25 de xullo, que temos que celebrar?


Responden:

Unha celebración de afirmación

Antón Laxe

Antón Laxe

Eu penso e quero celebrar un día no que todas as persoas que nos sentimos galegas, e desde todos os puntos do país, estamos convocadas á festa maior de Galiza, unha celebración de afirmación da nosa identidade colectiva, de sentírmonos parte dun pobo e herdeiros daquelas mulleres e homes que un día afirmaron, como dicía o poeta Manuel María, que non querían deixar perder a súa palabra creada, herdada, usada, revelada, aquela que lle é propia e singular, e que é unicamente súa, e que na asemblea nacionalista de Compostela de 1920 acordaron festexar esta data para conquerir a libertá de traballar e a sobranía nazonal. Unha festa vivida con ledicia e colorido nas rúas, con lemas e manifestacións, con xantares, debates e música na carballeira de Santa Susana…

Mais tamén unha festa na que quero reafirmarme xunto a outras compatriotas na nosa persistencia e dicirmos que ante o desmantelamento do público (sanidade, educación, protección social…) e dos sectores produtivos, ante a situación de desemprego, exclusión social e privación de acceso á vivenda de miles de persoas…  Ante tantas e tantas medidas inxustas como inútiles que están a atentar contra maiorías sociais (persoas traballadoras, pensionistas, asalariadas, funcionariado, mocidade, paradas, dependentes, discapacitadas, sen recursos, inmigrantes…), as galegas e os galegos non abdicamos e temos que loitar e camiñar noutra dirección e cara outros modelos transformadores e de xustiza social nos que Galiza teña soberanía real como país, e así poder desenvolver todas as nosas potencialidades en función das persoas e en respeto co medio.

Que temos que celebrar?

Tereixa Regal

Tereixa Regal

Teño que, tes que, ten que… Non me gusta conxugar este verbo. Aprendéronmo na casa. Aprendéronmo na escola. Aprendéronmo na igrexa e no partido e xa case o sinto como parte de min mesma… Quero aprender a facer desde o corazón, desde o meu desexo fondo! Vivir desde as entrañas, como me sae de dentro, porque iso é o que me alegra!

O 25 de xullo é o día da Patria. Ben sabedes que as patrias sostiveron desde sempre discursos únicos e poderes opresores. As patrias constrúen fronteiras, provocan guerras e verten sangue de inocentes. Eu estou cansa de patrias. Estou farta de patrias e de pater familias (e tamén de “padres”). Non quero que me digan onde está a verdade; quero pensar en liberdade, ter dereito á discrepancia, á disidencia. Aborrezo este patriarcado que domina e somete, que manca e mata. Non quero para Galiza ningunha patria!

E que din os rumorosos na costa verdescente? Que din as altas copas de escuro arume arpado? “A era das patrias deixa paso á era das matrias. Celebra a terra que te aleitou cos seus mil peitos, o berce que te sostén e che di quen es. Celebra a Gran Nai, celebra a Terra!”

25 de xullo, día da xente que dignifica este país que chamamos Galiza para darlle autogoberno e soberanía. Descubro que para ir atinando en alternativas ao modelo neoliberal, necesitamos perder o medo ao diferente e conxuntar pensamentos e xeitos multiformes que xorden das nosas periferias…

25 de xullo, día dos homes bos e das mulleres xenerosas que se saben desta terra, celebrando galeguidade coa familia nacionalista militante dunha e doutras siglas (vivan os mil matices do arco da vella).

Eu son indíxena e quero regresar á Terra! Quero entrar na cova para recuperar as miñas orixes primixenias e renacer á vida. Quero tornar a ser salvaxe para tecer colectivamente redes de futuro na Galiza.

25 de xullo, día da Galiza, a nosa Matria!

25 de xullo, Santiago. Galicia é unha festa

Eva Teijeiro

Eva Teijeiro

Na miña nenez, era o día de festa por excelencia: iamos á  praia e logo, a algunha verbena das que inzan Galicia polo patrón (a Meilán, por exemplo).

Xa de moceta, perdín a ilusión pola celebración do 25 durante anos. A hospitalización do meu pai o día de Santiago de 1987, deixoume para sempre un pouso acedo nesas datas.

Anos despois, xa en parella, recuperei o hábito familiar: praia e verbena -ás veces tamén sesión vermú- en Illán (mocidade tan festeira non a hai!).

Un ano -non son quen de lembrar cal- comezamos a ir a Santiago polo 25: dende entón só faltei dous, en contra da miña vontade, por cuestións familiares. Esa primeira celebración compostelá fíxome unha tatuaxe de lume na alma, que me obriga a volver sempre.

Dende que vou festexar esa data a Santiago, ademais de troulear sen tasa, aprendín moito do nacionalismo e da historia recente de Galicia que nos envolve coma unha tea invisible: escoitei a algúns que lembran andar ás carreiras pola cidade vella e a alameda, despois da mítica misa a Rosalía, escapándolles aos grises –eses seres mitolóxicos da ditadura que logo voltarán, ao paso que imos-.

En fin, Santiago sempre, o Día das Letras e o 25, máis que a cidade barullenta e ateigada de xente onde a choiva decide ás veces non facer arte sobre as pedras, é o lugar de encontro con todos aqueles que coñecemos algunha vez e cuxos camiños se foron esgallando do noso, pero que nunca deixaron de ser unha parte da nosa identidade.

25 de xullo sempre!

José Antonio Martínez

José Antonio Martínez

Día Nacional de Galicia, Día da Patria Galega, festividade de Santiago Apóstolo. O 25 de xullo aparece sinalado en vermello nos nosos calendarios. Un día festivo. Non axuda a calquera celebración que o “día grande” de Galiza caia nun dos escasos meses en que as galegas e os galegos podemos gozar do tempo estival e da praia. Cando o papa Gregorio impuxo o calendario romano a toda a cristiandade, trasladando a festividade de Santiago de decembro a xullo, non sabía que ía contribuír a animar un dilema en moitas persoas: deixo un día de repouso estival para celebrar o día de Galiza?

Cómpre celebrarmos o 25 de xullo. Eu son dos que algúns anos renunciei ao meu descanso estival para me ir manifestar polas rúas de Santiago (Compostela para as convocantes). O que máis agradecía era o reencontro con xente que só vía de ano en ano. Mais este ritual de manifestante perdeu xa todo o seu sentido e fun dos que os últimos anos participei máis por obriga que por celebración. Cómpre liberarmos esta celebración de prácticas adquiridas e diversificar os actos e os lugares, primando o protagonismo da cidadanía, quer dicir, abandonando todo o que tiña de “acto institucional de partido”.

Nun momento en que os valores do individualismo e a competitividade triunfan, a celebración conxunta de que existimos e de que aquí estamos ten moito valor. Unha verdadeira celebración anima, converténdose en sinal de esperanza. Temos moito que agradecer e temos moito que celebrar. En Galiza hai moita vida. Podémonos lembrar de todas aquelas persoas que fan e o fan moi ben. Podemos continuar a reivindicar, mais é tamén o noso día de “acción de grazas”. Xa na praia, no torreiro da nosa igrexa parroquial, polas rúas de Santiago ou de Verín, podemos cantar, ao xeito portugués: 25 de xullo sempre!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en A pregunta. Ligazón permanente.

One Response to 25 de xullo, que temos que celebrar?

  1. Maruxa di:

    Bonita reflexión, día da Matria Galega!!!!!!!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s