Lidia Senra. A historia dun liderado entrañable


Redacción

Conversa con Tareixa Ledo Regal

Tareixa Ledo
Tareixa Ledo

Tareixa Ledo é Licenciada en Ciencias Sociais e Políticas; máster en Estudos de Xénero e en Terapia de Reencontro. Na actualidade traballa no Sindicato Labrego Galego (SLG) en tarefas de formación e organización interna. Nacida fóra de Galicia, acabou asentando en Romariz (Abadín), onde viviu durante 15 anos. Foi nese tempo cando naceu nela unha atracción vertebradora polo mundo labrego, unha cordialidade fonda que non pasa pola nostalxia dun tempo pasado, senón por unha ollada crítica que nos últimos anos desenvolveu unha clara perspectiva de xénero. Froito desa mirada é o libro que acaba de presentar: Lidia Senra. A historia dun liderado entrañable, no que rende tributo á que fora secretaria xeral do SLG durante varias décadas. Animados pola desculpa do libro, pareceunos oportuna esta entrevista na que a autora reflexiona sobre a figura de Lidia Senra, a muller labrega, e os modelos de liderado feminino.

Por que un libro sobre Lidia Senra?

As mulleres precisamos coñecer e visibilizar outras mulleres para termos referentes non só masculinos nos que mirarnos. Para nós é un camiño de crecemento imprescindible porque precisamos nomear en voz alta, dicir con voz pública e con orgullo o nome de mulleres significativas para aprender a dicir tamén con ese mesmo orgullo o noso nome. Por iso este libro.

Ademais, como secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Lidia foi poñendo en práctica un xeito diferente de liderar, algo novo para o mundo das organizacións e non só das organización labregas. Un xeito que Marcela Lagarde, ex-deputada mexicana e unha das teóricas feministas máis coñecidas internacionalmente, deu en chamar “liderados entrañables”.

Liderado e entrañable, como casan estes dous termos?

Cando escoitamos falar de “líderes” ou de “liderados” pensamos en políticos, en grandes empresarios ou en altos cargos. E sempre -ou case sempre- pensamos en homes con capacidade para o mando que actúan desde unha posición de autoridade.

Os “liderados entrañables” comezaron a emerxer cun papel propio desde os inicios do século XX. Son un xeito novo de liderar que está a xurdir da práctica de millóns de mulleres en todo o mundo. “Entrañables” significa coas entrañas, co corazón… Trátase de eliminar poderes autoritarios; o poder como abuso, o poder de mancar a outros, de expropiar as posibilidades de vida das persoas. As mulleres non queremos os poderes establecidos, senón outras formas de poder que nos permitan desarticular poderes destrutivos e opresivos vixentes na nosa sociedade.

As mulleres buscan poder? Non será repetir a historia “dándolle a volta á tortilla”?

Na IV Conferencia Internacional de Vía Campesina, Lidia (3º á dereita) é elixida para a Comisión Internacional de Xénero en representación das organizacións agrarias de toda Europa - Sao Paulo (Brasil), Xuño 2004 (Fonte: Fouce).

As mulleres lideramos para ter poder; un poder que algunhas teóricas feministas gustan de chamar “poderío” para diferencialo do poder dominante e autoritario que é un “poder sobre” (sobre as mulleres, sobre a natureza, sobre…). En cambio o poderío que buscamos as mulleres é “poder para”, é “poder con”, é “poder de”. As mulleres buscamos poderío para eliminar calquera tipo de dominio, especialmente o dominio de xénero. No entanto, nin sempre as mulleres lideran de xeito entrañable, nin tampouco estes liderados son exclusivos das mulleres. Aínda que historicamente non resultou o máis frecuente, tamén algúns homes desenvolveron o seu liderado desde estas outras claves. Recordemos a práctica de Xesús ou de Mahoma, de Ghandi, de Lutero King ou de Nelson Mandela… O modelo dos liderados entrañables é unha invitación para nosoutras, mulleres, e tamén para os nosos compañeiros homes, especialmente para aqueles que están a transitar novas masculinidades, novas maneiras de ser e de facerse homes no mundo.

A pretensión de construír sociedades xustas precisa incorporar o soño da igualdade; sociedades nas que se rompa a dominación, onde o poder deixe de ser entendido como “poder sobre” e se conciba como poderío. E iso precisa de persoas e organizacións que vivan e actúen desde eses mesmos estilos.

E entón o liderado de Lidia responde a esas novas propostas?

Lidia ten unha maneira diferente de crer, de crear e de consolidar organización. E nótase no estilo organizativo do SLG. Na Galiza, é unha desas mulleres que están a dar novos significados ao poder, ao liderado, ao papel das organizacións sociais, a construír colectivamente alternativa social, e a outras moitas cousas máis…

Desde os seus comezos na actividade sindical, Lidia foi unha pioneira: aos 17 anos xa empezou a colaborar cos CALL (os Comités de Axuda á Loita Labrega), organizando asembleas polas aldeas de Monforte… Poucos anos despois era elixida portavoz nacional do SLG e exerceu a responsabilidade da Secretaría Xeral ao longo de 18 anos dun xeito innovador, “entrañable”, ata o día que deixou voluntariamente o seu cargo. Coido que hoxe Lidia é unha feminista recoñecida e unha líder indiscutible do sindicalismo labrego. Ademais, o seu traballo constante e de anos na Comisión Executiva da Coordinadora Labrega Europea e na Comisión Internacional de Mulleres de Vía Campesina fai dela unha referencia obrigada tamén dentro do movemento agrario europeo e internacional.

Lidia foi a única muller no Estado que ocupou a máxima responsabilidade nunha organización agraria e unha das poucas da Unión Europea… Inaugurou un espazo nunca antes pisado por unha muller e, en menor medida aínda, por unha labrega. Posiblemente é a persoa galega de maior relevancia pública fóra das nosas fronteiras. É un valor engadido para a nosa dignificación como país. Coñecer a súa historia e difundila é importante. Ademais, a través da narración do percorrido de Lidia, quero contribuír ao recoñecemento das mulleres labregas, as eternas esquecidas…

Aínda hoxe as labregas seguen a ser as eternas esquecidas?

Dúas centas labregas marchan por Compostela (Lidia no centro) para esixir a cotitularidade das explotacións agrarias (Fonte: Fouce)

O mundo da aldea segue a ser referenciado como un lugar sen futuro. É o que nos transmiten os medios de comunicación e as institucións oficiais; é o que transmiten moitos técnicos e profesionais, a maioría das investigacións e moitas axendas políticas tamén. É a mirada neoliberal.

En canto ás mulleres labregas, son ignoradas e invisibilizadas. O estereotipo da “muller labrega galega” segue a transmitir, aínda en pleno século XXI, a imaxe dunha labrega de pano na cabeza. Unha realidade xa case inexistente na actualidade pero que pervive no noso imaxinario colectivo. O descoñecemento das mulleres labregas é inmenso. Tanto das de antes como das de agora. Por iso dedico unha parte do libro a deconstruír eses discursos, rescatando as biografías dalgunhas labregas e analizando o seu papel protagonista nas loitas agrarias da nosa historia máis recente (nas mobilizacións en contra da central nuclear de Xove, na loita en defensa da marisma de Baldaio ou na loita das Encrobas).

A miña intención é cambiar o discurso que historicamente colocou as mulleres labregas nas marxes sociais para resitualas no centro da realidade. Parte da miña pretensión é poñer en valor a súa vida e a súa contribución. E cando falo de poñer en valor quero dicir resignificar a súa contribución indubidable para a vida e para a humanización da vida (como coidadoras da terra, como cultivadoras de alimentos…). E isto, coido, só se pode facer desvelando a innegable dimensión política da súa contribución.

Cal che parece que está a ser a contribución das labregas hoxe?

Como moitas mulleres na nosa sociedade actual, algunhas labregas do SLG están espertando á conciencia de si mesmas, están autoorganizándose na Secretaría das Mulleres, están reivindicando dereitos básicos como a titularidade compartida, están ocupando con decisión lugares de responsabilidade

Facendo declaracións ante os medios de comunicación durante unha manifestación en contra das negociacións da Organización Mundial do Comercio (Compostela, 2005) (Fonte: Fouce)

pública dentro e fóra da organización… E froito dese traballo de máis de vinte anos, no último Congreso do sindicato aprobouse, por exemplo, a paridade en todos os órganos de dirección; unha paridade que xa se está facendo realidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s