DOMINGO 19 DE MARZO. III de CORESMA


Miguel Saavedra, Cortesía de www.freeimages.com

A PALABRA. Xn 4, 5-42

Naquel tempo, chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle: «Dáme de beber». (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida). Preguntoulle entón a muller samaritana: «Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber?» (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos). Respondeulle Xesús: «Se coñeceses o don de Deus e quen che di “dáme de beber”, ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.» Replicoulle a muller: «Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?» Xesús contestoulle: «Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.» A muller suplicou: «Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela. Vexo, Señor, que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.» Xesús díxolle: «Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora -e velaí- en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.» Respondeu a muller: «Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.» Díxolle Xesús: «Son eu, o que está falando contigo.» (…)

A CLAVE – Marisa de Corme

Xesús fala de teoloxía cunha muller!. Debaten sobre o sentido do culto, o papel do templo (ao que ela non podía entrar), a verdade que é fonte de vida,… Xoán contrapón en dous capítulos (3 e 4) dous diálogos teolóxicos: o de Nicodemo e o da Samaritana. E vaia se non hai diferenzas…

Nicodemo ten nome, a muller tamén, pero non quedou indicado. Nicodemo fala desde a cabeza, desde a súa autoridade e poder de fariseo, e o seu debate é abstracto, racional. A muller fala desde a vida, a súa persoal e a da súa comunidade, dende o cotián. Na conversa con Nicodemo os discípulos non aparecen. Aquí si, e vaia “papelón” fan: ignoran á muller, non se queren “rebaixar” a entrar na conversa e quedan a velas vir.

Nicodemo non entende o que significa “nacer de novo”. A Samaritana enténdeo enseguida. No encontro con Xesús a súa vida cambia: xa non é quen de marchar para casa como se nada pasara. Precisa comunicalo, facer que os demais o vivan coa mesma intensidade que o está a vivir ela. Nicodemo parece seco por dentro, na muller de Samaria abrolla unha fonte de auga viva. Por iso entendo e recoñezo a ledicia que debeu sentir cando os seus veciños lle din “Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo”.

Se non é esta muller de Samaria unha apóstola, que veña Deus e o vexa!

O Eco – Olga Álvarez

Hai que ver, que pouco cambiaron as cousas desde hai dous mil anos. Que se os xudeus e os samaritanos non se levaban e iso que os samaritanos tamén eran xudeus, aínda que doutra póla da árbore. E aquí nos tes, no século XXI, con guerras e conflitos polo mundo adiante.

E, pola outra banda, xa vedes que daquela falar cunha muller estaba mal visto. Agora, polo menos, xa comezamos a ver mal que se mate a máis dunha por semana. Ese é o primeiro paso, que nos deixe de dar mágoa e nos dea carraxe.

Polo que vemos Xesús era un adiantado para a súa época, ou quizais simplemente ollaba as persoas como seres humanos, sen facer distincións pola súa procedencia, crenzas, xénero, idade, clase social… Igual que nós non discriminamos pola cor dos ollos e nos parecería unha parvada facer tal cousa, do mesmo xeito discriminar por calquera outro motivo é igual de estúpido e os nosos fillos adoptados en Etiopía, China ou Rusia son a mellor explicación, pois cando tes unha pequena ONU na casa non se ven diferencias máis aló da talle dos zapatos.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s