Esa é a pregunta clave que suscita un estraño proceso coma o de Exipto, que ten moita máis importancia para nós, e para o sistema democrático, do que suxire a posible distancia física e cultural.
É evidente que Exipto, e outras sociedades da súa contorna, son difíciles de xestionar desde un modelo democrático occidental. É evidente tamén que un radicalismo islamista, obstinado e simplista, no que o dogma relixioso gusta de invadir e condicionar o espazo civil,resulta difícil de conciliar co principio democrático, a separación do estado e da relixión e, mesmo, a separación entre poderes.
Pero non é de recibo que para “perfeccionar”a democracia se recorra a un golpe de Estado protagonizado polo exército, a poucos meses das últimas eleccións. Unhas eleccións, ademais, que eran as primeiras en decenios dignas de tal nome e, aínda máis, eran o resultado dun levantamento contra un poder ditatorial, interminable e, loxicamente, corrupto. Non parece que o remedio sexa mellor cá enfermidade.
O proceso suscita moitas preguntas. Admitindo que Morsi e o seu islamismo, moderado ou menos, fosen obxectivamente prexudiciais, cabería a mobilización, a loita política, o debate mediático, o conflito sindical ou parlamentario. O espazo democrático garante un abano de posibilidades de expresión e manifestación explícita do conflito e da pluralidade. O movemento opositor podería gañar audiencia e lexitimidade e finalizar gañando, ademais, unhas eleccións.
Pero outra cousa, e ademais ben sospeitosa, é que o proceso se inicie directamente cunha chantaxe ao sistema, se cuestione, non unha determinada maneira de exercer o poder dentro das regras de xogo de constitución acabada de estrear, senón directamente contra esas regras de xogo. E que, ademais, se faga todo para chegar, aparentemente, ao punto de partida: unha situación co poder civil totalmente debilitado en mans dun exército financiado e adestrado polos Estados Unidos, un exército que reina e decide cando si e cando non. Os amigos do ex ditador deben estar felices e Occidente, polo que parece, tamén.
Reblogged this on Abrente incerto.