Merche Carrión fala con Emilia Rosende sobre a pensión contributiva para persoas que traballan a xornada parcial. Ti tamén podes ter dereito, infórmate.
Emilia, ti, o mesmo que outras mulleres, formas parte dese colectivo de persoas que traballou a xornada parcial durante a maior parte da súa vida laboral. Tiveches dereito á pensión cando che chegou a idade da xubilación?
Pois non, aínda que traballei cotizando á Seguridade Social durante 18 anos, algúns a xornada completa, pero a maioría deles a xornada parcial. Cando cumprín os 65, considerábase que non tiña dereito a unha pensión contributiva porque, segundo a lei vixente, neses casos, para calcular a pensión, non contaban os anos, senón as horas cotizadas (10 h por semana no meu caso, que sumaban un total de 6 anos, 9 meses e 20días) e como facía falla ter, polo menos, 15 anos cotizados, xa non a solicitei.
Por que a solicitaches agora?
No pasado mes de xuño fun sabedora de que a dúas mulleres, unha catalá e outra galega, lles pasara o mesmo ca a min, pero elas non se conformaron e levaron o asunto aos tribunais. Despois diso, os sindicatos animaban ás persoas que estivesemos nesa situación a que solicitasemos a pensión, xa que agora tiña que haber un cambio na lei; só faltaba que chegasen a un acordo o goberno, a patronal e os sindicatos para ver como aplicala, o que sucedeu no pasado mes de xullo.
Entón, dixen, pois se outras o conseguiron, por que non eu? E fixen a solicitude, aínda que tiven que insistir para que ma cursasen, porque a funcionaria dicíame que non ma ían dar.
Que foi o que cambiou?
Debido á reclamación que houbo, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditou sentencia (22 de novembro do 2012) e tamén o Tribunal Constitucional (14 de marzo do 2013) e fixeron que a lei cambiase por considerala discriminatoria con relación ás persoas que traballaban a xornada completa, coa agravante de que a maioría eramos mulleres, polo que consideraron que a lei era discriminatoria tamén por razón de xénero.
O 2 de agosto de 2013 aprobouse a nova lei, que equipara todos os traballadores/as, independentemente das horas traballadas en cada xornada, para ter dereito á pensión. O que si varía, como é normal, é a cantidade que se vai cobrar en función do tempo traballado, pero, se esa cantidade é moi pequena, hai a posibilidade de que concedan un complemento a mínimos.
E por fin ti conseguiches a pensión?
Si, por fin no mes de novembro mandáronme a carta aprobándoma e mais empezáronme a pagar dende que a solicitara.
Animarías a outras persoas a solicitala?
Por suposto. De feito, xa falei con compañeiras miñas (que, por certo, non tiveran coñecemento da cousa) e unha delas xa empezou a cobrar en decembro.
Así que si, animo a solicitar a pensión e a “correr a voz” porque seguro que hai moita xente que non é sabedora do cambio.
Tamén quero agradecer a insistencia das mulleres que abriron camiño, das mulleres que non se conformaron coa negativa e fixeron posible que a lei cambiase, non só para as persoas que traballamos a xornada parcial ata o de agora, senón para as que nestes tempos de crise son contratadas con esa modalidade, que, segundo as estatísticas, son un número moi considerable.