Con ASPANAIS de Lugo


Case todos andamos enredados en moitas historias; parécenos que, se non o estamos, a nosa vida non ten mérito; tendemos a medir a vida pola cantidade de historias nas que andamos metidos. E que esas historias teñan, polo menos, un aire ou arrecendo de solidariedade.  De fóra de nós mesmos  tamén nos chegan unha morea de demandas de atención: cousas da política, problemas sociais, realidades da parroquia, do conxunto da Igrexa. Todo iso tradúcese normalmente en encontros, xornadas, cursos, etc. Ás veces, un párase a sopesar a densidade do que vivimos, e canta palla e que pouco gran axuntamos nas nosas eiras!

Algo metido en todo isto, aínda que xa ben avisado da súa inconveniencia, recibín hai pouco tempo unha singular invitación no nome de ASPNAIS de Lugo, unha asociación -así se presenta- de pais ou titores de persoas con discapacidade intelectual. Unha invitación gratuíta para unha xornada de coñecemento e convivencia coa institución que está sostendo as actividades dos centros asistenciais, ocupacionais e residenciais desta asociación, e, na medida do posible, tamén de encontro cos mesmos residentes, homes ou mulleres, que se benefician, e de que maneira!, da oferta humanizadora que se lles está ofrecendo.

Poño esta segunda cousa en contraste coa primeira, porque claro que son persoa de actividade social, política, relixiosa, pero, mira ti por onde, con todo e ser da provincia de Lugo, con todo e ter traballado en Lugo bastantes anos, nunca reparara na fermosura da iniciativa de ASPNAIS, nunca pisara os seus centros, as súas instalacións, os seus variados obradoiros das Arieiras ou da Rampla de Claudio López, nunca me vira con ningún dos seus animadores e animadoras, nunca me parara a mirar á cara a ningún dos seus residentes, home ou muller, e a escoitarlle con asombro e agradecemento as súas entrecortadas explicacións sobre tal ou cal cousa do seu traballo, do seu progreso, da súa vida, da súa, cando menos aparente, felicidade. Nunca caera na conta das impresionantes historias humanas que se agachan detrás daqueles rostros sinalados pola limitación intelectual, pero máis sinalados aínda polas trazas do respecto, do agarimo, da tenrura, da paciencia acompañante, do interese indescritible por facer nacer flores no hermo, augas no deserto, sorrisos na máxima fraxilidade.

Pareceume precioso o traballo de humanización que alí, en ASPNAIS, se está levando a cabo. Quedei moi agradecido daquela invitación, e prometín andar cos ollos e co corazón máis a ras da terra, para non ser ignorante de cousas tan alentadoras e, tamén, por que non, para axudar a espallar a súa presenza, non sexa que a alguén máis lle pase coma a min, e se vaia deste mundo sen ter gustado o que sabe unha chucha dun residente de ASPNAIS, o que vale e pesa a tarefa da xente profesional e voluntaria que os coida.

Manuel Regal Ledo

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón) coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s