“Reganosa construíuse en Ferrol, exclusivamente por un pelotazo económico”.


Humberto.redimensionadoXaquín Campo Freire

Conversamos co Dr. Humberto Fidalgo Couce.

Para comezar, quen é Humberto Fidalgo?

Resulta difícil definirse a un mesmo. Teño 56 anos e son pai dunha filla de 22; dende o ano 1989 traballo de médico de Atención Primaria no Concello de Fene. Membro da asociación ecoloxista Adega dende hai 20 anos e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Defensa da Ría de Ferrol. Aínda que nunca militei en partido político ningún, non me considero un mero espectador da realidade, non creo no irremediable devir dos acontecementos e penso que a sociedade debe ter unha actitude crítica e vixilante do poder. Os problemas non se resolven só emitindo un voto cada catro anos. Encontro algo de infantil nesta forma de delegar o compromiso. Os grandes intereses económicos dende logo non actúan desta maneira, eles teñen os seus lobbies e presionan diariamente. Para min resulta sempre moi enriquecedor a participación en diversas asociacións ecoloxistas e cidadáns.

E que é REGANOSA?

Reganosa é unha regasificadora que entrou en funcionamento no ano 2007 no interior da Ría de Ferrol. Transforma e almacena máis de 350.000 m3 de gas natural licuado que descargan grandes buques, o equivalente a 12 millóns de bombonas de butano. A xigantesca e perigosa instalación está situada ao lado das casas da parroquia de Meá, no Concello de Mugardos, e a 1200 metros do núcleo urbano de Ferrol e do Arsenal Militar de Ferrol, sen ningún tipo de barreira que os poida protexer en caso de accidente. Pero, por se non fose abondo este perigo, resulta que a planta de gas ten ao lado uns almacéns de hidrocarburos e unha fábrica de colas que pertencen á empresa Forestal del Atlántico. Unha verdadeira bomba de reloxería na espera do momento de estoupar!

Por que coñeces REGANOSA e por que te comprometes nisto?

Aínda que Reganosa comeza a funcionar a finais do ano 2007 o proceso de tramitación da planta iníciase no ano 1999 e a construción comeza en 2001 cun recheo de máis de 120.000 m2 sobre a Ría de Ferrol. O Grupo Tojeiro, promotor da planta de gas, ocultaba maliciosamente cal sería o verdadeiro destino destes recheos. Comezaron a botar entullos na Ría e ese foi o meu primeiro contacto co problema.

Eran tempos dunha opacidade brutal. En Madrid gobernaba Aznar e, en Galicia, Fraga Iribarne. Os medios de comunicación estaban totalmente controlados polo poder e os grandes intereses económicos. As redes sociais non existían. A sociedade vivía nun ficticio paraíso de crecemento e construción. Era o momento de soprar e soprar para inchar a burbulla que anos despois nos estouparía.

Reganosa era parte da burbulla enerxética. Unha instalación totalmente innecesaria e perigosa cun alto custo medioambiental e que nos leva cada ano 60 millóns de euros. Eu aínda recordo unha frase de Fraga daqueles anos: “Reganosa vai ser o motor da economía de Ferrol”. Non temos máis ca ver agora a situación económica da comarca de Ferrolterra para ver que tipo de motor resultou. Non solucionou ningún problema en Ferrol e causa novos perigos e danos medioambientais como a perda de bancos marisqueiros, a utilización de inxentes cantidades de hipoclorito sódico que despois é vertido ao mar, o brusco enfriamento da auga da ría e, por suposto, o risco constante de accidentes.

Quen meteu REGANOSA na Ría de Ferrol e por que?

Hai 4 persoas que teñen un protagonismo moi significativo nesta trama:

Roberto Tojeiro: dono de “Supermercados Gadis”, da petroquímica “Forestal del Atlántico” e doutras 30 empresas. Era un vello amigo de Fraga e hoxe coñecemos pola prensa que tamén era un dos maiores contribuíntes á caixa negra do PP.

Fraga Iribarne: expresidente da Xunta de Galicia, que chegou a desprazarse á Libia de Gadafi co seu amigo Tojeiro en busca de combustibles. Fraga entendeu rapidamente o “negocio” que podería supoñer que o goberno amigo de Madrid autorizase unha planta de regasificación, xa que estas instalacións unha vez autorizadas van cobrar unha cantidade fixa independentemente do funcionamento que teñan. Quere dicir isto que, aínda que nunca traballase, pero unha vez construída, Reganosa cobraría durante 25 anos 60 millóns de euros anuais. (De feito sabemos que o almacén submarino de gas Castor cobrou os 1200 millóns euros sen ter chegado a funcionar polos terremotos que desencadeou).

Jose Antonio Fernández Orza, que foi Conselleiro de Economía no goberno de Fraga e, ao tempo, socio de Roberto Tojeiro en varias empresas, foi quen deu o imprescindible aval económico da Xunta.

José Cuiña, que tamén ocupou diversas carteiras nos gobernos da Xunta, foi o encargado por Fraga de facilitar toda a tramitación, levando por diante a quen opuxese a mínima dificultade, xa fosen funcionarios, presidentes da Autoridade Portuaria ou xornalistas. A tramitación foi tan salvaxe que saltou calquera tipo de normativa medioambiental ou de seguridade. Incumpriu incluso o plan Xeral de Urbanismo do Concello de Mugardos, como así sentenciou o Tribunal Supremo.

Os protagonistas principais xa faleceron pero houbo moitos outros actores secundarios, entre eles alcaldes de Mugardos e de Ferrol, incluso partidos políticos da oposición que calaron, toleraron ou permitiron este sen sentido.

A trama que desenvolveron non é moi diferente a outras operacións urbanísticas. Fraga presiona no goberno de Aznar para que autorice a planta e, unha vez aprobada, Tojeiro vende por 30 millóns de euros a Reganosa uns terreos na beiramar da Ría de Ferrol, que nin sequera eran del!, xa que eran unha concesión portuaria.

Non existe ningún outro motivo para que a planta de gas de Reganosa se construíse nesta situación ilegal e tan perigosa. O motivo foi exclusivamente un pelotazo económico.

A poboación das dúas bandas da ría de Ferrol é consciente do perigo?

Eu creo que a todas as persoas nos resulta difícil vivir coa consciencia dun perigo constante; tendemos a minimizalo, a esquecelo para poder sobrevivir. Creo que esta é a actitude da maioría da poboación que vive na Ría de Ferrol. Non deixa de ser un primitivo mecanismo de supervivencia.

Cos millóns de euros aí metidos, iso xa non o move ninguén” di a xente.

Construíuse cun crédito de 480 millóns de euros entregado pos varios bancos (BBVA, Caixa Galicia, HSBC). Ningún socio puxo un euro. Nin para comprar os terreos nin para edificar. Tanto ese crédito como o “pelotazo” de Tojeiro estámolo a pagar todos e todas nós. Os consumidores levamos pagados nestes 7 anos de funcionamento de Reganosa, 420 millóns de euros e, de seguir a planta os 25 anos previstos, pagaremos 1500 millóns de euros. Os cidadáns pagamos os créditos, corremos os riscos e os socios levan as ganancias, debe ser unha decisión da sociedade que este estado das cousas muden ou se perpetúen.

Pódese ter algunha esperanza?

Eu levo investigando e loitando co caso Reganosa dende o ano 1999. Penso que é unha instalación sostida artificiosamente polos grupos de poder e que caería case polo seu propio peso se non tivese este apoio. Persoalmente son optimista e vexo un futuro sen Reganosa.

Cales son as solucións posibeis?

É ben doado e incluso economicamente beneficioso para os consumidores. O verdadeiro problema radica en que existe Reganosa, non en que desapareza. O actual problema no Estado español é que facer con un gasoduto que vén de Alxeria e 7 plantas de gas, que son máis das que ten todo o resto de Europa xuntas, todas elas cobrando do sistema gasista e polo tanto encarecendo o produto final.

Aquí ao lado, en Xixón, temos outra planta de gas sen estrear, parada ou como di o goberno hibernizada, pero os socios promotores xa están cobrando os cartos do sistema gasista.

A decisión de pechar Reganosa non sei se a tomará un xuíz ou algún político pero que sexa antes de termos un accidente.

Sodes un grupo “testemuñal”, sen poder pero con moita constancia…

Pode ser que esa sexa unha visión que teñan de nós. Levamos moitos anos con esta loita e os medios de comunicación só perseguen a actualidade. Somos unha plataforma cidadá á marxe dos grandes partidos e temos en fronte inimigos fortes. Todo isto dificulta a nosa visibilidade.

Que estades a facer?

O Comité Cidadán ten numerosos preitos que están chegando á fin do seu percorrido xurídico e esíxenos grandes esforzos económicos. Levamos 7 anos mobilizándonos coa entrada de cada barco gaseiro e temos unha páxina web que vos recomendo visitar para terdes información de primeira man e podernos axudar.

Como podemos na Galiza solidarizármonos convosco?

A través da páxina http://www.comitecidadan.org anunciamos as convocatorias de mobilizacións e debido aos preitos xudiciais tamén precisamos de achegas económicas que se poden facer na conta do Banco Santander: 00493315772894017995

Nunca che dixeron que estarías máis guapo caladiño? Non te ameazaron ou intentaron subornarte?

En todos estes anos que levamos enfrontándonos a Reganosa tivemos presións, difamacións e tamén ofertas para deixar o tema. Sinto dicir que algúns compañeiros/as tiveron que deixar o Comité Cidadán por presións laborais, pero foron poucos, a maioría continuamos coa determinación de chegar ata o final e ver saír Reganosa do interior da Ría de Ferrol

Graciñas, Dr. Fidalgo.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s