Portalén, o lugar da Romaxe 2016


XXXIX Romaxe

Foto1 (1)
Pedra do Portalén

PREPARANDO A ROMAXE 2016

Os domingos 10 de xaneiro, 3 de abril e 22 de maio, compañeiras e compañeiros da asociación Irimia, da asociación Canón de pau e da asociación capitán Gosende, démonos cita para irmos preparando a Romaxe 2016 no Monte Seixo.

O LUGAR QUE NOS ACOLLERÁ.

Xurxo Salgado, escribiu no 2011 que “Hai un monte en Galicia onde as pedras falan e o vento chora. É un lugar onde conviven os mouros, as bestas, menhires e santuarios sagrados. Un monte mítico, un santuario celta, onde ían e aínda van os veciños de Cerdedo a falar cos seus mortos”.

Velaí o lugar que nos agarda ás irimegas e irimegos o sábado 10 de setembro.

Foto 2 (1)
Capela de Santa Mariña, a 100 metros do lugar da próxima romaxe.

ROMEIROS DO ALÉN.

Calros Solla, o grande valedor deste lugar mítico, falounos de que no Seixo as pedras falan cos vivos e os vivos cos mortos. O vento xoga e marca o tempo do máis aló… Alí o real mestúrase sempre co fantástico.

Pero, sen dúbida, se algo marca todo este lugar cargado de simbolismo é Portalén, a porta ao mundo dos mortos. Un conxunto pétreo que se abre a través dunha porta simbólica de pedra. As xentes do lugar atribúenlle poderes de verdadeiro oráculo, ademais de porta dimensional. “Segundo a crenza, esta porta permite o paso ó reino dos mortos, á terra dos defuntos“, sinala Solla.

Da contemplación desta pedra do “Portalén” xurdiu o lema da nosa Romaxe: “Romeiros do alén”. Queremos abrir portas a outro mundo posible, ese mundo do que tanto levamos falado nas nosas romaxes: o mundo do pan compartido e repartido, o Mundo onde ninguén sexa nin se sinta descartado, ese Mundo que o Nazareno deu en chamar “Reinado de Deus”. Velaí a porta que nós queremos atravesar: do mundo da exclusión ao mundo da inclusión.

VÉMONOS O 10 DE SETEMBRO.

A nosa cita é o 10 de setembro. Mentres chega andamos en faenas varias que estamos a levar a cabo entre as tres asociacións xa citadas. Tarefas tales como o deseño do medallón conmemorativo, a elaboración do texto tras identificar as temáticas que nos parece teñen que facerse presentes, o estudo dos accesos e a circulación, a busca de implicacións doutras asociacións e colectivos do entorno, o posible agasallo para a acollida das romeiras e romeiros, o deseño da festa da tarde e da oración da tardiña…Total, traballo non falta e  folgos e ánimos tampouco. Seguiremos informando.

Xabi Blanco

3 comments

  1. Coñezo Portalén e o Seixo (ou Xeixo). Dende a fiestra do cuarto de Perfeuta Pose Taboada (1895-2001) ollábase, coma nun cadro, o monte do Xeixo, o monte, según ela, dos “carabuxeiros”, que así lle chamaba/n os pastores de outro tempo. Nome posiblemente relacionado co que di o Pai Sarmiento sobre que estes herborizaban para as farmacias de Pontevedra.
    Se non hai novidade ou arroia, atoparémonos en Portalén.

Deixar un comentario