Maite Martínez Rodríguez
Entrevista a Marcial Blanco Castelos, cooperativista de Zocamiñoca
En 2009 nace Zocamiñoca. Facíanse realidade así as arelas, os coñecementos e o traballo que durante un ano fixeran oito persoas. Foron os promotores dunha cooperativa que día a día procura e pon a funcionar outras formas de comerciar, alimentarse, coidar da saúde, relacionarse cos demais, traballar, facer economía… Hoxe, forman Zocamiñoca más de cen cooperativistas, unidades de consumo, que poden estar compostas por máis dunha persoa: unha familia, varios compañeiros/as de piso, unha parella, etc. Outro exemplo máis de que outras formas de vivir son posibles. Se queres saber máis de Zocamiñoca, só hai que visitar a súa web: www.zocaminhoca.org.
Moitas grazas; Marcial, por dedicarnos un tempo dun mércores, día de moito traballo en Zocamiñoca. Que tal se nos explicas que é Zocamiñoca?
Zocamiñoca é unha cooperativa de consumo responsable ou consciente. Un grupo de persoas xuntámonos e creamos esta entidade, que é unha entidade sen ánimo de lucro, coa intención de poder consumir produtos que cumpren eses criterios, que vai máis alá do que pensa algunha xente que o identifica co consumo de produtos ecolóxicos ou con produtos de comercio xusto.
Que é logo o consumo responsable e consciente?
Pois incorpora os produtos ecolóxicos e do comercio xunto pero analiza máis factores. Explicado dunha maneira rápida e tendo en conta que é un concepto en constante evolución, o consumo responsable baséase, primeiro, en cuestionarse se precisamos consumir calquera ben antes de facelo. Despois vén cuestionarse que cantidade precisamos del. Esa é a primeira cuestión. Desde o punto de vista físico só precisamos consumir catro produtos de alimentación, pero hai outros produtos que consumimos para estar integrados nun tipo de sociedade, porque temos unha serie de costumes e hábitos e temos que manter a saúde psicolóxica. Como levamos unha vida dura necesitamos consumir, a nivel mínimo, algúns alimentos que non son imprescindibles, como o chocolate por exemplo, que cun consumo controlado mellora o noso benestar. Se tomamos máis da conta, caemos no consumismo e pode provocarnos dependencia. Ou sexa que o primeiro de todo é preguntarse: que e canto preciso consumir.
Que outros factores definen este consumo?
O respecto polo medio ambiente é un deles. Os produtos deben ser ecolóxicos. Pero non abonda a etiqueta ecolóxica, que o único que garante é a ausencia de fertilizantes químicos. Non garante que están producidos preto do consumidor e, se se traen de lonxe, deixan de ser ecolóxicos polo transporte de longo percorrido: contaminación, gasto enerxético para mantelos en boas condicións ata que chegan aquí, os envoltorios… Deixa de ser ecolóxico. E a súa produción debe ser ecolóxica. Na actualidade estanse a implantar inmensos cultivos de cogombro e de tomates ecolóxicos en Almería para vender en Alemaña. Os grandes monocultivos non son ecolóxicos, empobrecen a terra e non respectan a natureza, aínda que non usen químicos. O lóxico é plantar preto do lugar onde se vai consumir, en menos cantidades, con menos custo.
Tamén haberá un aspecto laboral, humano…
Efectivamente, o respecto polas persoas, comezando por quen produce. Un traballo digno, unha retribución xusta. Resulta máis fácil asegurar que esas condicións se cumpren se traballan na proximidade. En países afastados son máis difíciles de comprobar. Sempre é un requisito necesario. Intentamos marcar un prezo xusto para produtores e produtoras. Isto nótase sobre todo nos alimentos frescos, xa que se pode coñecer quen os produce, poñer un prezo que se axuste ao custe real da produción xunto cun beneficio xusto para que esas persoas poidan vivir con dignidade. Porén, o prezo de mercado actual deforma o prezo de custe con outros factores como a demanda, a carestía ou o superávit, que ás veces incrementan notablemente o prezo de consumo en relación co custe de produción e outras colócano por baixo. Dependen da presión das grandes empresas de distribución. Para evitalo, nós, por exemplo, fixamos un prezo estable por tempada para cada produto. Así o consumidor sabe sempre o que vai valer e o produtor tamén sabe o que vai recibir.
O último criterio a ter en conta é o respecto polo consumidor. Non interesan empresas que fomenten o consumismo, porque tamén hai consumismo ecolóxico. Na economía capitalista, onde se intenta vender o máximo posible e fomentar a eterna insatisfacción para que sempre desexemos mercar, incluso o que non precisamos, “o ecolóxico” tamén é un sector do que tirar proveito. Así grandes empresas din: “temos o mercado convencional e este novo sector de mercado que comeza a ser importante, e queremos levarnos a nosa parte”. E seguirán producindo no sector convencional. Se compramos a esas empresas, seguimos fomentando a contaminación, aínda que só compremos bens ecolóxicos. Nós temos en conta as empresas que se dedican á produción ecolóxica, ao consumo responsable, por principio, por filosofía. Como criterio, optamos por empresas que só crean alimentos ecolóxicos, mesmo aínda que as outras nos ofrezan os produtos máis baratos, porque poden economizar ao xogaren a dúas bandas.
Leva traballo coñecer todo o mercado, os produtores?
Leva traballo. Sempre estamos intentando mellorar neste aspecto. Intentamos facer análises o máis rigorosos posibles pero non sempre se pode. Hai un factor que ás veces falla incluso en empresas que producen só produtos ecolóxicos e responsables: é a transparencia. É fundamental. Tanto a parte produtora como a parte consumidora deben ser conscientes da importancia de dar a coñecer como se fan as cousas. O sistema convencional de produción é opaco. Despois de moitos estudos, chegouse á conclusión de que se a xente soubese realmente como se produce algo ata que chega ás súas mans, non o consumirían. As grandes empresas ocultan como fabrican, só coñecemos a propaganda e a mercadotecnia. Coñecer todo o proceso é complexo e nunca chegas a unha decisión perfecta: tes varias opcións e entre elas elixes unha ou dúas que cres que son as máis adecuadas. Consumir individualmente de xeito responsable e consciente esixe un esforzo tremendo. Facelo como colectivo facilita ter máis control sobre o que mercamos.
Polo que dis, este tipo de consumo consegue manter unha conexión importante, a do campo e a cidade
Si, é unha peza elemental que vai ligada a outra ligazón: a da produción e o consumo. Procuramos romper a cadea capitalista de produción, distribución e consumo. Intentamos chegar a quen produce cada produto que temos aquí para consumir, no local da cooperativa. Non só porque se poida encarecer o produto con ese elo intermedio da cadea que ao mellor non necesitamos -si precisamos distribuidoras de comercio xusto para bens que veñen de fóra. Tamén porque así controlamos directamente que se cumpran os criterios. É ao produtor, á produtora, a quen hai que preguntarlle como fai o seu traballo; os intermediarios non dan esa información. Co contacto directo sabemos por que un produtor decide traballar de forma ecolóxica, vender a pequenas tendas e non a supermercados… Esa persoa dáche a información para saber se está en sintonía con nós e se podemos confiar nel. E comprométese con nós.
Hai algunha iniciativa por parte das administracións, dos gobernos, que camiñe cara a promoción do consumo responsable e consciente?
Nunca haberá esas iniciativas sen un cambio deste modelo que potencia a produción e o consumo convencionais. Os gobernos, as regulacións dos mercados, sempre tenden a defender ao produtor e ao distribuidor grandes. Ademais crean o espellismo de que traen máis beneficios á sociedade. Por exemplo, a creación de empregos nos centros comerciais. E si, crean empregos, pero menos dos que destrúen, menos có pequeno comercio. O mesmo ocorre na distribución e na produción. Os estudos demostran que por cada emprego creado nun hipermercado crearíanse tres ou catro cunha distribución de proximidade. Nós estamos moi orgullosos porque contamos con produtores próximos, de verdura, de froita, de lácteos, de pan artesanal, que están vivindo en grande parte grazas a Zocamiñoca, que lles facilita os seus proxectos. Na cooperativa hai un socio traballador. Potenciamos postos de traballo de calidade e locais.
Que tipos de grupos de consumo alternativo existen?
Simplificando hai dous modelos. O primeiro é o modelo “tenda”; un grupo de consumo cunha tenda aberta ao público na que pode mercar calquera. Neste caso, os cooperativistas mercan con desconto. Precisa contar con persoas contratadas para atender ao público. Nun segundo modelo non se contrata a ninguén, todas as persoas socias participan activamente na cooperativa, desde o facer os pedidos ata servilos. Organízanse por quendas e soen usar locais prestados. Este modelo esixe implicación pero aforra moitos gastos. Zocamiñoca está no medio dos dous porque temos local propio e a unha persoa contratada. Abrimos o local dous días á semana só aos socios, que tamén participan voluntariamente en grupos de traballo: busca de produtores, comunicación, económico, coordinación, informática, saúde… Estes grupos de traballo son autónomos e toman decisións. Facemos entre unha e dúas asembleas anuais. Ademais, semanalmente, cooperativistas voluntarios axudan á persoa contratada a facer pedidos, colocar os produtos, … Este tipo de organización precisa un mínimo de 50 ou 60 unidades de consumo para poder cubrir os gastos, para sobrevivir. Nós somos xa máis de cen. E xa levamos catro anos sobrevivindo.