Festa do Lume de 2016


 

Había unha vez un país verde nun planeta azul ….”

6 de febreiro, Mosteiro de Bergondo

Poñemos rumbo de novo ao noso encontro de inverno, arredor da Candeloria, a nosa “Festa do Lume”, como a bautizou Pepe Chao, precisamente para celebrarmos que nese tempo a luz vai vencendo á escuridade, a natureza comeza a espertar e, xa que logo, como dicimos por tradición en Galicia, facemos festiña no día no que casan os paxariños.

E na natureza, neste país verde e neste planeta azul, queremos centrar o noso encontro. Hai dous anos convidamos a iniciativas creativas que afrontaban as consecuencias da crise financeira con imaxinación, cooperación e unha visión alternativa da produción, do intercambio e do consumo. O pasado ano a nosa mesa de experiencias facía homenaxe a iniciativas sociais e culturais de base que inzan no noso territorio. E agora, para o 2016, queremos poñer o acento na defensa ecolóxica do territorio.

Francisco publicou recentemente a Laudato si, co fermosísimo subtítulo de “O coidado da Casa Común”, e aí maniféstase a vinculación entre a deterioración ecolóxica e os modelos acelerados e depredadores de produción e consumo, unha deterioración que afecta de maneira directa e especial aos máis vulnerables. E, por outra parte, acaba de finalizar o Cumio de París sobre o cambio climático, cun compromiso morno e insuficiente. Neste contexto de preocupación compartida e ben actual, preguntámonos: que está pasando en Galicia? Como se está librando aquí a batalla polo futuro do noso equilibrio natural? Onde e de quen podemos aprender e re-animar a nosa propia coherencia e militancia?

Compartiremos a experiencia de iniciativas de base sobre estas cuestión.

Faremos, ademais, o noso encontro anual: a asemblea primeiro, despois a mesa de experiencias, o xantar degustación irimego e a celebración da nosa fe e esperanza que nos ancoran nun futuro mellor.

Ide facendo sitio nas vosas axendas.

Deixar un comentario