O lobo de Wall Street


Pedro Pedrouzo Devesa

“Todos somos cómplices do desfalco financeiro, no sentido de que permitimos unha cultura onde o único con sentido é o diñeiro”. Esas verbas pronunciounas Martin Scorsese, o director de “O lobo de Wall Street”, película que retrata o universo mafioso desa bolsa que é o corazón do mundo financeiro.

Cando escribo sobre algún tema económico ou político entran en conflito dúas formas antagónicas de abordalo: a primeira é a de centrarme no poderoso, naquel que contribúe en gran medida a que as cousas sigan como están: o político, o millonario ou o banqueiro focalizan a miña atención. Tradicionalmente culpables de situacións de enorme agravio para tantísimas persoas, toda crítica que se lles faga parece escasa, sobre todo nun momento no que nos fan sentir estúpidos a todos aqueles que non lle soubemos sacar tan bo partido á crise coma eles. As crecentes cifras de desigualdade do noso país parecen esixir a revisión dun contrato social que está empoderando máis aos poderosos, empobrecendo á clase media, e marxinando á clase empobrecida.

A segunda forma de ver as cousas é analizar o pecado colectivo que se agocha en toda desfeita social. Esta óptica ten fonda raizame católica, e vén ser unha actualización do pecado orixinal. Un claro exemplo son as palabras de Scorsese, que tampouco me son totalmente alleas. Porque tamén vexo razón nelas. O que non teño clara é a intención coa que se reproducen nos medios. Que quere dicir con elas quen as fai públicas? É certo que todos temos parte de culpa da engranaxe financeira que montamos. Observamos diariamente o que producen os mercados financeiros, pero seguimos buscando a maior rendibilidade posible aos nosos aforros. Porén, os xuros que recibimos son fundamentalmente froito da especulación dos mercados financeiros e da usura que padece o beneficiario do préstamo bancario.

Moitos aforradores preferirían un fondo que só invistise, por exemplo, en proxectos ecolóxicos, e que só dese os xuros que compensasen a inflación, para que o valor real dos aforros non minguase, pero tampouco se incrementase. Se os fondos se exprimen para gañar máis é imposible levar adiante iniciativas socialmente rendibles. Poderiamos pedir que os fondos tivesen unha valoración ética de eficiencia social A, como a clasificación enerxética dos electrodomésticos. Preferimos un bo uso social dos nosos aforros ou unha maior rendibilidade sabendo como se consegue esta?

De todas formas, e asumindo que a suma das modestas usuras de todos os pequenos aforradores puideron empuxar o sistema na senda equivocada, este petou porque seguimos sen domesticar a selva financeira que orixinou auténticas bestas indomables con suficiente diñeiro para facilitar que moitos políticos se volvesen razoables a proxectos que nos están enterrando a todos.

Todos somos algo egoístas, pero algúns son auténticos mafiosos. Comecemos o desagravio de forma ordeada. Domestiquemos a selva.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Economía coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s