Domingo 2 de xuño. Festa de Ascensión


Empezou en Xerusalén!!

… pero é curioso ver como todo o importante sucede extramuros da cidade, fóra do espazo de confort: Xetsemaní, Gólgota, Betania… “Seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba”. É un convite a non lanzarse antes de tempo, pero tamén a saber que os espazos de confort non son o lugar preferido de Deus. Deus está nas marxes dos camiños, nos lugares de paso, nas periferias da vida.

os espazos de confort non son o lugar preferido de Deus

A Ascensión sucede en Betania, o lugar da unción de María e da resurrección de Lázaro, o espazo no que se suspenden as normas sociais, onde as mulleres sentan ao lado dos varóns, na mesa, para falar do Reino compartindo o xantar. 40 días despois da Resurrección, 40 días despois da Pascua, do Paso do Deus que monta a súa tenda no medio do pobo, a comunidade cristiá está chegando a unha nova Terra Prometida, e “predica no seu nome a conversión e mailo perdón dos pecados a todos os pobos”. E todos é todos (moito máis que moitos!): os que podían e os/as que non podían entrar na cidade, a xente de aquí e a xente de fóra, a limpa e a luxada, eles e elas, escravos e libres, sans e eivados….

Xerusalén é o espazo de confort, a cidade á que os primeiros discípulos teñen especial querencia, pero Xerusalén tamén abafa á comunidade. En Xerusalén van caendo na conta de que Deus non comparte espazos con institucións, que hai que darlle ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus… O xudaísmo vaise ver ameazado por esta nova doutrina de perdón e igualdade na que se embarcaban mulleres, escravos e mesmo algún home que aceptaba renunciar aos seus privilexios de varón. E empeza un acoso sen cuartel, como unha guerra civil, na que os pais se levantan contra os fillos, os fillos contra os pais, as mulleres contra os seus homes, os escravos contra os donos… Mesmo os fariseos vían como compañeiros de toda a vida se apuntaba a esta nova praxe.

Fóra da cidade están os camiños, o lugar no que o Señor nos sae ao paso e nos pregunta pola nosa vida, polos nosos medos, polos nosos soños….

A nós sempre nos quedará Betania.

Deus fai novas todas as cousas!!

Boa e nova vida para todas!!

Marisa de Corme

Deixar un comentario