Pingas de orballo


A cega de Gondel

Xabier Rodríguez, músico e profesor de gaiteiros, hoxe desaparecido e evocado, foi a persoa que máis me informou da Cega. Foi o primeiro en darme seriamente datos sobre da “Cega de Gondel”, que outros chamaban a Cega de Milleirós –porque de alá viñera- e era, en definitiva, unha muller que tiña a ben cantar, aguzar os sentires, aledar a xente por onde ía, en foliadas e romarías grazas a aquel xeito de manexar socialmente o seu violín e, ao mesmo tempo, sacar adiante toda unha familia numerosa, nuns tempos nos que non había máis ca fame e miserias, aínda con moitos rancores producidos pola Guerra Civil, de tanta mágoa e tristura.

As cegas e cegos soubérono relatar moi ben por baixo de eufemismos ben desimulados, transmitiron aquel drama e tamén tocaron valses e polcas, mazurcas, muiñeiras, pasacorredoiras, pateados, corridos, xotas, pasodobres, romances, parrafeos. Véñennos á cabeza nomes como a Pachacha de Couto do Outeiro, en Mondoñedo, que ía coa Toña, natural de Labrada, costureira que tamén erguía a paletilla, ou a Cega de Miranda, en Castroverde, repentista tamén; ou a de Noceda, en Fonsagrada, tocaba o violín mentres a sobriña tocaba os ferriños; ou o Cego dos Vilares, o de Aldixe, o de Aiedo ou o da Braña, a Cega de Arcos de Frades… Canta memoria perdida!

Pero aquela muller, Dª Francisca Rancaño, viñera casar a Gondel con Mingos, e tiveran seis fillos: Josefa, José, Manuel, Luzdivina, Henrique, e Aurora Palmeiro Rancaño. Esta última non “era” ben, andaba coa mai levando o cesto de pedir. Chamábana Tata. A Cega acompañábase primeiramente da súa filla Tata –para tela de man- e cando a tiña atendida, executaba con primor no violín aquelas historias narradas poeticamente, cantaba pezas coñecidas ou inventaba no momento, falando dos presentes e facendo oficio de repentista, sen previa preparación da palabra, sobre un soporte musical coñecido. Por veces, facíase acompañar doutro fillo para tocar a pandeira ou o bombo. Ían aos arredores en busca de beneficio ou esmola nas festas máis concorridas.

Nunha ocasión foron á Romaría da Santa María, a Ramil, e alí, cantando entre as merendas, cadraron con D. Gustavo Freire –recoñecido músico chairego–, que asistía a aquela convocada festa, anualmente celebrada, á que viña moita xente devota. Dábanse cita músicos da Banda de Lugo, de Bonxe, Antas, A Estrada, Lalín e doutros lugares que lles daban fama e calor musical aos intres daqueles tempos. Pasou a cega por onda a merenda na que estaba el e, despois de tocar unha peza co violín, D. Gustavo pediullo para el tocar algo tamén. A cega resistiuse, nun primeiro momento, coidando que llo poderían estragar e sabendo que era o fundamento da súa vida. Despois da insistencia dos presentes, cedeu e foi o músico quen, colléndoo con moito xeito e tenrura, púxose a interpretar a mesma peza que viña de tocar Dª Francisca. Quedou pasmada e felicitouno agradecida pola marabillosa interpretación; el a ela tamén lle agradeceu o labor de manter viva a tradición, con tanta dignidade e no seu eido natural. Peciña curta que nunca esqueceremos e gardamos coma un tesouro, sabendo que non deberiamos perder esas xoias da nosa cultura, pois son semente de porvir. É a única peza enteira que quedou daquela muller que desde a súas sombras venceu todas as dificultades.

Morreu no 1952 coa idade de 77 anos e, lembramos, cantou aconteceres dos que hoxe só podemos dar nome, como o Crime de Montecubeiro e o de Suevos, ou o Crime dos Farelos –que falaba da represión feroz que desataron os vencedores da incivil guerra, cos Sarille, López, Seixas e os tres irmáns Pereira. Tamén tocaban outras pezas de contento, como a foliada “Na Palleira” con aquela bonita copla: “Arrímate pecador, arrímate que non pecas. Quen bailando non se arrima, é que come o pan a secas”. E logo engadía: “Agora si que resoan as cordas do violín porque saíron ao baile as fillas do Serafín”.

Agradecida memoria para a Cega de Gondel. Un agasallo!

Baldomero Iglesias Dobarrio. Mero

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: