O espazo vital dun idioma


Nas Letras Galegas de 2016, da man de Manuel María, recollemos e avivecemos as nosas razóns para estarmos no mundo coa nosa maneira orixinal de sermos, como persoas, como grupos, como movemento Irimia, ou como nación galega.  Se perdemos a fala, como di o poeta, non seremos ninguén, ou, cando menos, ninguén singular, con palabra de seu.

A vitoria do galego é cousa elemental e non vai contra ninguén: é vivir na súa terra esas mil primaveras máis (coma os mil números aos que agardamos chegar nesta revista).

Facemos aquí unha dobre homenaxe. Homenaxe agradecida ao poeta da Chaira, coa entrevista das páxinas centrais, e unha homenaxe chea de simpatía á xornalista Marga Pazos, que pronunciou unha precisa e emocionante chamada á defensa do idioma galego na recente gala dos premios Mestre Mateo -ao sector audiovisual galego-, empregando, xustamente o poema de Manuel María que aparece na nosa portada.

Marga Pazos falou de ter fe no noso país,  de ser quen de se erguer e de crer… e de crear. E fixo unha declaración de orgullo por sermos quen de –ao se facer cen anos do primeiro filme de ficción feito en Galicia do que hai constancia, no que aparecía Castelao de actor de reparto- termos cine e series de calidade en galego, telexornais, deportes e curtas.

A cerimonia toda ten un gran valor, no pazo da Ópera da Coruña, facendo normal o galego nun contexto de elegancia, arte e certo toque de glamour, rindo, chorando e dando as grazas en galego… como se fose o máis normal.

Sabemos que aínda non o é. Por iso é tan importante dotar o galego de espazos vitais propios. Sitios, eventos, actividades… nas que se saiba de entrada que o galego é o idioma a empregar con carácter ordinario. Conferencias, cursos, homenaxes, liturxias, festas. Porque xa apenas van quedando espazos “naturalmente monolingües en galego”. Pouca aldea, escasas familias que aposten polo galego, barrios descafeinados, sindicatos e asociacións anémicas, poucas parroquias “progres” que sobreviviran á “gran limpeza” das épocas pasadas. Queda moi pouco diso e as “redes sociais” que son a nova maneira de relacionarse non son precisamente moi dadas ao emprego do galego. Por iso é crucial crear eses espazos novos, en todos os eidos posibles e imaxinables. Espazos para que a lingua respire, se inspire e se estenda vigorosa nas novas xeracións.  

Editorial

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s