Editorial: Empobrecidos polas enerxéticas


A morte dunha muller en Reus, hai unha semana, trouxo á primeira liña informativa a realidade da pobreza enerxética no Estado. Gas Natural-Fenosa procedera ao corte da luz á vivenda había dous meses, debido a que esta muller de 81 anos non podía pagar os recibos, o que a levou a se iluminar con candeas, e unha delas provocou o incendio na madrugada do 15 de novembro. Malia que en Catalunya está vixente a Lei contra os desafiuzamentos e a pobreza enerxética, que obriga as compañías enerxéticas a comunicarlles previamente ás Administracións calquera corte, para garantir que, por motivos económicos e sociais, ninguén fique sen subministro electrónico, a compañía eléctrica actuou a sabendas contra esta lei, deixando na indefensión absoluta a reusense.

A súa morte non foi unha traxedia illada, é a punta do iceberg do sufrimento no que están a vivir un gran número de familias desde o inicio da crise: a imposibilidade de garantir os servizos básicos para a subsistencia. E en Galiza, cunha produción eléctrica excedentaria, estamos a aturar as inconveniencias dos procesos de xeración, sen notar unha mellora para o conxunto da poboación, e mesmo padecendo unha electrificación rural aínda penosa.

Cómpre reivindicarmos que o uso da enerxía é un dereito básico, recoñecido pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos e pola Constitución Española. En ningún caso, coma nos lembra Som Energía, unha das cooperativas do sector, a enerxía pode ser un ben de luxo. Mais a realidade é que se converteu nisto, xestionada por un oligopolio de empresas, ás que todos coñecemos polo nome e pola súa profusa publicidade nos medios, que controlan o mercado, empobrecendo as familias ao tempo que gañaron máis de 56.000 millóns durante a crise (datos de fins de 2015 e referidos unicamente a Gas Natural, Iberdrola e Endesa).

A pobreza enerxética mata. Os recortes matan. A regulación do mercado eléctrico mata. O capitalismo mata. Hai unha clara responsabilidade, por acción e omisión, das diferentes Administracións públicas nestas mortes. A lóxica de funcionamento das empresas, na busca unicamente do lucro, é perversa, que non se pode escusar no funcionamento do mercado, senón no incumprimento flagrante das leis (leis inxustas que castigan máis a quen se engancha á luz sen contrato que aos que están a provocar mortes e doenzas ao lle cortaren o acceso).

E nós? Temos algún papel nesta realidade?

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s