Entrevista: “Espazo das familias”, o legado de Antonio Gandoy


 

Nunha clara mañá de primavera achégase Irimia ao nº 9 da Garaballa de Arriba, en Lugo, onde tiñamos concertada esta entrevista para coñecer a actualidade do programa “Espazo das Familias”, promovido pola Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy”. Alí agárdannos atentas, sorrintes e faladeiras Puri Fernández e Luísa Rey. Tamén nos acompaña Ermitas Fernández, que fora durante moitos anos a directora de “Preescolar na Casa”. A entrevista desenvólvese arredor da mesa de reunións. As fotos de eventos sinalados de Preescolar na Casa e de Antonio Gandoy seguen penduradas nas paredes. Foi unha unha longa conversa, na que as ideas se entreteceron e completaron. As preguntas son de Irimia e as respostas de Puri e de Luísa de maneira conxunta.

Como empezastes o programa Espazo das Familias?

O proxecto xurdiu cando rematou a Fundación Preescolar na Casa, alá por novembro de 2012. Doris e Puri eramos as que quedabamos aquí e tiñamos ganas de acabar canto antes e marchar, cansas das tensións xeradas no proceso de cese da actividade de Preescolar na Casa. Pero un día, falando co administrador concursal, preguntámoslle que ía pasar con todo o que quedaba aquí: os libros, material, todo… E díxonos: “Iso non vale nada; ninguén vai poxar por iso; acabará nun contedor de lixo”. Como imos deixar que acabe todo nun contedor? Non pode ser! Que facemos? Pareceunos que a única solución era montar unha asociación para recoller todo o legado material e inmaterial que queda de Preescolar na Casa. Para iso falamos, en primeiro lugar, con Luísa e outra xente, que nos axudou a poñer en pé a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy.

Que é o que pretendedes, cal é a meta que compartides como asociación?

Se o miras ben, o nome xa che dá a pista: recoller, manter e difundir o legado de Antonio Gandoy e de Preescolar na Casa; el e a súa filosofía están sempre presentes. Mantemos vivo un estilo de traballo educativo centrado no apoio ás familias na educación dos nenos e nenas nesta etapa tan importante, en galego, como é “natural”, en interacción cos elementos do contorno natural, abertos á comunidade.

Mantedes a confianza nas familias como unha das marcas de identidade?

O máis importante é o traballo coas familias, o principal é o tempo de calidade compartido entre os adultos e os nenos: que sexa pensado, no que se respecten os ritmos dos nenos, no que non haxa imposicións de actividades, que as actividades se vaian facendo fluídas, nas que todo o mundo teña cabida, incluso as situacións puntuais e persoais. As actividades dun programa sempre teñen un tempo moi limitado, por iso é tan importante a formación dos pais; e nesta formación de pais o máis valioso é vivir de maneira consciente experiencias satisfactorias compartidas, como xogos, experimentos, tarefas da casa, conversas, lecturas…

Como se desenvolve a actividade do que chamades Espazo das Familias?

Como acontecía en Preescolar na Casa, o elemento central son as reunións, os encontros de nais/pais e nenos/as cunha orientadora. Aínda que introducimos algunha innovación, o modelo de reunión é o herdado:

– as destinatarias son familias con nenos/as menores de 3 anos;

– a súa duración é de arredor de unha hora e media;

– o seu horario é acordado, tendo en conta as posibilidades das familias e da orientadora;

– o contido pode variar, pero non falta nunca o recordo do que se fixo durante a semana desde o encontro anterior, o desenvolvemento dalgunha actividade de estímulo sensorial, xogo, cantiga… e a proposta de actividades para a vida cotiá na semana seguinte.

Falabades que tedes introducido innovacións?

No organizativo, a innovación máis destacable é que agora os encontros, as reunións coas familias, son cada semana, o que asegura unha maior continuidade e intensidade das experiencias. Tamén substituímos aquela visita familiar que facía Preescolar na Casa por titorías personalizadas no lugar da reunión; hai orientadoras que as fan sistematicamente con todas as familias, unha vez que estas se incorporan ao programa; noutros casos, son as familias as que as solicitan.

Desde o punto de vista máis didáctico, no desenvolvemento das reunións tratamos de enriquecer o espertar sensorial, de todos os sentidos dos nenos, con propostas novas, como a caixa de luz ou pintar con diversos materiais; cultivamos moito a fabricación de xoguetes con materiais reciclados, coma o pau da chuvia.

Tamén tratamos de facer máis flexible a actividade da reunión. Así, por exemplo, se o neno necesita merendar, inclúese esa actividade na dinámica da propia reunión, inclúese ese tempo na reunión; non se para a reunión para merendar; é dentro da reunión e faise dese tempo un tempo de experimentación, de falar sobre a alimentación, de introdución de alimentos que non coñecen, traendo, por exemplo, cada día unha froita distinta. Se ten que durmir a sesta, non pasa nada, simplemente procuramos non facer demasiado alboroto.

Seguides reflexionando coas nais ou cos pais sobre diversos temas, como se facía en Preescolar na Casa?

Seguimos, porque pensamos que é moi importante ir construíndo unha nova cultura sobre a infancia, a crianza, os coidados, a educación, pero variamos un pouco a dinámica. Antes presentábase un tema e a partir del propoñíanse actividades para facer cos nenos. Agora facémola ao revés: empezamos as actividades coas crianzas e, a partir delas, observando o comportamento dos nenos, trátanse os temas cos pais e nais. As conversas coas familias van vinculadas ás actividades que se fan cos nenos.

Á parte das reunións, desenvolvedes algunha outra actividade?

Tratamos de aproveitar todas as oportunidades para promovermos esa nova cultura da infancia, arredor da idea de nenos e nenas competentes e para facilitar a realización de actividades pracenteiras de maneira conxunta. Nesa liña, organizamos actividades como:

– Concertos para bebés, segundo o modelo de Paulo Lameiro, coa participación activa dos nenos, que cada vez nos demandan máis, tanto concellos coma colexios. É impresionante como neniños tan pequenos viven a música en directo.

– As “Festas xogueteiras”, case sempre como un evento lúdico singular na fin do curso. Nun espazo ao aire libre montamos oito recantos ou espazos para xogar con diversos materiais como pan relado ou farelo, pintura de dedos, instrumentos musicais, construcións con bloques especiais para bebés, auga, pompas de xabón… Os nenos e as familias van pasando dun recanto a outro durante máis de dúas horas. Ao final, a festa remata cunha actividade musical.

Con que medios contades para organizar todo isto?

Para todo isto necesítanse recursos materiais e persoais. Todas as axudas son benvidas. En primeiro lugar, contamos con profesionais da educación infantil, algúns con experiencia previa en Preescolar na casa que, ben en forma de axuda voluntaria, ben de forma asalariada, animan as reunións, que son a columna vertebral da nosa actividade como asociación. Tamén contamos coa axuda económica de persoas particulares e de institucións. Entre estas, destaca a do Concello de Lugo, que nos cede os locais que fan de sede, a Deputación de Lugo, que nos dá unha axuda para afrontarmos os gastos da actividade. Cada familia usuaria paga unha pequena cota; varios concellos sufragan parcial ou totalmente esta cota. O CDR O Viso de Lodoselo, a Fundación TIC da Deputación de Lugo e o Instituto Politécnico de Lugo e a Biblioteca Pública Anxel Casal de Santiago tamén colaboran con nós de diversas maneiras.

Que balance e valoración facedes do realizado ata agora?

Estamos traballando cunhas 280 familias nuns 20 concellos. Están colaborando directamente, de diversas maneiras, unha ducia de persoas. As familias móstranse satisfeitas. Nós tamén o estamos. Temos vencidas as enormes dificultades iniciais. Agora non pretendemos medrar moi de présa; máis ben establecer, afianzar, asentar o que se fai e mellorar as condicións de traballo das persoas traballadoras.

Cales son os vosos desafíos inmediatos como asociación?

Un desafío permanente é completar e estudar novos materiais e proxectos. Temos moi adiantada a preparación dun libro que recollerá unha ampla escolma dos escritos sobre temas educativos do noso inspirador, Antonio Gandoy. Tamén estamos traballando para conseguir a declaración de entidade de utilidade pública.

Como se fai para iniciar o Espazo das Familias nunha localidade?

Nós, na administración do programa recibimos as demandas de familias ou dos servizos socio-educativos dos concellos; tamén recibimos oferta de persoas que están dispostas a traballaren neste programa como voluntarias ou colaboradoras. A continuación empezamos a coordinar e a organizar a actividade de encontro de grupos de nais/pais e as súas criaturas coas profesionais.

Como se pode contactar coa Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy?

Este é o noso teléfono: 982 21 60 01

Este é o noso correo electrónico: antoniogandoyeducación@gmail.com

Esta é a nosa páxina en internet: http://antoniogandoyeducacion.blogspot.com.es/

Este é o enderezo da nosa sede: Garaballa de Arriba, nº 9. 27003 – Lugo.

Agradecemos a Puri e a Luisa toda a información que nos facilitaron e, sobre todo, o seu entusiasmo en animar unha actividade que tanto pode apoiar o exercicio da parentalidade positiva e o desenvolvemento de nenos e nenas competentes e en harmonía coa súa contorna.

Mesa de redacción da revista Irimia

 

Deixar un comentario