cunha obra de teatro, coa entrega duns obsequios en recordo de todo o vivido aquel día e do traballado durante tantos fecundos anos, e outros divertimentos que cativaron a nosa atención e afectos ata ben entrada a tarde.
Grazas de corazón por esa maneira sinxela e eficiente de ser Igrexa, de ser pobo; de ser pobo e Igrexa nunha soa e mesma presada.
Palabras de introdución á celebración da homenaxe, lidas por unha veciña
Reunímonos hoxe aquí para celebrar un acto de xustiza, de admiración e de agradecemento a unha Congregación de Relixiosas que chegou á nosa parroquia hai 53 anos.
Unhas mulleres que, si, son monxas, pero que para nós son unhas veciñas máis, xa que souberon adaptarse ao pobo sendo unhas auténticas servidoras cunha gran vocación de ensinar, de axudar, de fomentar a unidade e de loita polo pobo.
E é por iso, porque “No noso corazón revive a historia”, polo que imos celebrar hoxe esta homenaxe como resposta da parroquia de Galegos a todo o bo e ben que elas nos trouxeron.
Comezamos coa Eucaristía, acción de grazas a Deus, e continuaremos a misa na mesa, banquete de comuñón entre nós.
Manuel Regal Ledo