Entrevista a Darío Xohán Cabana – “Manuel María é un dos grandes poetas galegos de todos os tempos”


Foto1Darío Xohán Cabana, un dos grandes da nosa literatura, recibiunos na súa casa dunha
aldea de Romeán, non lonxe da capital luguesa. Achéganos nesta entrevista ao seu amigo, padriño e guieiro literario e político. E tamén chairego coma el. Cóntanse cos dedos dunha man a xente que goce do talento, do coñecemento, das lecturas e da capacidade creativa de Darío Xohán Cabana. Así que tamén poucos autores poderían falar con máis propiedade de Manuel María.

Como coñeciches a Manuel María?

Eu escribíralle unha carta dicíndolle máis ou menos “querido mestre, quería coñecelo, eu tamén fago versos, aínda que son malos…”. El respondeu que estaría encantado, pero que non lle chamara mestre, que o atuase… E aí por xaneiro de 1968 comezou unha amizade que era máis ben de irmán maior a irmán novo, ese que che bota as broncas cando che fan falta.

Como un rapazolo, tras unha década de silencio editorial na posguerra, comezou publicando unha obra coma Muiñeiro de brétemas?

Antes da fundación da editorial Galaxia, en 1950, apareceran unha serie de pequenas empresas editoriais da man dos Álvarez Blázquez ou Celso Emilio Ferreiro que, sendo moi pequenas, tiñan moita importancia nese pequeño rexurdir desde o ano 1946-47. El publicaría grazas ás súas inquedanzas, ás súas amizades e ao seu amor infinito polo pobo real e concreto, que foi algo que o acompañou toda a súa vida. Influirían nel o intelectual republicano Ánxel Xohán, Ánxel Fole e, fundamentalmente, a súa propia evolución persoal que o fai tomar partido pola lingua e contra a ditadura franquista. E tamén, claro, porque foi un poeta precoz e un poeta xenial, a forza máis grande que xurdiu na literatura galega naqueles anos.

Terra Chá

Que é a Terra Cha para Manuel María?

El foi o inventor da Terra Chá. Naturalmente, a Terra Chá existía desde había milenios, pero a conciencia que hoxe temos da Terra Chá é obra de Manuel María. El interpretouna: fíxoa unha patria poética, unha patria imaxinaria. Inventouna no sentido poético máis amplo, na nosa relación coa terra.

Cando el compuxo Terra Chá ou Novoneyra Os eidos, eran conscientes de que estaban poetizando un mundo que pronto ía entrar en transo de desaparición?

Non porque, aínda que podía albiscarse que aquel modelo podía estar empezando a abalar, non se intuía que podía quebrar, tal como pasou a partir dos anos 60 e 70 ao entrar nunha transformación velocísima e nun proceso de destrución ou autodestrución. Eu mesmo, de rapaz non me daba conta de que aquilo estaba acontecendo: os signos estaban aí, pero eu non sabía interpretalos.

Como é a poesía de Manuel María?

É enormemente extensa e multiforme, vai cambiando aínda sendo esencialmente a mesma. Por exemplo, a finais dos 70 suscitouse en Galicia a conciencia de vangarda. El estaba na vangarda desde sempre, desde Muiñeiro de brétemas ou polo menos desde Morrendo a cada intre e xa non digamos desde Advento, que é un libro portentoso, un dos grandes libros da literatura galega de todos os tempos.

Nunha produción tan extensa haberá núcleos temáticos moi diversos.

Hai unha liña paisaxista, entendéndoa como a paisaxe humanizada, a relación da persoa coa natureza, cos animais. Foi un poeta ecoloxista cando aínda non se falaba diso. Hai unha liña de poesía cantareira, graciosa, que utilizou non só nos seus libros para público infantil. Despois está esa poesía angustiada de Morrendo a cada intre ou Advento, unha poesía existencial, poderosa, extremadamente conmovedora. Está a poesía cívica, pero con moitas formas tamén, desde a sátira de  Versos pra cantar en feiras e romaxes ata o discurso patriótico de Informe para axudar a alcender unha cerilla. Logo hai unha liña lírica diferente que parte de Francis Jammes e outra que ten que ver co Neruda das odas elementais. Quedo abraiado da amplitude temática e da riqueza formal da súa obra, desde a poesía de corte popular da cuadra ou a copla ou o romanciño ata o verso de longo curso de Advento cun certo fundamento biblíco e ao mesmo tempo un pé nas vangardas europeas.

Manuel María editor

Que importancia tivo Xistral e Val de lemos?

A editorial de Manuel María, Xistral, era unha referencia. Naqueles anos de dificultade, a colección Val de Lemos foi  moi importante para que algúns seguisen publicando e para que outros empezásemos a publicar. Daquela o mundo editorial estaba relativamente pechado e Galaxia era dun grupo. Un tipo coma min con dezasete anos e que andaba dicindo que era comunista, en Galaxia non tería nada que facer. Tamén é certo que nin era eu poeta excepcional nin o intentei, porque non me fixo falta. Pero aínda que o intentase había ser igual. Por iso, Val de Lemos foi a vía para que xente coma min, ou coma Margarita Ledo, Fiz Vergara Vilariño e outros publicásemos. Ou para que Neira Vilas ou Celso Emilio Ferreiro, que daquela non estaba moi ben visto nos ámbitos máis oficiais da cultura non oficial, puidesen sacar as súas obras. Hoxe pode parecer unha colección pequeniña pero naquel tempo a aparición dun libro era un feito moi importante.

E, realmente, Ramón Piñeiro non quixera publicarlle Terra Chá, tal como o propio Manuel María di con moita retranca nun prólogo.

É que Piñeiro tiña o seu partido e el era o xefe, e como Manuel María non estaba nesa disciplina nin lle tiraba pola levita, pois non llo publicou. Porque arredor de Piñeiro estaban os convencidos e tamén os que lle tiraban pola levita, porque era un señor con moito poder dentro da pequena seita dos desposuídos do poder, é dicir, dos antifranquistas, porque Piñeiro era antifranquista, evidentemente. Publicáronlle un libro que foi Mar maior case que porque non había máis remedio. Nunca foi a editorial de Manuel María. Publicáronlle a outros todo o que querían, pero a Manuel María non. De feito, os primeiros libros de Manuel, coma Muiñeiro de brétemas ou Morrendo a cada intre sairían do seu peto ou do da súa familia.

El era un poeta os 365 días do ano.

Si, pero sempre quixo inscribir a súa condición de poeta dentro da súa condición de home político dentro do máis nobre dos sentidos da palabra que é o de militante de base. Foi un militante nacionalista sempre e tamén un militante da lingua e da cultura, porque el non entendía a lingua e a cultura tan separadas da política como algúns pretenden presentar.

A obra teatral

Aínda que cultivou todos os xéneros, despois da poesía o teatro era o que máis lle gustaba.

El tiña a conciencia de que se necesitaba un teatro popular galego e traballou militantetemente para crealo. O teatro sempre foi unha reivindicación do nacionalismo cultural, un desexo desde as Irmandades da Fala de crear un teatro nacional. Vén sendo un enfermo crónico, entre outras cousas por unha política oficial que non é a máis adecuada. Hai excelentes compañías,  pero o teatro galego nunca chegou ás expectativas soñadas polas Irmandades.

Unhas das pezas máis destacadas é o Barriga Verde, que el vira no san Froilán de rapaz.

Barriga verde era un teatriño de feira, un espectáculo pobre. Manuel María converteu Barriga Verde nun mito popular que sería un símbolo dunha certa resistencia lingüística e por outra parte fixo unha fábula extremadamente divertida. O teatro para el sempre foi unha obsesión. Barriga Verde é unha obra mestra, absolutamente redonda, que pode ser posta en escena de moitas maneiras. E ten outra obra mestra que é As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Á veces acértase moitísimo e outras acértase absolutamente. Con esas dúas obras Manuel María acertou absolutamente.

Que che gustaría que quedase despois deste Día das Letras dedicado a Manuel María?

O que vai quedar é a afirmación clara, simple e terminante de que Manuel María é un  dos grandes poetas galegos de todos os tempos. E tamén vai quedar perfectamente claro que é o escritor galego máis popular de sempre. E vaise ver no propio desenvolvemento do Día das Letras Galegas e na riqueza da celebración. A parte académica vai ser menor en comparanza coa cantidade de celebracións que se van facer en colexios, nos lugares a onde foi dar un pregón ou nas asociacións culturais de nome a penas coñecido a onde foi dar unha conferencia. Vaise ver que foi o escritor galego máis influínte desde hai moito. A popularidade do Manuel é comparable á de Curros, á de Rosalía, mesmo superior á de Celso Emilio Ferreiro.

Aldegunde Quiñones

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Entrevista a Darío Xohán Cabana – “Manuel María é un dos grandes poetas galegos de todos os tempos”

  1. Xavier Nogueira di:

    Hoxe (luns, 27 de xuño) non é un bo día, pero pensando na escuridade que viviron algunhas persoas conscientes non anos aqueles nos que eu era un rapaz, non teño dereito a deprimirme.
    Un saudo para o señor de Romear.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s