Xente d’eiquí: María José Eyo


María José Eyo: cando ser mestra é cousa de vocación e emoción

eyoSeguimos coa xente que vai erguendo sen ruído un país. E con motivo dun novo curso escolar, conversamos con María José Eyo Valladares, mestra e recentemente xubilada, despois de 45 anos exercendo a profesión nun centro situado ás aforas de Pontevedra. E falamos de pasado, de presente e do futuro; das reformas educativas e do momento actual que vive a educación. Os días 5 e 7 de outubro, en dous emotivos actos no Colexio de Placeres, recibiu o cariño e o agradecemento por parte de antigos alumnos e compañeiros.

Por que decidiches ser mestra e dedicarte á educación?

Non foi unha decisión que tomei eu. A miña idea era facer Filosofía en Santiago, pero era a maior de 3 irmáns e os meus pais pensaron que era mellor que estudase maxisterio pola proximidade do centro. Sempre lles estarei moi agradecida porque non podería ter mellor oficio que ser mestra.

Sabes o que é ser titora e tamén asumiches funcións de dirección. Que che deixa mellor recordo?

Sen lugar a dúbidas ser mestra acabou sendo unha vocación que encheu a miña vida. Asumín distintos cargos en tantos anos de profesión. Neles, o traballo en equipo é fundamental. Pero o contacto cos nenos é a razón de ser: cura feridas, motiva, descobres o efémero do tempo; é o aquí…agora, a curiosidade, a inocencia no pensar e no sentir, o perdón sen condicións, o sorriso, a risa, o agradecemento … aprendes a VIVIR con maiúsculas.

 Nestes anos viviches sete reformas educativas dende a Transición. Cal é a túa opinión sobre elas?

As reformas son políticas. Non vivín ningunha que saíra das aulas, dos que estamos a pé da escola. A LOGSE foi a mais novidosa nas circunstancias de entrada da democracia. Baseada na Constitución, iniciou os principios democráticos nos centros. Era unha corrente baseada no construtivismo e os profesores tivemos que traballar e reflexionar para asumir o cambio.

Como dicía Álvaro Marchesi, un brillante pedagogo artífice desta lei: “Temos que transformar a educación para transformar a sociedade. E transformar a sociedade para transformar a educación”.

E nesas andamos… 

Con todo, semella que estamos vivindo o cambio máis significativo no que se refire a metodoloxías. Como o percibes?

Eu tiven a inmensa sorte de traballar nun centro cunha comunidade relixiosa pioneira nas novas metodoloxías. Era un centro de referencia na pedagoxía de María Montessori, coidando moito a formación tanto intelectual como espiritual. Dáme moita alegría ver que os novos profesores seguen concienciados nas novas metodoloxías e agora tamén nas tecnoloxías. Estamos nunha época de crise e isto é un aliciente de que segue habendo esperanza, de que os profesores continúan a busca de novas solucións para os novos tempos.

Dis que se coidaba tanto o intelectual como o espiritual. Como se entende nunha aula ese equilibrio?

Se non hai ese equilibrio non estamos no bo camiño. Todas as persoas somos seres espirituais e a educación é integradora. Somos mediadores nese camiño do ser humano cara dentro, da busca de identidade, da dimensión ética… Cada un ten que construír un criterio propio, buscar a felicidade, descubrir o silencio, os sentimentos e emocións.

A aula é un pequeno mundo onde se transmiten valores, onde o diálogo, o recoñecemento persoal e as particularidades se atopan e aprenden a convivir. Os mestres teñen que prestar atención a esas pequenas e grandes cousas que se conxugan para formar a vida individual sen esquecer que somos seres sociais. As confrontacións son fundamentais para reafirmar a individualidade. A busca incesante de amor por parte dos seres humanos tampouco se pode obviar na educación.

img-20160918-wa00515704

Que diferencias cres que atopa hoxe o docente con respecto aos teus inicios? Como son as novas esixencias e os novos retos?

Como xa dixen, as novas tecnoloxías e a rapidez de cambios tanto políticos como sociais, fan que os docentes estean sempre tentando de ir por diante para educar futuros cidadáns comprometidos, emprendedores, críticos, responsables e preparados para os cambios. Xa non hai “seguridades”. Os tempos son convulsos. Os medios de comunicación, os movementos migratorios, as diferencias económicas, a necesidade dunha reconstrución da humanidade, a globalización… Hai urxencia pola vida, a xustiza, a creación. Hai que cambiar a mirada. Ter esperanza. Os profesores teñen que alimentarse de vida.

Se foses ministra de educación, que cousas cambiarías para a mellora da educación e, por conseguinte, do alumnado?

Primeiro investir na formación dos profesores. Devolveríalles a dignidade e o recoñecemento como persoas que teñen moito que achegar no futuro das novas xeracións. Traballaría con eles para saber das súas necesidades nos centros. Reduciría materias e atendería un pouco mais ás humanidades. Daríalle un lugar privilexiado no currículo á Filosofía. Tamén atendería con prioridade a necesidade de formación de pais.

O 7 de outubro remataches catro décadas de mestra e comezas unha nova etapa. Que vas botar de menos e como vai ser a nova andaina?

O que máis vou botar de menos é o contacto cos nenos e nenas. Dou grazas a todas as persoas que coñecín nestes 45 anos de profesión. Algunhas son entrañables para min, porque son verdadeiras amizades de vida compartida coas que seguirei gozando. A educación é unha experiencia que “imprime fondo”. Continuarei aprendendo pero máis tranquilamente. Estou na Uned Senior en Filosofía. Hai moitas ofertas de actividades para elixir. A etapa nova é para vivir con máis repouso, sen présas, gozando dunha conversa, un libro, unha viaxe, os fillos, o neto… Queda moito por facer.

Secho da Torre

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Xente d’Eiquí coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s