Entrevista a Manuel Vicente, presidente de Panxea


Beatriz García Turnes

Nome: PanxeaIMG-20140712-WA0004

Quen son? Unha cooperativa de consumidores que se move dentro da economía alternativa e solidaria para fomentar o consumo responsable e o comercio xusto.

Onde están? Urbi et orbe ;-): en Santiago e tamén no web http://www.socios.panxea.org

Que fan? Apostan por demostrar que o comercio respectuoso cos produtores, cos traballadores e co medio natural é unha alternativa viable e xeneralizable. Fomentan a relación directa e de confianza co produtor e o comercio de proximidade.

Panxea naceu no ano 1995 como asociación sen ánimo de lucro, pero no 2010 deu un paso adiante para transformarse en sociedade cooperativa e abrir unha tenda na rúa da Rosa, en Santiago. Alí continúa vendendo os produtos tradicionais do comercio xusto vidos do Sur (café, cacao, azucre…), pero tamén optou por estender os seus principios aos produtores galegos, pola sustentabilidade dos alimentos que se recollen ou pescan no noso contorno máis próximo e por un sistema comercial baseado na confianza. De todo isto falamos con Manuel Vicente, actual presidente da cooperativa.

Panxea

Manuel, que é Panxea e cales son os seus obxectivos?

Panxea traballa en dous aspectos complementarios. Por unha banda, é unha cooperativa de consumidores que aposta polo comercio xusto, polos produtos locais e polo ecolóxico, porque entendemos que as decisións de compra que facemos son o noso gran de area para mellorar o mundo. Somos, xunto coa Cova da Terra, unha das primeiras organizacións galegas que traballou en comercio xusto. Nacemos como asociación hai case 20 anos, pero hai catro vimos que a nosa actividade tiña mellor encadramento como cooperativa de consumidores.

Por outra banda, dedicámonos á sensiblización, a difundir o que é o cooperativismo, o comercio xusto, a soberanía alimentaria…

E como facedes esta segunda parte, a de sensibilización?

Inicialmente centrabámola en elaborar materiais didácticos e en impartir relatorios en centros socioculturais e educativos ou en cursos organizados polas universidades e por ONG. Tamén traemos produtores do Sur que contan aquí as súas experiencias. Agora, sen abandonar esa liña, a nosa aposta máis importante é ter unha tenda aberta ao público. Con ela queremos demostrar que o comercio xusto que nós promovemos é viable e, daquela, xeneralizable. Se o noso fin fose unicamente o consumo responsable dos socios, teriámolo máis doado organizándonos entre nós como grupo de consumo. A tenda aberta a todo o público é un esforzo económico importante co que queremos demostrar que se pode facer economía real dende os nosos principios e visibilizala.

E que tal vos vai nesa angueira?

Ímola virando. A nós a crise tamén nos afecta. Aínda que nos custa, entendemos que esta é unha aposta de futuro pola que paga a pena esforzarse e que a medio prazo triunfará. Neste momento temos en marcha unha campaña de captación de socios, porque calculamos que con 30 persoas máis que se desen de alta como tales a nosa estabilidade estaría garantida.

Os socios en Panxea son fundamentais, son a alma do proxecto, que sae adiante grazas á implicación de moita xente, maior ou menor en función das posibilidades de cadaquén. Algúns contribúen máis coas súas compras, outros co seu tempo, pero con seguridade isto non sería viable sen eles. Na nosa campaña falamos das vantaxes que ten comprar en Panxea sendo socio -prezos máis baratos; acceso a produtos frescos, como peixe, froita ou verduras ou o novo servizo de reparto a domicilio en bicicleta que estamos implantando- pero o máis importante é que, sendo socio, sostés Panxea e contribúes a levar adiante a súa filosofía. Iso é o mellor que podemos ofrecer e iso é o que leva a xente a entrar en Panxea.

Os socios participan na toma de decisións?

O funcionamento de Panxea é moi horizontal. Artéllase a través das reunións semanais de socios que se convocan os martes e nas que se toman todas as decisións de maneira democrática, tanto as propiamente comerciais como as de sensibilización.

O comercio xustoIMG-20140712-WA0001

Manexades un concepto de comercio xusto un pouco diferente ao clásico, centrado na importación de produtos procedentes do Terceiro Mundo, non si?

Non diferente, pero si máis amplo. O comercio xusto naceu para garantir a equidade nas relacións comerciais Sur-Norte, pero nós, igual ca outras organizacións, vimos que era necesario aplicar os seus principios ás relacións comerciais Norte-Norte.

Pero vós inclinádesvos por favorecer o consumo de produtos locais e de temporada. Por que?

Nós traemos azucre, cacao ou café dos países do Sur, pero non atoparás en Panxea mazás de Chile, por exemplo, porque a mazá é un produto que se dá aquí. Traelo do outro lado do mundo non é sostible: contamina, porque incrementa as emisións de CO2; contribúe á redución da biodiversidade, porque as producións a grande escala priman determinadas variedades, non polo seu sabor, senón por seren visualmente máis apetecibles e pola súa facilidade de conservación, que lles permite aguantar o transporte e o tempo que pasa dende que se recollen ata que se poñen á venda. Iso no que se refire á ecoloxía.

Pero hai máis…

Un dos principios do comercio xusto é reducir os intermediarios, de maneira que unha parte superior do prezo que paga o consumidor beneficie o produtor. Iso é complicado na importación de produtos do Sur, pero doado de facer cos veciños. Nós establecemos unha relación directa cos produtores aos que lles mercamos os queixos ou o peixe. Iso tamén nos permite manter con eles unha relación persoal e montar un sistema comercial baseado na confianza. Coñecémolos, visitamos as súas explotacións e sabemos como traballan.

A crise

Antes dicías que a crise a vós tamén vos afectou, pero gustaríame saber se considerades que Panxea pode contribuír dalgún xeito a saír da crise, a soportala ou a que crises deste tipo non se produzan…

O que nós intentamos facer é poñer en valor a produción e o traballo dos labregos e da xente que fai pesca artesanal. Queremos darlles saída aos seus produtos, difundir a súa calidade e traballar a filosofía do pequeno, do próximo e do local, que é o que permite crear tecido social aquí.

Dende o inicio da crise parece que houbo un debate entre os partidos de dereita, defensores da austeridade, e os da esquerda, defensores de fomentar o. Non chirría algo iso de incentivar o consumo nunha cooperativa que promove que este sexa responsable?

Eu penso que non se trata tanto de aumentar o consumo como de derivalo a proxectos que beneficien a xente común, orientalo a produtos locais, próximos e que garantan os dereitos dos produtores. Non temos que consumir máis, pero si consumir doutro xeito.

En Grecia, onde a situación é aínda máis dura que aquí, as vendas en tendas de comercio xusto aumentaron significativamente dende o comezo da crise, porque a xente tomou consciencia de a quen quería darlle os seus cartos.

E aquí? Tamén sentides que sodes cada vez máis ou védesvos un pouco sós nesta loita?

Nós inserímonos nunha economía alternativa solidaria da que forman parte outras organizacións coma Fiare ou o Peto, por exemplo. Panxea intégrase en diversas redes e os nosos socios están tamén noutros proxectos. A nosa cooperativa ten sentido dentro dun ecosistema de asociacións e de institucións sociais que traballan na mesma liña.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Contra a crise, autoxestión coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s