Xente d’eiquí: Ana González Miranda e Anxo Estévez Barcala, restauradores da fermosura


 

restaurar

Ana ten vinte e cinco e Anxo vinte e sete. Son restauradores e conservadores. Ela, ademais, fotógrafa. El, de paso, diplomado en artes escultóricas. Ela que é de Bueu, traballou no Perú, no museo Arqueolóxico. El, que é pontevedrés, estivo tamén no Perú e tamén restaurando o mosteiro de Batalha. Restauran cousas fermosas da nosa herdanza de séculos e conservan o que cómpre conservar (non o outro). Teñen vida e obradoiro na parroquia de Salcedo, a carón de Pontevedra. E son xente de aquí, da que vai facendo de Galicia un país digno de ser vivido, ese lugar marabilloso e imprescindible que herdamos e que temos que deixar en herdanza.

En que consiste o voso traballo?

Pois consiste en preservar o patrimonio cultural a través da conservación e da restauración.

A restauración e a conservación axudan a xerar coñecemento e fanse cun método propio. É unha dedicación, unha ciencia experimental moi práctica, na que entran en xogo varias disciplinas, combinando traballos de diversas ciencias, cunha metodoloxía complexa. Así que ten unha parte teórica e unha parte técnica e, ademais, unha compoñente ética.

Para que vos fagades unha idea, hai hoxe unha serie de criterios asentados sobre os graos de intervención, sobre a reversibilidade dos tratamentos que se aplican ás obras de arte, sobre a chamada “conservación preventiva”. Tamén criterios como a mínima intervención ou a non modificación da natureza dos artefactos. É dicir, moito respecto ao ben cultural e a súa orixinalidade, realizar a mínima intervención posible e facer que esa intervención sexa reversible.

 Conservar? Restaurar?

 Ben, hai diferenza. Conservar é tratar de que unha obra non se degrade, que a acción do tempo e do humano non sexan negativas. Manter o obxecto no estado no que se atopa cando chega ás nosas mans, que non vaia a peor. Un factor moi importante é a conservación preventiva, que traballa sobre as condicións medioambientais. Restaurar é intervir nun ben intentando aproximarse a como estivo nun tempo pasado. Sempre tentando conservar a pátina que vai creando o tempo.

Todo un traballo en equipo, logo….

O noso equipo, por exemplo, está composto de dous diplomados en restauración, pola Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Titulados tamén, en técnicas escultóricas e fotografía profesional na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Ademais, contamos coa colaboración dun carpinteiro ebanista con ampla experiencia. Estamos especializados en pintura, retablos, imaxes, marcos, antigüidades, metalistería, ourivería, cruces procesionais, artes decorativas, documentos gráficos, materiais arqueolóxicos e carpinterías de igrexas. Temos experiencia na realización de moldes, con siliconas e resinas especiais para fabricar réplicas e reconstrucións de bens artísticos, así como pezas novas en materiais modernos. Tamén fabricamos en talla de madeira, policromado e dourado, o que nos permite realizar escultura decorativa e relixiosa. Temos a satisfacción de dicir que somos quen de devolver aos bens artísticos, imaxes e retablos a súa orixinalidade, eliminando vernices envellecidos e repintes que desvirtúan a súa riqueza artística.

Pero tamén facemos renovación de estilo, restauración e rehabilitación de mobles e carpinterías. E a formación en fotografía profesional, permítenos mesmo realizar fotografías de bens artísticos e fotografía profesional de eventos, tales como vodas, bautizos, comuñóns…

Hai que darlle a todo, pero que vos atrae máis da restauración? Tedes preferencias?

Canto a materiais, sentímonos mais cómodos cando traballamos con madeira e pintura. En canto a tratamentos, o que máis nos interesa é a intervención directa sobre a obra, con reproducións de elementos perdidos, limpezas e reintegracións cromáticas. No que máis nos gusta traballar é sobre lenzo, escultura policromada, imaxinería e retablos. O mais grato e apaixonante da nosa profesión é descubrir as capas subxacentes das pezas durante un proceso de limpeza ou de eliminación de repinte. E toparnos con policromías antigas que fai séculos que non ven a luz. Non debemos esquecer o factor humano; a satisfacción ao entregar unha peza do agrado do cliente.

restaurar2

Cal é a parte máis delicada dese labor?

O máis delicado é, definitivamente, o traballo activo sobre a peza e, dentro desta, é de salientar a limpeza e a eliminación de repintes. Isto convértese nunha ardua tarefa, pois normalmente é complexo atopar un método de limpeza que nos facilite a eliminación do alleo á obra sen alterar a súa pátina e a policromía orixinal.

 Por que vos chamades “Almuíña Arte e Restauración”?

“Almuíña” é o topónimo dun lugar da periferia de Pontevedra, preto de nós. Esta zona está moi castigada pola acción humana; ao estar na entrada da cidade viuse afectada por autoestradas, circunvalacións, etc. De todos os xeitos conserva certa orixinalidade rural, ao estar menos poboada. “Arte e restauración” pola importancia da parte creativa (arte) e da parte preservadora (restauración), pois non somos unha empresa de restauración convencional, tamén temos capacidade e formación para crear pezas novas.

Contades xa con algunha obra realizada?

 Xa tivemos a oportunidade de traballar en campos variados; dende traballos para institucións, como en museos nacionais en Perú, no campo da arqueoloxía, con materiais metálicos e cerámicos; tamén para particulares, restaurando lenzos, marcos, mobles e antigüidades; temos experiencia no ámbito relixioso: retablos, imaxes e fachadas. Na parte creativa fixemos dende tallas en madeira por encarga, policromados e patinados de esculturas, réplicas e fotografía profesional de eventos.

 Como está o panorama da restauración en Galicia?

 O panorama laboral dende o inicio da crise en Galicia, non é bo, e menos ao falar do contorno cultural. Hai que ter en conta que na actualidade o IVE cultural é do 21% a isto hai que sumarlle a cota mensual de autónomos ou o imposto de sociedades; isto dá como resultado que os salarios reais que os profesionais desta especialidade están a levar cada mes as súas casas sexa moito menor que hai uns anos atrás. Dende a crise, a cantidade de traballo reduciuse polos recortes no orzamento de cultura. Tamén no sector privado descendeu o consumo neste ámbito por este mesmo motivo. Outro factor importante é o intrusismo laboral, que aínda que é menor que hai uns anos, existe. Atopamos as súas intervencións deficientes: repintes, vernices de mala calidade, materiais irreversibles, incompatibles, mal aplicados, que deturpan a orixinalidade da obra. Todo este tipo de tratamentos volven o noso labor de devolver a obra ao seu estado orixinal, moito mais complexo.

 Detalle_man.jpg

É posible, logo, restaurar sen “profanar”?

 Profanadas é como chegan moitas imaxes as nas nosas mans, que teñen diferentes repintes cubrindo a policromía orixinal, en lugar coidar e conservar a que existía. Outros tipos de profanación máis severas son as “restauracións de estilo”, algo moi estendido no pasado, nas que se retallaban ou se mutilaban as pezas para logo unir partes de distintas imaxes, creando novas en consonancia co estilo da época. Ou os repintes parciais, como no caso da Capela Sixtina, na cal se repintaron panos que cobren as partes pudendas dos distintos personaxes.

A nosa restauración non profana, pois rexémonos polos criterios marcados a nivel europeo, cos principios dos que xa falamos: respecto pola orixinalidade da obra, mínima intervención e reversibilidade dos tratamentos. O respecto ten que ver con asegurarse de non modificar o seu sentido e mensaxe, non inventar partes ou elementos novos, non falsear acabados e policromías. A mínima intervención estará marcada polo uso; ben se é devocional, estético ou si é un “documento histórico” destinado a ser musealizado ou almacenado. A reversibilidade dos tratamentos realizados é fundamental, pois o mundo da restauración está en constante evolución e investigación e poder volver atrás nos tratamentos é moi importante ao longo dos anos.

En que andades agora mesmo?

Pois estamos a formar unha carteira de clientes a nivel galego que nos permita realizarnos como profesinais do mundo da restauración e a arte. Nestes intres contamos con obra devocional e lenzo no noso taller, e estamos á espera de varios proxectos entre eles un retablo.

 E os vosos soños cara a onde camiñan?

 Os nosos soños son poder vivir do noso traballo e sentirnos realizados preservando o patrimonio material moble do noso territorio, para que poida ser gozado polas xeracións futuras, e estudado para ter unha mellor comprensión da historia do arte e dos oficios que no presente están en perigo de desaparecer.

  Xosé Lois Vilar

—————————————————————–

Para contactar:

Domicilio e obradoiro na Rúa Aldea Nova, nº12. Salcedo-Pontevedra 36143

650257199/620434762

almuinarestauracio@gmail.com

—————————————————————–

 

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Xente d’Eiquí coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s