Un país que paga moito a pena


Os que nacemos, ou crecemos, ou arraigamos nesta terra, temos moita fortuna. Xa non polo país de seu, inda que esta Galicia é dificilmente superable. Temos sorte porque, a pouco que sexamos xente que quere dar un sentido ao seu día a día, un sentido a esta vida máis ben curta que agradecemos e administramos, esa causa, ese sentido, está diante nosa, é un reto evidente e fermoso, e chámase preservar e mellorar Galicia, a súa fermosura e a súa identidade. Encomendáronnos, logo, este tesouro, e algo temos que facer. Agasallo e tarefa, como todo o que paga a pena. Recibir, mellorar e transmitir. Facer memoria, rescatar o mellor do pasado, celebralo e avivecelo, recrealo e pasalo aos que veñen detrás. E, así, coa paisaxe, coa lingua, cos sabores, co patrimonio, coa forma de ser, coa maneira se sermos comunidade. Iso debe ser o cerne do 25 de xullo, o día da matria, da Terra Nosa, do dereito de sermos como somos, de termos institucións propias, de podermos vivir en galego en Galicia. E o deber de achegar a un universo plural e diverso a nosa color e o noso acento. Esa parte esencial da celebración do día desta Terra fica por veces soterrada pola consigna e a convocatoria partidaria. Evidentemente que Galicia necesita forzas políticas propias; son imprescindibles. Pero os momentos de división e “tribulación”, as fases de desconcerto e conflito interno, non deben agachar o fundamental: Galicia e o seu futuro están por diante e por riba de calquera conxuntura ou desacordo das súas forzas políticas. Por iso cómpre lembrar e conmemorar a nosa capacidade de resistencia contra a homoxeneización; os miles de grupos musicais que poboan as parroquias; as asociacións e comunidades que tecen o noso civismo de base; a xente nova emprendedora que fai agricultura de calidade volvendo á terra ou desenvolvendo webs en galego, ou deseño de produtos innovadores que se nutren do mellor da nosa tradición; as nosas comidas compartidas con alimentos sans da Galicia verde e da Galicia azul; o inxente deporte de base; as parroquias que fan país solidario; os movementos de resistencia contra a deturpación do rostro do país; tantas solidariedades anónimas que nos fan mellores cada día. Viva o día que celebramos que somos o que somos, que isto é unha regalía e que paga moito a pena seguir na defensa desta terra contra calquera agresión, mesmo a que vén de dentro, que é a máis perigosa.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s