Editorial: 25 de xullo, un día para o orgullo galego


25-de-xullo Galicia necesita boas novas sobre si mesma. Levamos preto dunha década de horizonte gris e esperanza decaída. Un cocktail amargo para o galeguismo, certamente, esa mestura de gobernos recentralizadores e a sonada “crise” que valeu de desculpa para case todo.

Galicia necesita reaparecer. Reaparecerse. Mostrarse a si mesma capaz de ter un futuro de seu. “Venderse” a si mesma como un produto de calidade. Convencerse, autoconvencernos de que somos quen, sen tutelas, sen caxatos prestados, superando esa esmoleira conciencia de “sitio subvencionado”.

Galicia necesita vencer, contrarrestar a axenda oculta da “Galicia 0”, da nacionalidade devalante que nos desgoberna, ese proxecto acochado entre liñas dos mandatarios de Galicia e Madrid. Saberse nación histórica, saberse potencia e capacidade. Saberse alimento excelente, tecnoloxía punta, deseño, arte, teatro e audiovisual de seu; saberse con lingua propia benquerida de poetas e científicos, de igrexas e tabernas, da xente ordinaria e da extraordinaria, de militantes e paseantes e da xente nova a esgalla.

Galicia necesita recoñecerse como economía e finanzas propias, a pesar da desfeita, do espolio, do vendaval que levou por diante as nosas Caixas e aforros diante duns dirixentes que xogaron a especuladores e duns políticos nefastos. Galicia debe saberse capaz de reconstruírse unha vez máis.

Resulta difícil definir e acordar que vai ser Galicia nese futuro incerto do concerto dos pobos e nacións. Estados, soberanías, rexións económicas, comunidades humanas… Todo está aberto e incerto, cambiante. Pero debemos deixar claro que queremos ser un suxeito político, cultural, económico. Que temos os nosos triunfos e que os queremos xogar.

Se o movemento LGTBI conseguiu manifestar a súa orgullosa autoafirmación na diferenza cunha mobilización espectacular, como non seremos os galegos e galegas quen de afirmarnos na nosa diversidade, diante do universo? Porque necesitamos unha boa dose de orgullo san, sandador, que nos faga saír do armario, e afirmar que seguimos por aquí para aspirar a todo sen deixar de sermos, agradecidamente, como somos.

Galicia necesita vencer, contrarrestar esa axenda oculta da “Galicia 0”que nos desgoberna.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: