Se funciona non o toques


Daniel López

Son mestres da prestidixitación. Nada por aquí, nada por aló, nada de nada -pero de nada- por acolá, e….zas! velaí un éxito.

O cuarto informe PISA (Avaliación internacional de alumnos da OCDE), con todo o que ten de discutible, vén de acreditar que os alumnos galegos non están tan mal, por máis que haxa treito abondo de mellora. Polo menos non están desastrosamente mal en relación cos demais. Os datos falan: se ben hai un 17% de “suspensos” no exame PISA, esa porcentaxe é menor cá media española (21%) e mesmo está por debaixo do conxunto de países da OCDE (19,6%). Galicia queda ben en coñecemento do medio e a proba de comprensión lectora foi superada polo 82%, por riba da media española e moi por riba de canarios e andaluces, por exemplo.

O conselleiro de educación mostrouse “contento”, congratulouse de que se subiran 7 puntos en comprensión lectora, indicando que o informe sinala unha “inflexión” cara a un “movemento alcista” no rendemento escolar dos estudantes galegos. Fantástico.

Ben. Os datos deste informe PISA corresponden a exames realizados no 2009. É dicir, que ese suposto progreso e eses resultados tan decentes en relación á mediocridade circundante corresponden, en calquera caso, aos méritos dun sistema educativo dirixido polos predecesores de don Jesús Vázquez. O feito admite pouca discusión: a mellora prodúcese en relación co informe do 2006. Resultaría sensacional pensar que todo un conselleiro de educación ten a elegancia de recoñecer que está brindando por unha mellora de resultados conseguidos polo equipo anterior de goberno, do partido rival. Pero dáme que a cousa non vai por aí.

E o conto ten o seu aquel. Se efectivamente esa “inflexión”, ese “movemento alcista”, se produce grazas a un sistema que, consciente do desequilibrio lingüístico, favorecía o reequilibrio e a efectiva capacitación bilingüe dos rapaces potenciando o uso do galego, … por que cambialo? Por que queremos parecernos a canarios e andaluces, tan semellantes a nós en renda per cápita, pero perfectamente monolingües e perfectamente na cola dos indicadores de competencia escolar?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s