Falando da lingua


Acabaron as festas no Nadal, que foron moitas e variadas e nas que a xente se divirte (ou non) de xeitos moi diferente. Non é o mesmo a festa que se fai o Día de Nadal ca a noite de fin de ano. Pensamos que estaría ben reflexionar sobre como xestiona a nosa lingua o tema festeiro, é dicir, como é que se recolle no noso vocabulario.

Revisando un pouco os sinónimos de “festa”, anotamos un lote de termos, mais non todos son sinónimos de todas as acepcións que ten o termo. Todos sabemos que non é o mesmo falar de festa como “diversión buliciosa” (Anda sempre de festa) ou como un “conxunto de actos de carácter alegre, organizados para celebrar ou conmemorar algo”: “Fixemos unha festa polo seu aniversario” ou “Mañá celebran a festa da Ascensión”. Neste último caso, só ten como sinónimo “festividade”, mais para o primeiro deles podemos atopar máis dunha ducia, aínda que algúns teñen matices particulares que a continuación vos comentamos.

Como sinónimos exactos desa “diversión buliciosa” atopamos troula, folía e xolda: “Pasaron a noite do 31 de troula”, termo este que ten na súa familia trouleo “Estou cansa de tanto trouleo” e mais troulear: “Moito lle gusta troulear á xente nova pero nós xa non participamos tanto da xolda como cando eramos mozas”.  Con todo, hai outros que andan sempre de folía. Esta folía parece que presenta un matiz de máis barullo e para algunha xente ten parecido con “foliada”. A foliada ten o que estamos vendo en frases como “Non se pode andar de foliada todos os días”, mais é un termo que posúe outra acepción máis precisa da que deriva a primeira: “facer unha foliada”. Esta expresión referíase a aquela reunión nocturna que se facía nas aldeas para divertirse cantando e bailando. Na actualidade, fanse foliadas e case sempre se entende que hai música e baile tradicional polo medio.

Acábasenos o sitio e aínda nos queda por falar da esmorga, da algueirada, chola, gandaina, rexouba e, como non, de andar de carallada! Todo isto no próximo artigo.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Falando da lingua coas etiquetas , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s