Domingo, 9 de xuño de 2019


Que ficou despois de non ficar nada?

Despois da morte de Xesús os apóstolos e apóstolas viviron unha situación de loito. 

Imponse o loito cando sufrimos perdas, sobre todo de persoas amadas. É un gran desafío para todos elaborar as perdas e alimentar a resiliencia, que significa saber reverter esta conxuntura adversa e aprender as leccións que brotan desta situación de loito. 

Os pasos no camiño

Son varios os pasos a dar neste camiño.

O primeiro paso é a indignación, que se expresa por medio da sorpresa. Descubrimos que a vida comporta traxedias que fan sufrir especialmente os pobres. E non raramente nos culpamos por non ter coidado delas e percibilas con anterioridade.

O segundo paso é o rexeitamento sufrido: como foi posible chegar a este punto? Onde nos equivocamos? Inicialmente tendemos a rexeitar o acontecido. Pero está aí.

Todo loito precisa dunha travesía paciente

O terceiro paso é a depresión psicolóxica. Chegamos ao fondo do pozo. Estamos posuídos por un baleiro existencial e o desinterese polas cousas da vida. Quen consolará aos familiares das vítimas? Quen lles reforzará a esperanza de que as promesas de resurrección van ser cumpridas? 

O cuarto paso é o autofortalecemento. Facemos unha especie de negociación coa frustración e a depresión. Estas cousas sinistras pertencen á vida, coas súas contradicións. Non nos podemos afundir, nin perder os nosos proxectos e soños. Precisamos volver nos erguer. O loito debe xerar novas iniciativas. Podemos saír máis fortes deste loito.

O quinto paso é a aceptación dolorosa do feito ineludible. O loito debe pasar de diante dos ollos a detrás da cabeza, malia as imaxes imborrables. Ninguén sae do loito como entrou. Madura a duras penas e experimenta que non toda a perda é total.

Todo loito precisa dunha travesía paciente. Parece que as nosas estrelas guiadoras se apagaron, pero o ceo continúa iluminando as nosas noites escuras. As nubes poden tapar a Cristo, pero el segue alí. Até sen velo, cremos na súa presenza. Todas as desgrazas tamén pasarán. Cristo, non. Enxugará as bágoas das persoas que sofren. 

A respecto da nosa situación, hai que recoñecer que a nosa árbore foi mutilada: cortaron a copa, arrincaron as follas, destruíron as flores e os froitos, abateron o seu tronco e arrincaron as raíces. Que ficou logo de non ficar nada? Ficou o esencial que o loito non pode destruír: ficou a semente. Nela están en potencia as raíces, o tronco, as follas, as flores, os froitos e a copa frondosa. 

Todo pode volver comezar. Recomezaremos, máis seguros por máis experimentados, máis experimentados por máis sufridos, máis sufridos por máis dispostos para un novo soño. O loito pasará. Será tempo de refacer un mundo máis cordial, solidario, xusto e hospitalario. 

Adaptación dun texto de Leonardo Boff 

1 comments

Deixar un comentario