Xente d’eiquí: Lois Ferradás, educador de educadores


ferradas-1

Recentemente xubilado do mundo do ensino e xa iniciado noutras andainas, conversamos con Lois Ferradás para percorrer unha vida que reúne elementos únicos; velaí atopamos un neno de aldea; un mozo que estuda maxisterio convencido de que a profesión melloraría as persoas; un mestre que renacía mestre a través de Preescolar na casa, de Nova Escola Galega ou das Galescolas; un formador de futuros docentes na Universidade de Santiago. Alén diso, está detrás unha persoa natural, achegada e comprometida en diferentes causas e colectivos, entre os que ten a sorte de se atopar Irimia.        

Que queda do Lois neno, da túa infancia, da túa escola?

Fun un neno de aldea, dunha familia de labradores, con pais, irmáns, avós e veciños. Aquela vida, coas súas carencias e limitacións, pero tamén cos seus valores, marcoume fondamente. Vivir en sintonía cos ciclos da natureza, ter abondo co básico, sentirse parte dunha comunidade coas súas normas… son aprendizaxes para toda a vida. Antes de entrar no seminario, con 11 anos, fun a unha escola unitaria. Eramos moitos nenos e nenas de 6 a 12 anos, tiña mobiliario vello e non adaptado aos máis pequechos e non era moi interesante; a mestra era unha persoa seria, e o mellor eran os recreos, despois de tomar, con gusto, unha cunca de leite quente e de ila lavar ao cano dun lavadoiro próximo. Recordo que a mestra era unha persoa respectada na aldea e que aquela escola deume a base para proseguir con soltura os meus estudos posteriores.

Por que decides enfocar a túa vida ao mundo do ensino? Que recordas dos inicios?

No de estudar maxisterio influirían varias circunstancias, algunhas ben prácticas: estudar na Universidade de Santiago, a mellora das condicións de traballo dos mestres… pero, sen dúbida, influíu o gran prestixio desa profesión nos ambientes nos que eu me movía. Aquela confianza enorme, se cadra algo inxenua, no poder da educación para facer mellores as persoas e para romper os círculos nos que a pobreza se reproduce.

Recordo os inicios de mestre cunha mestura de ilusión e insatisfacción; por unha parte sabiamos que a escola tiña que ser outra cousa pois xa liamos a Freire, a Freinet, a Escola de Barbiana ou xa participabamos en experiencias alternativas de educación nos tempos libres, coa pedagoxía da expresión ou a pedagoxía de proxectos; pero por outra, a formación como mestres era moi deficiente e distante das circunstancias concretas de traballo. A organización escolar, especialmente nos colexios grandes, era ríxida e burocrática. Neste ambiente había moita busca, ás veces individual e ás veces colectiva. Nova Escola Galega, por exemplo, comeza naqueles anos, e aínda segue na brecha.

Seguro que recordarás con cariño e certa melancolía “Preescolar na casa” e o que supuxo en Galicia. Algo tiveches que ver no proxecto …

Si, no ano 1977 Antonio Gandoy convídame para formar parte do primeiro equipo profesional de Preescolar na Casa, con Ermitas Fernández e Adela Vila. Foron doce anos con dedicación exclusiva e moitos máis con diversas colaboracións. Foi aí onde me fixen profesional, dando e recibindo. Durante máis de 30 anos “Preescolar na Casa” fixo unha contribución singular á educación no medio rural en Galicia; singular polo número de familias que participaban, máis de 2000 cada curso; por situarse no rural, daquela con máis dificultades para acceder aos servizos; por atender a primeira infancia; por basearse na participación competente das familias; por realizarse integramente en galego; por usar creativamente revista, radio e televisión. Preescolar na Casa foi un laboratorio e un difusor da mellor pedagoxía da primeira infancia no ámbito familiar que gozou de recoñecemento internacional, do que podemos sentirnos orgullosos. A xeira continúa.

Como valoras a etapa na Universidade preparando  futuros mestres?

Efectivamente, desde 1987 a 2016 fun profesor da Universidade, no eido da formación de mestres e síntome afortunado por iso; a formación dos futuros profesionais é sempre crucial. Traballar na Universidade dáche a oportunidade de aprenderes de colegas sabios, de coñecer a investigación e as boas prácticas tamén noutros países, de estares en contacto con xente nova moi inqueda… Eu tratei de transmitir ao meu alumnado o respecto e o compromiso pola educación, especialmente dos máis pequenos e a apertura a aprender dos mellores modelos. Pero a formación inicial, por importante que sexa, é so un chanzo. A formación dura toda a vida e as innovacións e aprendizaxes máis duradeiras e profundas fanse en grupo; por iso os mellores escenarios da aprendizaxe dos novos mestres son os proxectos de escola traballados por equipos de profesionais e abertos á participación de familias e outros axentes da comunidade.

Tamén viviches de preto o primeiro impulso das “Galescolas”

 Desde 2006 colaboro coa posta en marcha da Rede de Escolas Infantís xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no deseño do proxecto educativo, na selección e formación do persoal e na coordinación pedagóxica das mesmas. Na actualidade esta rede está formada por preto de 140 escolas e máis de 1000 profesionais. Como indicaba o nº 762 de Irimia, neste proxecto destaca a mesma idea de traballo en rede de equipos, a formación e o apoio ao persoal, a atención ao benestar e ao estímulo dos nenos, e o feito de que sexa unha oferta en galego. Nos últimos anos, ao tempo que se mantivo de maneira constante a creación de novas prazas, é mágoa que se dedicaran menos recursos á formación e se prestase menos atención ao estímulo do uso da lingua galega.

Onde sitúas o noso sistema educativo? Que fortalezas e eivas o definen? 

É unha cuestión complexa. En conxunto situámonos en niveis intermedios. Non é o desastre que din algúns, nin é excelente. Ademais, os bos ou malos resultados maniféstanse a medio e longo prazo e non son atribuíbles a unha soa causa particular, senón que dependen de varios factores que actúan conectados; por exemplo, o mellor recurso é inútil se non conta coa motivación do profesorado; a mellor innovación metodolóxica fracasa pola hostilidade do ambiente social. Unha vez asegurado que chega a todos o básico, pareceríame ben que fose menos uniforme e menos uniformizador; isto é, que cada colexio tivese un proxecto de seu, que dese a cada neno a ocasión de aprender coñecementos verdadeiramente útiles. Para isto habería que romper a tiranía da cantidade de contidos aprendidos de memoria e cambiala por outros contidos aprendidos en profundidade e aplicables a situacións da vida.

Tamén me parece un drama que a escola en moitos casos non axude a unha aprendizaxe vivida e sentida da lingua galega; esquécese con frecuencia que para que un falante poida elixir usar unha lingua debe dominar o seu uso.

No conxunto da sociedade, non só pero tamén no ámbito escolar, é necesario prestar máis atención á educación de actitudes. Algúns problemas de agresión, posesión, dominio, consumos… están relacionados coa escasa capacidade de manexar a frustración, de sermos capaces de pasar do principio do pracer ao principio da realidade (é dicir que o único importante non é satisfacción inmediata dun gusto), saber esperar; coa capacidade de empatía, de sintonía, de poñerse na pel do outro. Velaquí un reto moi importante ao que ninguén é alleo.

Vivimos outra realidade que obriga as escolas a un cambio?

A educación sitúase sempre nun terreo de incertezas, de areas movedizas: prepara para un futuro que descoñecemos e faino cos recursos do pasado! Os cambios importantes, mesmo as revolucións, madúranse durante longos períodos de tempo e cos medios dispoñibles. A min alégrame moito saber de escolas que en Galicia poñen en marcha importantes innovacións, feitas de traballo en equipo, apoiando un alumnado que aprende implicándose activamente, investigando, cooperando, seleccionando sensatamente o que vale a pena aprender. Isto é formidable. As circunstancias nas que as escolas teñen que facer o seu traballo (a dispoñibilidade de información por todas partes, a presenza constante das armas de distracción masiva que son as pantallas…) son moi desafiantes; pero o coñecemento como investigación e elaboración, o traballo en equipo e a formación de sentido crítico, a creatividade… teñen pedigree na educación.

O pacto que desexo exprésao o proverbio africano: “para educar a un neno cómpre toda a tribo”

O pacto que desexo exprésao o proverbio africano: “para educar a un neno cómpre toda a tribo”

Por desgraza a educación está nos medios polas “sombras” e non tanto polas luces: os deberes, o acoso, os informes PISA …

Os medios viven de xerar noticias de impacto na sensibilidade de lectores e espectadores; isto fai que por veces se repitan ou se agranden os problemas ou algúns feitos illados. Con todo, o que máis vai influír na imaxe que as familias van facer da escola non é o que leron no xornal senón o traballo diario ben feito e a comunicación coidada e respectuosa. E por enriba de todo, abordar os problemas cando se presentan e non disimular mirando para outro lado.

Cres nese “pacto pola educación” impulsado dende a Administración, como pulo para equipararnos a outros países onde se funciona mellor?

A educación, por ser para todos e a longo prazo, debería estar a salvo das liortas  partidarias. Visto así é desexable un “pacto pola educación”. Non é a primeira vez que se intenta. Para que sexa posible, na miña opinión, requírese preservar a escola da (inútil) inculcación ideolóxica, definir de forma estable un (mínimo) marco normativo e de recursos, con vontade de cumprilo, pois o pactado obriga. Pero o pacto que eu desexo con máis ansia é outro, é o que expresa o proverbio africano: “para educar un neno cómpre toda a tribo”; o pacto de que na educación nos vai algo importante, isto é, que non nos ten igual o prestixio dos profesores, a marxinación duns, o sexismo doutros; que estamos dispostos a colaborar a que as nenas e os nenos vaian seguros andando á escola…

Secho de la Torre

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Xente d’Eiquí coas etiquetas , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s