Obxectivos e pretextos


Cómpre ao cidadán de a pé discernir moi ben entre pretextos e obxectivos no medio do balbordo da propaganda política.

Os pretextos son aquelas propostas das que máis se fala e case nunca se cumpren e os obxectivos verdadeiros son os que máis se ocultan ou disimulan, incluso cando se conseguen. Por exemplo, os grandes retos da política económica de Rajoy eran reducir nunha medida ben determinada o déficit público e conter ou diminuír a débeda pública. O déficit nunca se reduciu no previsto e a débeda, lonxe de se reducir, incrementouse ata practicamente o 100% do PIB. Está claro, pois, que estas propostas non eran  obxectivos, senón  pretextos, que se avalaban co argumento de que nos estabamos afacendo a vivir por riba das nosas posibilidades.

Os obxectivos eran traspasar rendas do traballo ao capital; transferir dos traballadores aos empresarios poder e vantaxe nas negociacións; incrementar a oferta da mercadoría traballo ampliando o desemprego para rebaixar o seu prezo; pasar continuada e progresivamente ao mercado libre servizos públicos como a educación ou a sanidade, de tal forma que os teña, ou os teña mellores, quen os pague  individualmente; substituír  o dereito á satisfación de necesidades elementais pola beneficencia para cubrilas minimamente, cambiando solidariedade por caridade. Obxectivos que, como podemos comprobar, vanse cumprindo relixiosa e sistematicamente.

Como pretexto era incrementar a recadación fiscal para sacar adiante unha amnistía que tiña como obxectivo primordial evitar ou rebaixar as multas e sancións dos grandes evasores fiscais. Naturalmente estes obxectivos nunca se explicitan e menos na forma tan concreta na que se cumpren. Preséntanse coma efectos colaterais, non queridos, pero inevitables, que se corrixirán cando os pretextos  se alcancen  na súa totalidade. Ad calendas graecas.

Nuns días é moi probable que volvamos ver  programas electorais e a escoitar propostas políticas que buscarán o noso apoio. Unha boa forma para saber se son só  pretextos ou obxectivos a cumprir é comprobar se se acomodan ou non, e en que medida o fan, aos principios ideolóxicos e aos valores que defende o partido que as propón. Se casan ben, poden ser obxectivos pero, se non, serán meros pretextos.  Outra forma de discernimento é ver se esclarecen con precisión os medios e mecanismos para acadar o cumprimento do que se propón e, sobre todo, valorar a historia do que cada partido ata agora fixo ou deixou de facer.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s