Declaración da Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria en resposta ao comunicado do señor Arcebispo de Santiago sobre a ordenación das mulleres


Logo EXERIA

 Ao Sr. Arcebispo de Santiago Julián Barrio:

Benquerido irmán no Señor,

A raíz das declaracións realizadas por Christina Moreira en distintos medios de comunicación, nos que declara con valentía e moito amor apostólico a súa condición de presbítera, e do posterior Comunicado emitido polo arcebispado de Santiago de Compostela o pasado 12 de marzo de 2017, reabriuse con forza o debate sobre a ordenación sacerdotal das mulleres. A Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria quere, con este escrito, expoñer publicamente algunhas reflexións sobre a situación das mulleres na Igrexa, e neste caso concreto, sobre o acceso das mulleres ao Ministerio da Orde Sacerdotal. Amais de apoiar o paso da nosa compañeira Christina Moreira, queremos manifestar a nosa solidariedade e agradecemento para con ela e coas ducias de mulleres de todo o mundo que responderon con fidelidade e valentía, con apertura obediente, á chamada da súa vocación sacerdotal.

As mulleres que conformamos Mulleres Cristiás Galegas Exeria, levamos máis de 20 anos celebrando a nosa fe como mulleres, como cristiás e como galegas, e reflexionando comunitariamente desde esta nosa identidade (recordamos, neste sentido, os documentos por nós publicados: “Nós, as mulleres na Igrexa” e “Violencia de Xénero, violencia contra as mulleres”).

Desde nós queremos expresar o seguinte:

  1. Nas declaracións realizadas por Christina Moreira, ela preséntase como sacerdote, ordenada desde hai dous anos, respondendo á súa vocación, da que tomou conciencia hai tempo, nun momento crucial da súa vida. Recoñecemos a Christina Moreira como presbítera. Sabemos que recibiu a ordenación diaconal e a ordenación sacerdotal e que preside os domingos a celebración da Eucaristía na comunidade Home Novo dun xeito comunitario e participativo, namorando e mesmo entusiasmando á comunidade coa Palabra de Deus. Ademais, acompaña a esta comunidade e a numerosas persoas alleas a ela no seu camiño de fe cristiá.
  2. Sentimos unha profunda dor, acompañada de amargura e rabia, a causa das formas e os contidos do comunicado emitido polo Arcebispo de Santiago de Compostela en relación co presbiterado de Christina Moreira, comunicado que reflicte a postura oficial da xerarquía católica (que non a opinión de teólogos e teólogas nin de moitas cristiás e cristiáns da Igrexa) en relación a este tema. Apoiadas nos estudos teolóxicos e na Tradición máis próxima ao noso irmán maior Xesús, o Cristo, queremos expoñer que:
  3. Como ben apunta o comunicado emitido polo arcebispado de Santiago de Compostela, “La Iglesia es un Misterio de comunión por voluntad del Padre, realizado en la misión del Hijo y actualizado por la Acción del Espíritu Santo”. Tanto o noso Deus Pai-Nai, como o noso Mestre Xesucristo, como o Espírito Santo que todo o envolve no seu Amor grande, confirman a inclusión coma un elemento esencial. Polo tanto, a inclusión necesaria tamén das mulleres, máis da metade da humanidade e a maioría numérica da nosa Igrexa. É necesaria a actualización da Igrexa na sociedade contemporánea, igual que no seu tempo se actualizou na sociedade patriarcal do século II na que vivía Ignacio de Antioquía.
  4. “En el Nuevo Testamento aparecen llamadas que llevan consigo la encomienda de una misión por parte de Jesús. Una de ellas es la llamada a los Doce, con la designación para una misión esencial, unas tareas y unas significaciones que aparecen diferenciadas del conjunto de los cristianos.” O grupo de seguidores de Xesús estaba formado por homes e mulleres. Xesús acolleu sempre ás mulleres, valorounas e quíxoas, nunha sociedade xudía na que eran suxeitos de segunda categoría. A Samaritana, Marta e María, ou a Hemorroísa, entre outras moitas, confirman o achegamento sempre cálido de Xesús ás mulleres, o seu recoñecemento fraterno. María Magdalena aparece nomeada como a “apóstola de apóstolos”, “a primeira testemuña e evanxelista da resurrección do Señor”. Desde o mes de xullo deste ano o Papa Francisco elevou a súa festividade litúrxica ao nivel da dos apóstolos por ser a primeira que recoñece ao Xesús resucitado e vai proclamalo ao resto de discípulos (aos Doce!) que inicialmente dubidan e mesmo se negan a crer na súa palabra. San Paulo, que asenta o seu carácter de apóstolo en ter visto ao resucitado, distingue tamén a outra muller, Xunia, como “insigne entre os apóstolos, que creu en Cristo antes ca min” (Rom 16, 7).
  5. “La presidencia de la celebración sacramental no es, pues, un ministerio que Cristo haya entregado a las mujeres.” O mesmo Papa Xoán Paulo II declara na carta apostólica Ordinatio Sacerdotalisque las mujeres no pueden ser sacerdotes porque el mismo Cristo, que instituyó el Sacramento, determinó que fueran varones quienes ejerzan este ministerio”. En efecto, Cristo non entregou a presidencia da celebración sacramental ás mulleres nin tampouco lla entregou aos homes. Cristo non estableceu presidencias celebrativas tal e como as entendemos hoxe e, polo tanto, non determinou que foran homes quen a exerceran. O conxunto dos sete Sacramentos hoxe recoñecidos pola Igrexa Católica, Apostólica e Romana, e nomeadamente o da Ordenación Sacerdotal, son en grande medida froito do camiñar histórico eclesial, resultado da busca de moitas xeracións de crentes iluminados polo Espírito Santo (iso desexamos) na construción dunha comunidade crente que quere ser fiel ao Espírito de Xesús… Fóronse construíndo historicamente con vocación de seguir evolucionando para maior fidelidade ao Espírito.
  6. A afirmación do Papa Xoán Paulo II de que “a Igrexa non ten de ningunha maneira a facultade de darlle ás mulleres a ordenación sacerdotal, e esta sentencia debe ser considerada de modo definitivo por todos os fieis da Igrexa” é unha afirmación ousada, porque nin sequera o mesmo Papa é quen de coñecer de antemán os camiños misteriosos e imprevisibles do Espírito, capaz de sorprendernos sempre por riba dos nosos criterios humanos, tantas veces pechados e cegos. Esta afirmación non ten en conta que nas primeiras comunidades cristiás, ao longo de case tres séculos (tres séculos nada menos!), as mulleres exerceron un papel clave na proclamación da Palabra do Señor, no Partir o Pan e o Viño, na atención aos pobres,… Se o Papa Xoán Paulo II “descartó toda posibilidad de debate dentro de la Iglesia sobre la posibilidad de aceptar el sacerdocio femenino”, dicimos con claridade que se equivocou!

Como ben recoñece este comunicado arcebispal, citando ao Papa Xoán Paulo II, “Lo cual no significa que la mujer no sea una parte fundamental en una Iglesia, toda ella ministerial en virtud del sacramento del bautismo”. As mulleres non somos só unha parte fundamental da igrexa. É que sen nós, mulleres, sen a nosa inclusión, sen o noso pleno recoñecemento en igualdade, a Igrexa non ten futuro. Lamentamos que, en pleno século XXI, os homes que rexen actualmente a Igrexa nos sigan considerando suxeitos de “segunda clase”, sen capacidade de colaborar en igualdade de condicións nas decisións e servizos da Igrexa. As razóns que din xustificar esta prohibición son pobres e moitas veces sen fundamentación teolóxica actualizada, polo que non se sosteñen ante a menor crítica.

As mulleres, hoxe, reivindicamos unha sociedade de iguais onde mulleres e homes teñamos os mesmos dereitos e oportunidades. A sociedade está a dar pasos neste cambio. Hoxe as mulleres participamos a tódolos niveis na representación social, a investigación científica e filosófica, e os traballos de calquera nivel de cualificación. Como imos conformarnos cando se nos di que é simplemente pola nosa condición de mulleres -por simple razón de sexo!- que non se nos permite acceder a ordenación sacerdotal? A iso nesta sociedade chámaselle “sexismo”.

Precisamos reabrir con urxencia o debate sobre a igualdade na igrexa, e dentro deste debate falar tamén sobre a ordenación sacerdotal das mulleres. Precisamos camiñar cara unha Igrexa na que non exista discriminación, unha Igrexa democrática, fraterna, onde mulleres e homes formen comunidades de iguais, comunidade vivas, comprometidas, onde sexamos capaces de traballar en comunión, onde todas e todos teñamos palabra, onde cada quen achegue o que realmente é. Unha Igrexa aberta, coidadora, agarimosa, ousada, libre ao estilo de Xesús. Unha igrexa de iguais na que as mulleres ocupemos tamén os espazos de decisión, de responsabilidade e de representación eclesial que nos pertencen por dereito e por Tradición.

Acaso Deus non quere a igualdade?

Señor Arcebispo: cre vostede de verdade que Deus quere unha igrexa desigual?

Como ben expresou o apóstolo Paulo, “non hai xudeu nin grego, nin servo nin libre, non hai varón ou muller porque todos somos un en Cristo Xesús(Gal 3, 28).

Que así sexa para Gloria de Deus Pai-Nai, Amén.

ASOCIACIÓN MULLERES CRISTIÁS GALEGAS EXERIA

25 de marzo de 2017

No 670 aniversario do nacemento de Catarina de Siena, matrona de Europa e doutora da Igrexa

1 comments

  1. No mesmo texto da Cea do Señor Xesús lava os pés e manda que se faga no futuro ós demais. Ninguén interpretou que só os varóns consagrados poden face-lo mandamento do Amor Fraterno, interpretación restritiva que si se fai no caso do “facede isto en memoria miña”. Noutras partes dos Evanxeos si hai prohibicións aos discípulos cando se adiantan a facer cousas. Por outra banda, o que celebran Xesús e os Apóstolos non é unha liturxia sacerdotal do Templo de Xerusalén senón o que fan tódalas familias xudías nas súas casas, homes, mulleres e nenos.

Deixar un comentario