Trump: algo máis ca unha broma pesada
Por veces dan ganas de maliciarse: deste señor que di esas cousas tan “sinceras” sobre as mulleres, sobre negros e inmigrantes, e sobre calquera dos temas clásicos da dereita americana máis visceral e xenófoba, pensaría calquera que foi posto aí como pallaso das labazadas, ou como parvo útil, para favorecer que alguén como a señora Hillary Clinton, tan integrada no “stablishment” de Washington, poida vencelo sen dificultade.
Pero non. Se nalgún momento foi unha broma tinguida de loiro, xa non o é. A alguén se lle foi das mans. O candidato Trump chega ao final con todas as voces en contra, mesmo no seu propio partido, …. todas, menos a do electorado que, por veces, nas enquisas, tenlle dado tanto respaldo ou máis cá a súa rival.
O tema é serio, porque se traspasan unha serie de barreiras que antes estaban aí e que eran de agradecer, porque non todo vale. Xa pasou con Berlusconi. Ninguén se explicaba como a pesar de todo o que se ía sabendo, seguía gañando eleccións. Trátase dun fenómeno que inevitablemente conecta co triunfo da televisión lixo, a dos reálitis, programas intencionadamente des-educadores, que levan ao cume da popularidade e da simpatía popular a personaxes que serían antiexemplo en calquera relación de valores construtivos e necesarios nunha sociedade democrática e socialmente avanzada: traballo e dedicación, cultura, sensibilidade, delicadeza, discreción, compaixón, etc
Trump, Berlusconi, e unha serie de liderados nacentes en Europa –especialmente na Europa oriental- representan a fin dos límites e barreiras ao mal gusto, á expresión pública do odio, o machismo máis descarnado e brutal, á intolerancia fronte á diversidade. E teñen apoio, como se se abrise a veda.
No seu filme O ovo da serpe, sobre as orixes do nazismo, o sueco Bergman presenta, aló polo principio, un plano picado cun grupo de persoas que se moven lentamente, presas do cansazo. Suxiren a inacción, a falta de reacción e enerxía necesaria para reaccionar, dunha sociedade anestesiada. Despois foi o que foi. Hai quen fala xa dunha sociedade prefascista. Está claro que algo grave está pasando, e que hai que reaccionar.
Editorial