Entrevista


Tecendo comunidade e futuro desde Vilardevós

Desde 1990 o Centro de Desenvolvemento Rural “Portas Abertas” teima por animar a vida, proporcionar coidados e abrir oportunidades aos veciños e veciñas de Vilardevós e comarca. O que daquela parecía unha iniciativa voluntariosa e ben intencionada revélase hoxe, vista a evolución das comunidades rurais galegas, como un exemplo do que sería necesario implantar e promover polo país enteiro. Conversamos con Tamara Balboa coordinadora de actividades deste CDR

Quen está no inicio de todo isto?

Foi Digno González Diéguez, párroco daquelas de Arzádegos, Florderrei e Vilarello da Cota, e un grupo de persoas de Arzádegos os que formaron a primeira Xunta Directiva, no ano 1990, tras un traballo de desenvolvemento comunitario que comezou décadas atrás. Nese ano formalizouse a asociación e a coordinación co C.D.R O Viso e outros centros que un ano máis tarde confluirían con nós en COCEDER (Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural).

Desde o voso nacemento falades de “desenvolvemento integral da zona”, ambición que non falte…

Si, ese nome encaixaba na denominación que o Ministerio lle daba dentro da convocatoria dos fondos do IRPF. E as actividades tiñan esa pretensión integral; así comezamos a xestionar o primeiro LEADER, que impulsou moitas iniciativas na comarca (no sector da madeira, turismo rural,…) e outros proxectos Europeos como o PROTERRA. Tecemos relacións con outras entidades europeas, como é o caso de ADRAT, (Asociación Portuguesa de Desenvovemento do alto Támega).

Tamén fomos pioneiros na posta en marcha de programas de educación familiar, e moitas outras actividades sociais e formativas e culturais. Por iso, “integral”, pola pretensión de traballar con todos os colectivos de poboación, dende os máis cativos ata os máis maiores.

En que estades más centrados, máis urxidas nestes momentos?

DSCN2578

Case todas as nosas actividades actuais son sociais. Traballamos a educación compensatoria con menores dos centros educativos da Comarca, a terapia ocupacional no fogar coas persoas con demencia e Alzheimer, con persoas con diversidade funcional, con nenos/as con necesidades educativas especiais; temos un programa de conciliación da vida familiar e laboral,… e por suposto seguimos indo ás aldeas a dinamizar as persoas maiores, con psicomotricidade, reparación de saberes, cestería,…Pero tamén recuperamos actividades agrarias xa que andamos loitando por unha volta á terra que deixamos algo esquecida durante uns anos, coa agricultura ecolóxica, coa recuperación de variedades locais e neste ámbito con moitas ideas de futuro.

Evidentemente, un dos desafíos é facer as zonas “habitables” para a xente nova, para quen non marchen ou para que regresen. Por onde habería que tirar nesta liña se se contase cunha vontade decidida dos poderes públicos?

paz (5)

Os poderes públicos centralizaron os servizos e iso axudou a que a xente fose marchando cara as cabeceiras de comarca e á cidade. Menos poboación, menos servizos, e así un círculo vicioso. Un exemplo son os centros educativos, baixo mínimos, con aulas que acollen a nenos de tres cursos o que lles dificulta a aprendizaxe e impulsa aos pais a marcharen. Rómpese a tendencia que se estaba dando ultimamente de que nenos e nenas de Verín fosen matriculados nos centros de Concellos limítrofes, polos horarios máis amplos, por contar con comedor e transporte…

Non hai unha única causa; é unha tendencia de décadas, quizais dun século. Pero é ben certo que no medio rural invístese máis en edificios (continentes) ca en contidos, e así hai centros pensados cos pés espallados por Galicia que nunca tiveron nin terán actividade. Supoño que isto vén dunhas convocatorias ríxidas ás que se acolleron os concellos sen pensar no “despois”, ou mesmo pola necesidade de ser recordado polas “obras” e non polos feitos, engaiolados por esa macrotendencia urbana. Niso tamén quixemos asimilarnos ao urbano.

Con medidas efectivas de asentamento da poboación, gañariamos moito. Non se fomentaron oportunidades laborais para a xente nova. Nalgúns casos o feito de ter traballo, pero sen servizos, non abonda para o asentamento da poboación, xa que a xente pode ir traballar á aldea e vivir no semi-urbano ou mesmo no urbano. E o emprego xerado moitas veces por parte das Administracións que pretende asentar poboación non consegue tal fin: ninguén por un traballo temporal e mal pago vai permanecer no medio se queda na exclusión.

Por outra banda a lexislación debería ser moito máis acaída á realidade, en todos os ámbitos, xa que, de entrada, os requisitos para emprender sácanche o aire nada máis empezar. No ámbito social, por exemplo, non ten sentido que unha entidade como a nosa teña que ter un centro específico para cada colectivo, senón que se deberían habilitar centros multiúsos, e así un centro de día de maiores, podería ter unha zona para traballar con nenos/as cando non hai maiores, para dar formación, podería ser un comedor social… Do mesmo xeito que en vez de seguir facendo centros específicos por parte das administracións, poderíanse adaptar os existentes, que hai moitos, difíciles de manter. Por exemplo, centros educativos enormes que hoxe están baleiros, casas de cultura…

Tedes exemplos de éxito nesa revitalización rural na vosa comarca?

Houbo iniciativas que pretendían asentar poboación e ás veces conseguiron o contrario. No Concello de Vilardevós, no seu día creouse unha cooperativa que pretendía ofertarlle traballo á poboación na súa aldea e nalgúns casos o que fixo a xente ao contar cun posto de traballo foi mercar piso en Verín e marchar para alí.

Hai pequenas iniciativas de xente que decidiu montar un pequeno negocio e apostou por quedaren ou mesmo volveren e merecen todo o recoñecemento. Hai empresas na comarca que están traballando ben e crecendo, moitas relacionadas directa ou indirectamente co sector primario. A pesar disto os datos demográficos están aí e perdemos poboación.

Sodes innovadores en aspectos ben interesantes, por exemplo, na integración de persoas inmigrantes doutras culturas e países nas aldeas e vilas galegas. Que futuros lle ves?

DSCN2568

Si, traballamos con colectivos inmigrantes bastante numerosos, como é o caso das persoas de orixe marroquí asentadas fundamentalmente na cabeceira da Comarca.

É bastante complexo, e falar de futuro é complicado. Eu creo que asentaron aquí pola proximidade de Portugal e polas facilidades para a vida, como alugueres máis asumibles; e polo seu modo de vida sen traballo estable. As segundas xeracións cónstame que non queren volver ao país de orixe, pero tampouco acadaron a inserción socio-laboral. As mozas si que comezan a traballar, fundamentalmente en servizos de restauración e bar, pero o traballo para os mozos está complicado, co cal a vida aquí seralles precaria.

Ao contrario do que podemos pensar, canto máis pequeno é o núcleo de poboación no que se asentan máis fácil lle será a vida, e as relacións coa comunidade. En Vilardecervos, unha aldea de Vilardevós hai dúas familias marroquís, ben acollidas polos veciños, con cinco nenos/as, practicamente os únicos/as da aldea e que nalgún caso son un exemplo desa comunidade rural tradicional “coidadora”, cando os veciños te coñecen e, como din eles, ven que es honrado, ben seguro que che van axudar. O primeiro en vir, un mozo marroquí, chegou en patera. Deu voltas polas cidades de España e Portugal e finalmente acabou traballando nunha plantación de maceiras que hai nesta aldea, e foi o primeiro sitio no que, segundo el, sentiu que o vían coma unha persoa; antes ninguén o miraba á cara.

Os desafíos sociais globais poderían ser aproveitados para unha revitalización rural, pero é un tema moi complexo e por suposto non sei como habería que canalizalo: esta comunidade non se sostén humanamente, e por outro lado hai millóns de persoas ás portas de Europa buscando un lugar no que viviren dignamente ou, polo menos, en paz.

A vosa zona foi unha das máis afectadas pola vaga de lumes do outono en Galicia. Parece que estamos diante de algo sen solución. Que está fallando? Que habería que ir corrixindo?

Os lumes aquí son un mal de vello, repítense ano tras ano. O debate sobre as causas pode ser interminable: negocio, práctica agraria, despoboación, emprego, enfermidade mental, masas forestais descoidadas, repoboación con especies alóctonas… pero solucións poucas.

Para min algo fundamental sería un traballo de todo o ano, e non falar de brigadas de prevención de incendios, senón de brigadas forestais, cunhas condicións de traballo dignas, cunha mínima formación, con traballo continuado, na limpeza de camiños, fontes de auga, rareos, limpezas de monte,… e non só traballos de tres meses, en precario, nos que nalgún casos, como foi este ano, nin sequera puideron formar as brigadas dos Concellos a tempo por non cumpriren os candidatos os requisitos. Non vale un plan para intervir cando arde, senón cando non arde, darlle a volta a cuestión.

Se cada Concello puidese facer isto, pois tamén fomentaría a permanencia dun grupo de mozos/as na zona. O que non ten moito sentido é que teñamos cada vez zonas máis abandonas, que chegada a época de verán botemos as mans á cabeza ao vermos como está o monte, que non entran os medios de extinción, que resulta que as silvas e as xestas chegan aos tellados,…

Pero supoño que unha vez máis habemos perdemos nas competencias: comunidades de montes, concellos, Xunta… Poderíamos pornos de acordo e eses cantos millóns de euros que se empregan anualmente investilos con máis efectividade: todos poden achegar algo.

Deberiamos ser máis contundente na aplicación efectiva das medidas de limpeza das contornas habitadas, nas sancións pola plantación de especies alóctonas… Se non se toman medidas reais, isto vai ir a máis. A despoboación e o cambio climático non teñen traza de cambiar e vexo certa resignación entre a poboación. O lume desmotiva e fomenta o abandono do rural. A xente cansa de pór castiñeiros e de intentar empezar con colmeas, como din eles para que “veña o lume e o leve todo”.

DLM

Deixar un comentario